Actualidade

[Nova2015]O ORZAMENTO DA CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR ASCENDERÁ EN 2015 A 742 MILLÓNS DE EUROS, UN 2 POR CENTO MÁIS QUE ESTE ANO

O ORZAMENTO DA CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR ASCENDERÁ EN 2015 A 742 MILLÓNS DE EUROS, UN 2 POR CENTO MÁIS QUE ESTE ANO

Santiago, 31 de outubro de 2014.- O orzamento da Consellería de Traballo e Benestar ascenderá en 2015 a 742 millóns de euros, un 2 por cento máis que este ano, o que en termos absolutos se traduce nun incremento de 15 millóns. Así o apuntou a conselleira, Beatriz Mato, durante súa comparecencia hoxe en comisión parlamentaria.

Na análise polo miúdo das contas do próximo ano, a titular autonómica fixo especial fincapé nas medidas que se tomarán no marco do Plan de dinamización demográfica de Galicia, un dos aspectos que "máis preocupa" ao Goberno galego.

Así, entre outras medidas, anunciou que se crearán máis de 2.000 novas prazas de escolas infantís nos próximos dous anos –"o dobre de prazas das que había en época de bonanza económica"-; que se porá en marcha, en 2015, as primeiras casas-niño nas provincias de Lugo e Ourense; e que se aumentará a prestación por fillo a cargo para ser equivalente á dedución fiscal. A este respecto, lembrou que o Goberno galego xa anunciou que en 2015 se incrementará a dedución por nacemento ou adopción do segundo fillo ata 1.200 euros anuais e, no caso do terceiro, ata os 2.400 euros ao ano, "a maior axuda á natalidade de todas as comunidades autónomas". Por iso, a Consellería "fará extensiva esa dedución fiscal ás familias galegas que non teñen a obriga de presentar a declaración da renda e que non a presentaran voluntariamente".

Tamén na área de benestar, Mato incidiu en que a inclusión segue a ser unha das principais prioridades. Proba deste compromiso, é que as partidas globais destinadas a este eido crecen un 17,7 por cento, ata os 70 millóns de euros. "Un incremento que aínda ten máis relevancia se temos en conta que este ano xa se tiñan incrementado nun 20 por cento", destacou.

Dentro deste eixo, detallou que a Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) estará dotada con 47,7 millóns de euros, 8 millóns máis que o orzamento inicial do 2014, un 20% de suba. O investimento na orde destinada ás entidades de inclusión tamén se incrementará nun 42 por cento ata os 4 millóns, mentres que a dirixida ás corporacións locais medrará nun 10 por cento, ata os 1,76 millóns.

As contas para 2015 recollen un orzamento de 298,4 millóns para a atención á dependencia, de xeito que esta área volve supoñer "o maior esforzo orzamentario da Consellería", o que permitirá seguir incorporando novas altas ao sistema de dependencia.

Lembrou, ademais, que Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior porcentaxe de servizos profesionais fronte a prestación económicas, "unha aposta que se volve reforzar en 2015 ao recoller os orzamentos un incremento de 15,3 millóns de euros en novos servizos para persoas con dependencia".

Xa no eido da discapacidade, destinaranse 100 millóns de euros a esta área, un 3 por cento máis que en 2014. Trátase do segundo ano consecutivo que aumenta o presuposto para este colectivo, o que permitirá que, antes de que remate o ano, se poñan en marcha 140 novas prazas de atención á discapacidade. Cabe lembrar, ademais, que o investimento destinado aos programas de emprego para estas persoas aumenta ata os 17,7 millóns de euros.

Emprego xuvenil
Na área laboral, Mato incidiu en que a inserción laboral dos desempregados é a primeira prioridade para o Goberno galego. E, engadiu, que o colectivo de mozos e mozas "preocupa especialmente".

Por iso, este ano púxose en marcha o Plan de emprego xuvenil, con 19 medidas concretas de diversos departamentos da Xunta e cun orzamento total para dous anos de 100 millóns de euros.

Complementario a esta iniciativa, a conselleira anunciou que o próximo ano porase en marcha a Iniciativa de Emprego Xuvenil (denominada como YEI), que forma parte da estratexia de Garantía Xuvenil impulsada pola Unión Europea no período 2014-2020. O seu obxectivo é garantir que todos os menores de 25 anos que terminen a súa educación formal ou queden desempregados reciban unha oferta de emprego, de educación continua ou un período de prácticas nun máximo de 4 meses. Este programa contará con 19,5 millóns de euros en 2015.

En coherencia con este compromiso, blíndase o presuposto da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e oriéntase cara o emprego. Destaca, especialmente, o aumento nun 55 por cento do programa de mobilidade transnacional Galeuropa, de realización de prácticas laborais, que poderá superar os 700 beneficiarios o próximo ano.

"Pero non só nos preocupan os mozos, senón tamén outros colectivos que están a sufrir as consecuencias da crise, como son aqueles desempregados de máis de 45 anos", apuntou a conselleira, quen explicou que se está traballando para elaborar un Plan específico dirixido a este grupo de idade.

Tamén no eido do emprego, a inserción laboral das persoas en risco de exclusión é unha liña estratéxica, en tanto "a mellor forma de evitar que esta situación se cronifique é a obtención dun emprego". Para avanzar nesta liña, a orde de contratación para perceptores da RISGA dobrará o seu presuposto ata os 10 millóns de euros.

Xa para rematar, Mato tamén incidiu en que o próximo ano blindaranse as partidas destinadas aos autónomos, emprendedores e cooperativas, cun total de 27 millóns de euros. A área de formación, pola súa banda, rexistrará un aumento do 4,5 por cento, e acadará os 66 millóns de euros.

"En definitiva, son uns orzamentos elaborados desde o rigor e a responsabilidade, que sinalan o inicio do camiño da recuperación e que medran por primeira vez desde 2011. Crear novas oportunidades para os traballadores e velar polo maior benestar dos galegos e galegas seguirán sendo o obxectivo número un deste departamento", concluíu Beatriz Mato.


Temas relacionados