Actualidade

[Nova2014]TRABALLO E BENESTAR PRIORIZA NOS SEUS ORZAMENTOS DE 2014 A ATENCIÓN Á DEPENDENCIA, Á DISCAPACIDADE E Á INCLUSIÓN

TRABALLO E BENESTAR PRIORIZA NOS SEUS ORZAMENTOS DE 2014 A ATENCIÓN Á DEPENDENCIA, Á DISCAPACIDADE E Á INCLUSIÓN

Santiago, 31 de outubro de 2013.- A Consellería de Traballo e Benestar priorizará nas súas contas de 2014 a "protección e salvagarda dos dereitos dos máis vulnerables", polo que incrementará o orzamento en tres eixos esenciais: a dependencia, a discapacidade, e a inclusión. Ademais, apóstase pola conciliación e a revitalización demográfica a través dun importante esforzo de investimento na área de familia e infancia.

 

Así o expuxo hoxe a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, durante a súa comparecencia parlamentaria, durante a que explicou as contas de cara ao próximo ano, tanto no eido social como no laboral.

"Dar resposta a quen máis o precisa" vai seguir sendo un dos principais obxectivos. Para conseguilo, xa se está traballando na carteira de servizos destinados á inclusión que regulará todos os recursos dispoñibles en centros de acollida, comedores sociais...Esta aposta normativa –na que tamén se inclúe a nova Lei de inclusión que se está tramitando- vai estar acompañada dun "importante esforzo" orzamentario, que chegará aos 79 millóns de euros.

Dentro da inclusión, Mato fixo especial fincapé na Renda de Integración Social de Galicia (RISGA), que contará en 2014 con 39,7 millóns de euros, un 21,4 por cento máis que no orzamento de 2013. "Un incremento que aínda ten máis relevancia se temos en conta que nas contas deste ano xa se tiña aumentado un 38 por cento este programa", concretou.

Ademais, tamén se blindan as Axudas de Emerxencia Social (AES) con 4,5 millóns de euros; a orde de axudas á inclusión, con 3 millóns de euros; e o complemento das Pensións non contributivas (PNC), con 9,5 millóns. Sobre este último aspecto, a conselleira lembrou que só tres autonomías abonan este complemento e que Galicia é a que destina a contía máis elevada a cada pensionista.

A dependencia contará con 278 millóns de euros, un 0,8 por cento máis que este ano e representará o 56,8 por cento do total do investimento social do departamento. Como ata o de agora, seguirase priorizando a prestación de servizos, unha liña de actuación que permitiu a Galicia situarse como a segunda comunidade con maior porcentaxe de servizos de todo o Estado.

Dentro desta partida, a conselleira salientou os 82 millóns para as prazas de maiores (+0,7%); o mantemento do orzamento do Servizo de axuda no fogar para persoas dependentes, con 38 millóns de euros; e o incremento da teleasistencia ata os 1,5 millóns de euros.

A partida para as persoas con discapacidade tamén medrará en 2014 ata os 97,2 millóns de euros, o que supón un incremento do 5,8 por cento. Pero non só aumentará o orzamento na atención, senón que a aposta é a da "integración plena e igualdade real", a través principalmente da inserción laboral. Por iso, os programas de emprego para persoas con discapacidade soben nun 8 por cento, ata os 17,4 millóns de euros.

Na infancia e familia, practicamente todas as medidas enmárcanse no Plan para a dinamización demográfica de Galicia. Blíndase o orzamento das escolas infantís en 25,5 millóns de euros, para manter as 8.600 prazas públicas e continuar avanzando no compromiso de crear 3.500 novas nesta lexislatura. Tamén se incrementa o investimento destinado ao cheque infantil, nun 11 por cento, ata os 1,7 millóns de euros.

Neste eido, a conselleira lembrou a medida anunciada polo Presidente da Xunta que permitirá a exención de prezo público para o segundo fillo matriculado nunha escola infantil pública da rede autonómica destinada a familias con rendas inferiores aos 30.000 euros anuais. Esta novidade vai ligada tamén ao anuncio de elevar ata os 360 euros o incentivo fiscal para familias con fillos menores de 3 anos.

Xa na área de Xuventude, priorizaranse os programas que favorecen a empregabilidade, a participación e a educación non formal como Galeuropa (600.000 euros), destinada a facilitar prácticas laborais en países europeos; ou a campaña de verán.

Potenciar a empregabilidade
En 2014 unha das grandes novidades será a creación dunha nova carteira de servizos para o emprego, que permitirá poñer en marcha "máis servizos, de maior calidade, máis accesible e mellor definidos". O obxectivo é aumentar a intermediación e a inserción laboral na rede de oficinas de emprego.

Continuar fomentando a formación, porque mellora as oportunidades de acceder a postos de traballo, vai seguir sendo unha prioridade. O orzamento blindarase con 63 millóns de euros, ao igual que en 2013. Practicamente o 100 por cento dos cursos, como este ano, permitirán acceder a un certificado de profesionalidade.

Os contratos de formación dual, nos que a Xunta financia de forma voluntaria e pioneira a parte formativa, seguirán sendo un dos programas destinados a facer fronte ao desemprego xuvenil dos menores de 30 anos.

A conselleira fixo referencia tamén a outras actuacións, como os programas integrados de emprego que contarán con 4 millóns de euros; ou o mantemento do orzamento dos obradoiros de emprego con 9,6 millóns.

Con todo, Mato destacou especialmente o apoio a autónomos e emprendedores con 25 millóns de euros. Dentro desta partida, aumenta o orzamento destinado á promoción do emprego autónomo ata os 17,2 millóns de euros, un 4% máis que en 2013. Isto vai permitir dar continuidade ao apoio á contratación indefinida de traballadores por parte dun autónomo.

En canto a cooperativas, unha fórmula que está demostrando especial resistencia á crise económica, a partida destinada ao fomento desta fórmula empresarial aumentará ata os 2 millóns de euros, un 36 por cento máis.

Neste eido, lembrou que se está a traballar nunha Lei de economía social, o que convertirá a Galicia na primeira autonomía en contar cunha norma deste tipo.

En definitiva, rematou Mato, as contas para 2014 darán "maior resposta a aqueles que peor o están a pasar, á vez que se mellora a empregabilidade dos galegos e galegas. A Consellería non vai renunciar o seu compromiso número un: as persoas".


Temas relacionados