Actualidade

A CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA INCREMENTA O SEU ORZAMENTO NUN 9,2% PARA AVANZAR NA DIXITALIZACIÓN DA INDUSTRIA GALEGA E NO EMPREGO DE CALIDADE

A CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA INCREMENTA O SEU ORZAMENTO NUN 9,2% PARA AVANZAR NA DIXITALIZACIÓN DA INDUSTRIA GALEGA E NO EMPREGO DE CALIDADE
  • O conselleiro Francisco Conde presentou hoxe no Parlamento as contas para o vindeiro ano, que suman un total de 570 millóns de euros e que responden aos retos da Comunidade en canto a crecemento e creación de emprego
  • A Axencia Galega de Innovación (Gain), un dos departamentos que medra con máis forza, destinará 6 millóns de euros ao novo programa Talento 2021, que permitirá captar 1.500 profesionais para actividades de I+D+i
  • Dedicaranse ao financiamento empresarial un 17% máis de fondos, ata os 50 millóns, e as Iniciativas Empresariais Prioritarias tramitaranse na metade de tempo
  • No marco do Polo Aeroespacial de Galicia, que conta con 18 millóns de euros, poñerase en marcha a primeira aceleradora aeronáutica na cidade de Lugo e comezarán as obras de urbanización do novo parque industrial de Rozas
  • No ámbito do emprendemento innovador, crearase a plataforma StartIN Galicia, para ofrecer un apoio integral a todos os proxectos incubados na rede galega de aceleradoras
  • Destinaranse 40 millóns de euros a seguir avanzando na dixitalización e na implantación da fábrica intelixente
  • Neste novo contexto, dedicanse 145 millóns de euros á formación, priorizando os programas que se adapten aos novos perfís profesionais
  • No ámbito do emprego tamén se prestará maior atención aos colectivos que máis o precisan, con 40 millóns para os programas centrados en promover a contratación de mulleres, mozos, parados de longa duración e persoas en risco de exclusión
  • A través do diálogo cos diferentes axentes, espérase ampliar os obxectivos da Axenda 20 e avanzar en novas iniciativas nas políticas activas de emprego

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2018.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, presentou hoxe no Parlamento de Galicia os orzamentos do seu departamento para o vindeiro ano, que medran un 9,2% con respecto a 2018, ata situarse en 570 millóns de euros, co obxectivo de avanzar nun proxecto económico ambicioso e de futuro para Galicia a través da dixitalización da industria e do emprego de calidade. Segundo apuntou o conselleiro na súa intervención, trátase duns presupostos que miran ao futuro pegados á realidade, e que responden aos retos que Galicia ten por diante en canto a crecemento e a creación de postos de traballo.

Así, estes orzamentos, segundo incidiu Conde, asumen o compromiso de xerar 15.000 novos empregos a tempo completo o vindeiro ano, que se sumen aos 41.000 que xa se acumulan nesta lexislatura. Ao mesmo tempo, tal e como sinalou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, están centrados en entender que detrás das empresas hai persoas, en permitir a mellora da competitividade do tecido produtivo galego, e no respecto ao diálogo social.

Entre as principais novidades, está o programa de Segunda Oportunidade, dotado con 9 millóns de euros, para que cada ano 1.000 mozos e mozas que non remataron os seus estudos poidan obter as competencias que melloren a súa empregabilidade.

Ademais, promóvese un ano máis a I+D+i con impacto empresarial a través dun crecemento do orzamento da Axencia Galega de Innovación (Gain) do 21%, situándose en preto dos 100 millóns de euros para 2019. Deste xeito, Gain volve ser un dos departamentos que medra con máis forza, prestándolle unha especial atención ao programa Talento 2021, que contará con seis millóns de euros na súa primeira convocatoria, e que no seu conxunto ten como obxecto a captación de 1.500 profesionais para actividades de I+D+i en tres anos.

Tamén na área de innovación, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, que contará este ano con 18 millóns de euros, poñerase en marcha a primeira aceleradora aeronáutica na cidade de Lugo, e comezarán as obras de urbanización do novo parque industrial de Rozas, que dará oportunidade ás empresas a que se instalen para promover novos proxectos. Ademais, desenvolverase un novo Centro de Emprendemento en Lugo dedicado integramente ao sector aeroespacial e que será a futura sede da aceleradora. Tamén no ámbito do emprendemento innovador, crearase a plataforma StartIN Galicia, para ofrecer un apoio integral a todos os proxectos incubados na rede galega de aceleradoras.

Autoconsumo e instalacións de carga de GNL

Na súa intervención, Conde destacou tamén o aumento do orzamento do Inega e da Dirección Xeral de Enerxía e Minas dun 15,5%, ata os 38,9 millóns de euros. Fortalécese así, seguindo as Directrices Enerxéticas de Galicia, o impulso das enerxías renovables, a eficiencia enerxética e as alternativas de mobilidade sostible, con proxectos pioneiros como o Ecobarrio de Ourense, ao tempo que se intensifica a loita contra a pobreza enerxética. Entre as novas medidas desta área están a implantación de dúas instalacións de carga de GNL para consolidar este combustible no transporte terrestre, e unha liña de axudas específicas para o fomento do autoconsumo.

Así mesmo, actívase un programa de impulso da industria forestal, que se está a elaborar co sector para reforzar a competitividade, polo que os fondos da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) soben un 52%, para avanzar na modernización e a diversificación do sector, así como o impulso da bioeconomía.

Marca Galicia

O conselleiro fixo fincapé en que a Marca Galicia é das que cotiza á alza, e así, lembrou que Galicia é a comunidade na que máis aumenta a confianza dos empresarios, a que paga máis rápido aos provedores, e a que reduce máis o desemprego, con case 5 anos consecutivos de baixada e superando o millón de afiliacións á Seguridade Social, ademais dunha taxa de paro do 12,2%, a niveis de 2009.

Conde apuntou que a Comunidade conta cun tecido empresarial que está sabendo interpretar as claves da nova economía, e por iso, desde a Xunta asúmese a tarefa de consolidar esta marca Galicia, dando resposta aos retos de futuro de país. Así, o responsable de Economía, Emprego e Industria resaltou que mediante a Lei de implantación empresarial e a colaboración da Fegamp seguiranse dando facilidades para desenvolver novos investimentos e a creación de emprego. As medidas xa postas en marcha serán reforzadas grazas ao regulamento das Iniciativas Empresariais Prioritarias, para distinguir aqueles proxectos estratéxicos para Galicia que supoñan un investimento mínimo de dous millóns de euros ou a xeración de 25 ou máis postos de traballo. Estes proxectos terán prioridade á hora da súa tramitación, reducindo automaticamente os prazos á metade.

O Igape, cuxo orzamento aumenta en preto dun 5%, dedicará un 17% máis de fondos, ata alcanzar os 50 millóns de euros, para financiar o investimento empresarial, con novas liñas para apoiar a máis empresas.

Transformación dixital

Segundo sinalou Conde, máis de 7.000 empresas puideron desenvolver diferentes proxectos de dixitalización no ámbito da Axenda da Industria 4.0. Para seguir avanzando neste eido, no vindeiro ano destinaranse 40 millóns de euros para poñer os máximos recursos ao alcance de todo o tecido produtivo. Así, aumentaranse en máis dun 40% os fondos para investimentos en dixitalización ligados á industria do futuro, e volverase convocar o programa de Fábrica Intelixente, para que grandes empresas e pemes desenvolvan proxectos de I+D+i en Galicia neste eido e impulsen o uso de novas tecnoloxías nos seus procesos produtivos.

Así mesmo, crecerán as axudas para a modernización do comercio, co foco posto no smart commerce. Tamén dentro da transformación do modelo produtivo, os hubs de innovación dixital actuarán como instrumentos estratéxicos para competir nos mercados globais, e constituirán unha nova aposta pola colaboración público-privada para que, con independencia do seu tamaño, os sectores estratéxicos galegos e as empresas teñan acceso ás novas tecnoloxías innovadoras que demanda a Industria 4.0.

Emprego de calidade

Neste novo contexto, Conde fixo fincapé en que a formación ten que xogar un papel central, polo que os orzamentos da Consellería de Economía, Emprego e Industria lle dedican 145 millóns de euros, priorizando os programas formativos que se adapten aos novos perfís profesionais que demandan as empresas. Así, reeditaranse programas pioneiros como as Unidades Formativas nas Empresas, e incrementaranse os fondos do Plan galego de formación. Ademais, daranse novos pasos, coa creación de especialidades formativas que formarán parte dun catálogo específico para os sectores estratéxicos de Galicia, e o programa de segunda oportunidade dirixido a 1.000 mozos e mozas galegas.

O conselleiro apuntou que todas as medidas teñen un único obxectivo: crear postos de traballo de calidade, salientando que se destinarán 110,5 millóns de euros en 2019 ás políticas para estimular directamente o emprego e mellorar as condicións laborais.

Prestarase maior atención aos colectivos que máis o precisan, con 40 millóns de euros para os programas centrados en mulleres, xuventude, desempregados de longa duración e persoas en risco de exclusión social. Tamén recibirán máis apoios as persoas con discapacidade, que, entre outras iniciativas, contarán cun novo programa dual nos centros especiais de emprego.

Francisco Conde sinalou que se espera contar coa colaboración dos sindicatos e empresarios para ampliar os obxectivos da Axenda 20, coa inclusión, por exemplo, de claúsulas sociais nos contratos públicos e nas axudas da Consellería, ou de novas iniciativas nas políticas activas de emprego. En total, para o vindeiro ano o orzamento da área de emprego e formación suma 255,5 millóns de euros, cun reforzo do 7%.

Segundo sinalou o conselleiro, os orzamentos de Economía, Emprego e Industria son un proxecto ambicioso e que responde ás necesidades e demandas do tecido produtivo e da cidadanía para seguir creando riqueza e emprego desde Galicia nas próximas décadas, conseguindo así que mellore a calidade de vida da cidadanía.