Actualidade

[Nova2013]MUÑOZ FONTERIZ SALIENTA QUE OS ORZAMENTOS ESTÁN ADAPTADOS Á REALIDADE, SON EXECUTABLES E ATENDEN AS NECESIDADES DOS CIDADÁNS GALEGOS

MUÑOZ FONTERIZ SALIENTA QUE OS ORZAMENTOS ESTÁN ADAPTADOS Á REALIDADE, SON EXECUTABLES E ATENDEN AS NECESIDADES DOS CIDADÁNS GALEGOS

Santiago, 9 de xaneiro de 2013.- A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, subliñou hoxe que os orzamentos deseñados pola Xunta para o ano 2013 están adaptados á realidade, son veraces, executables e están elaborados para atender as necesidades dos cidadáns galegos, cunhas previsións macroeconómicas froito do consenso dos datos ofrecidos polos organismos internacionais coa necesaria adaptación ás circunstancias da economía galega.
  
Elena Muñoz Fonteriz, que compareceu en comisión parlamentaria, salientou a importancia de que o Goberno galego puidese aprobar as súas contas para este exercicio en menos dun mes para que poidan estar vixentes o antes posible, a finais del mes de febreiro, uns orzamentos que reiterou que están condicionados pola necesidade de cumprir o obxectivo de estabilidade orzamentaria fixado no 0,7% do PIB.
  
A titular de Facenda explicou que a redución do déficit público e do endebedamento á metade no ano 2013 sentará as bases para a recuperación económica de Galicia, pois considera que este control é imprescindible para conseguir o crecemento.
  
Apuntou que as dúas premisas irrenunciables son, por unha banda, o mantemento do gasto social coa prestación dos servizos públicos fundamentais e, por outra, o mantemento na medida do posible do esforzo investidor da comunidade e a prioridade dos gastos incluídos no Fondo de Crecemento, dotado con 386 millóns de euros.
  
Resaltou que o control dos gastos financeiros, co menor incremento de todas as comunidades, tres veces menos que a media, permite liberar máis recursos para conseguir a sostibilidade social, plasmada no mantemento ou incremento de partidas destinadas á cobertura social, educativa e sanitaria básica dos cidadáns, como o Risga, emerxencia social, becas universitarias ou transporte escolar.
  
De feito, insistiu en que o Goberno galego segue diminuíndo os gastos correntes para poder destinar máis recursos a mellorar actuacións para os máis necesitados, posto que estas partidas caen en case 160 millóns de euros este ano, máis do dobre que o gasto de capital.
  
Vocación incentivadora da actividade económica


Ademais, sinalou que, unha vez atendidas estas necesidades, as contas autonómicas deste ano teñen unha clara vocación incentivadora da actividade económica, dentro das posibilidades actuais da comunidade e da súa composición cualitativa dos seus gastos. Por iso, insistiu en que se crea un Fondo de Crecemento, que prioriza o Plan Estratéxico, no que se fixan as políticas básicas de investimento da Xunta, de forma que na execución do orzamento de gastos de capital darase prioridade aos proxectos asociados a este fondo.
  
Elena Muñoz Fonteriz tamén se referiu á solvencia e fiabilidade de Galicia, que por si mesma e sen necesidade de solicitar axudas de tipo financeiro ao Estado, como o Plan de Provedores ou o Fondo de Liquidez Autonómica, é capaz de atender as súas obrigas.
  
O Goberno galego coas contas do presente exercicio pensa no presente pero tamén no futuro co obxectivo de, unha vez que foi a primeira autonomía que controlou o déficit público, ser tamén unha das primeiras en conseguir saír da crise.
  
Aforro adicional dun 10% en alugueiros


Sobre os orzamentos do departamento autonómico que dirixe, Muñoz Fonteriz destacou que o gasto en alugueiros, que xa se reduciu en máis dun 25% na pasada lexislatura, experimentará un aforro adicional de case o 10% este exercicio, a pesar de que a Administración autonómica terá que pagar un 3% máis en concepto de suba do IVE.

En relación ao pequeno incremento do orzamento da consellería, explicou que se debe á dotación adicional de fondos europeos destinada á mellora das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) no ámbito de competencias deste departamento, fundamentalmente á mellora do sistema de información económico-financiero e contable e; no ámbito tributario, á mellora da asistencia aos contribuíntes a través da Oficina Virtual Tributaria.


Temas relacionados