Actualidade

[Nova2013]A XUNTA REFORZA EN 2013 O GASTO NAS PROVINCIAS DE LUGO E OURENSE PARA SEGUIR IMPULSANDO O REEQUILIBRIO TERRITORIAL

A XUNTA REFORZA EN 2013 O GASTO NAS PROVINCIAS DE LUGO E OURENSE PARA SEGUIR IMPULSANDO O REEQUILIBRIO TERRITORIAL
Santiago, 28 de decembro de 2011.- O proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade galega para 2013 reforza a aposta do Goberno autonómico polo equilibrio do territorio priorizando o gasto por habitante nas provincias de Ourense e Lugo fronte ás de Pontevedra e A Coruña, pois os recursos que destina por habitante nas provincias interiores son un 50% superiores ás atlánticas.
 
Así, a suma dos investimentos da administración xeral e dos entes dependentes supón que o gasto por habitante será o vindeiro ano de 778 euros na provincia de Ourense e de 767 na de Lugo, mentres que á de Pontevedra se destinará 538 euros e á de A Coruña 503. Desta forma, a de A Coruña terá unha dotación global de 576,9 millóns de euros; a de Pontevedra, de 518,6; a de Lugo de 269,8; e a de Ourense, de 259,3 millóns de euros.
 
A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, entregou hoxe no Parlamento o proxecto de Lei de Orzamentos para 2013, os máis sociais da historia da autonomía, cun 77% do gasto destinado a sanidade, educación e servizos sociais, co que gañan 8,9 puntos de peso desde o ano 2009.
 
Muñoz Fonteriz explicou que esta blindaxe do gasto social é compatible con que o axuste dos gastos de capital sexa catro veces inferior ao conxunto das autonomías, pois Galicia é a segunda comunidade en termos absolutos que máis recursos destina a investimentos.
 
Presente e futuro
Ademais, resaltou que coas contas do vindeiro exercicio o Goberno galego pensa no presente pero tamén no futuro co obxectivo de, unha vez que foi a primeira autonomía que controlou o déficit público, ser tamén unha das primeiras en conseguir saír da crise.
 
A titular de Facenda salientou tamén que a Administración autonómica continúa co seu esforzo en áreas chaves, como os concellos, que contarán en 2013 con 125 millóns de euros e que acumulan un financiamento adicional de 78 millóns de euros desde o ano 2010, polo que a Xunta mantén o seu esforzo pese a que as dispoñibilidades de recursos seguen caendo.
 
Igualmente, subliñou que se fai un esforzo similar, sostido no tempo, coas universidades, xa que se garante o cumprimento do seu sistema de financiamento e se mellora en dous millóns de euros o capítulo dedicado a I+D+i. Como resultado desta aposta, o seu peso no total do gasto non financeiro da Xunta gañou máis dun punto en tres anos e, con 371 millóns de euros, xa representa o 4,3% do orzamento.
 
Axuste tres veces inferior á media
A Administración autonómica contará en 2013 cun gasto non financeiro de 8.479 millóns de euros, un 2,5% inferior á capacidade de gasto deste exercicio, cumprirá coa redución do déficit en máis de 400 millóns de euros, ata o 0,7% do PIB, polo que diminuirá o recurso ao endebedamento en máis da metade en relación a 2012. Este axuste orzamentario para o vindeiro exercicio supón tres veces menos que a media de rebaixa das comunidades autónomas, que se sitúa en torno ao 7%.
 
A titular de Facenda resaltou que precisamente o control do endebedamento durante os últimos catro anos, axustándose ao pactado no Consejo de Política Fiscal y Financiera (CPFF), permitirá que os gastos financeiros da Comunidade galega aumenten tres veces menos que a media das autonomías e é a comunidade en que menos se incrementa.
Nas vindeiras contas mantéñense como prioridades a solvencia da comunidade e a blindaxe dos servizos públicos, cunha contención do gasto corrente que duplica o axuste dos gastos de capital.
 
Os orzamentos entregados á Cámara tamén confirman que o PIB da economía galega será do -0,9% en 2013, dúas décimas mellor que o agardado para España, e que a comunidade poderá manter un diferencial positivo de entre 4,5 e 5 puntos en taxa de paro.
 
Para reforzar a aposta pola reactivación económica e sentar as bases para poder recuperar taxas positivas da economía as contas inclúen un novo Fondo de Crecemento, dotado con 386 millóns de euros, coherente co Plan Estratéxico, para mellorar a eficacia dos investimentos autonómicos.

Temas relacionados