Actualidade

[Nova2015]A CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE INVESTIRÁ O VINDEIRO ANO 8 DE CADA 10 EUROS DO SEU ORZAMENTO EN MELLORAR O TERRITORIO, PARA AUMENTAR A VERTEBRACIÓN DE GALICIA E CONTRIBUÍR Á RECUPERACIÓN ECONÓMICA

A CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE INVESTIRÁ O VINDEIRO ANO 8 DE CADA 10 EUROS DO SEU ORZAMENTO EN MELLORAR O TERRITORIO, PARA AUMENTAR A VERTEBRACIÓN DE GALICIA E CONTRIBUÍR Á RECUPERACIÓN ECONÓMICA

Santiago, 5 de novembro de 2014.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas investirá o vindeiro ano 8 de cada 10 euros do seu Orzamento en mellorar o territorio, co obxectivo de favorecer a vertebración de Galicia e contribuír á recuperación económica. Así o destacou esta mañá a titular do departamento, Ethel Vázquez, durante a súa comparecencia na Comisión 3ª do Parlamento autonómico para dar conta dos orzamentos da Consellería para 2015.

Na súa intervención, a conselleira subliñou que os Orzamentos de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas medrarán o ano que vén por primeira vez desde 2009, ao igual que o fan as contas da Xunta, e acadarán os 734 M€, sendo lixeiramente superiores aos de 2014. Remarcou que as cifras destacan, ademais de pola contención do gasto corrente, polo fomento do reequilibrio territorial, xa que Lugo e Ourense son as provincias con maior investimento per capita nas contas.

Ethel Vázquez avanzou en que o investimento da Consellería para 2015 guiarase por catro eixes de traballo: a planificación e ordenación territorial, a mellora ambiental, a dispoñibilidade de vivenda e solo empresarial e a promoción da mobilidade e da mellor comunicación das persoas. Trátase, resaltou, de "facer de Galicia un lugar mellor para vivir", e fomentar, ao mesmo tempo, "un crecemento intelixente, sostible e integrador", na liña marcada polo Executivo autonómico.

Un territorio máis ordenado e planificado
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, salientou os 21,6 millóns de euros que se destinarán en 2015 á planificación e ordenación do territorio en Galicia, a través da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e do Instituto de Estudos do Territorio.

Un dos obxectivos desta liña de traballo será, segundo resaltou, continuar dotando as vilas e cidades dos equipamentos urbanos precisos para mellorar a vida cidadá, a través dos 7,5 millóns de euros do Plan hURBE. Ao abeiro deste programa, destinaranse 4,2 millóns de euros a rematar en 2015 o Auditorio de Lugo, unha obra que supón un investimento total de 18 millóns. Así mesmo, referiuse aos proxectos ‘Abrir Ferrol ao mar' e ás medidas de humanización en lugares como Santiago, Baiona, O Saviñao e Vilardevós. Apuntou, ademais, que o Instituto de Estudos do Territorio, cun orzamento de 2,5 millóns de euros, continuará a avanzar na mellora da información cartográfica de Galicia.

Xunto con isto, a titular da Consellería destacou que "a verdadeira aposta orzamentaria" neste ámbito será a "ordenación territorial", que se desenvolverá a través do incremento do 68% das axudas ao planeamento, que acadan os 2,5 millóns de euros. E, sobre todo, mediante o impulso da nova Lei do solo de Galicia.

Ethel Vázquez definiu a Lei do solo como "o fito máis importante de 2015" porque supón preservar "o maior tesouro de Galicia: a nosa paisaxe". Nese sentido, fixo un chamamento ao diálogo e ao consenso dos grupos parlamentarios para elaborar unha lei que "marque un antes e un despois na ordenación do noso territorio". Segundo manifestou, non podemos cinguirnos a falar de qué e onde, "temos que comezar a falar de cómo, de cores, de materiais, de integración...e iso é o que perseguimos con esta lei".

Paralelamente ao avance da Lei do solo, a conselleira destacou que se continuará a desenvolver o labor de concienciación da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, que mantén o seu orzamento por riba dos 5 millóns de euros, e continuará a desenvolverse a Estratexia da Paisaxe, de tal forma que en 2015 "contaremos co primeiro Atlas das paisaxes de Galicia".

Un medio ambiente mellor coidado
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas afirmou que a mellora ambiental, outro dos eixes de traballo do departamento, absorberá 253 millóns de euros do Orzamento do vindeiro ano, o que supón 10 millóns de euros máis que en 2014 e que fai desta liña a que máis crece en 2015.

Vázquez subliñou o incremento que rexistran as contas da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental que recollen unha previsión de gasto de máis de 18 millóns, un 26 % máis, derivados do incremento en case de 5 millóns dos investimentos reais do departamento, que chegan a supoñer 3 de cada 4 euros do departamento.

Destacou os 1,6 millóns de euros consignados para dotar de novo equipamento ao Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia; 3,1 millóns de euros en materia de meteoroloxía; 1,6 M€ para a construción de novos puntos limpos; 2,1 millóns de euros para eliminación de puntos de vertido incontrolados; ou 1,4 millóns de euros para a clausura de vertedoiros de xestión de residuos de construción.

Seguindo coa xestión de residuos, Ethel Vázquez concretou que SOGAMA é un departamento clave neste eido, posto, polo Goberno galego, ao servizo dos Concellos que voluntariamente queren contratarlle a xestión dos refugallos urbanos, que son competencia municipal.

"No exercicio anterior, explicou, foi inevitable realizar unha suba do canon, que se acompañou dun plan de acción en busca dunha maior eficiencia, polo que se lograron aforros de 3,7 M€, que se incrementarán nos seguintes anos", afirmou.

En paralelo, dixo, "negociouse con éxito co Goberno de España, co fin de reducir en 18 millóns o impacto da reforma eléctrica, polo que se evitará unha nova suba do canon do 25 %, o que implicaría, en total, unha suba do 60%, pero aclarou, conseguiuse ter un marxe para baixalo o 10% desde xaneiro de 2015 e nese mesmo ano comezarase a investir para aumentar a reciclaxe".

Ademais, SOGAMA iniciará o vindeiro ano a transformación da planta de elaboración de combustible nunha de recuperación de materiais e a construción dunha nova planta de compostaxe que permitirá levar a mínimos o envío de residuos ao vertedoiro, o que suporá un investimento de 23 millóns de euros.

Ethel Vázquez tamén destacou a partida dedicada á Conservación da Natureza, que contará con 21 millóns de euros, o que supón un 28 % máis de investimentos reais que o ano pasado. Con esta cantidade tomaranse máis medidas de xestión do Plan Director da Rede Natura 2000; conservación de hábitats e especies; e o fomento da poboación na contorna dos parques naturais, con medidas específicas para aplicar os plans de Conservación da Lagoa e Areal de Valdoviño e a Praia das Catedrais.

Augas de Galicia
No caso de Augas de Galicia, un dos departamentos máis relevantes nestes orzamentos, contará con 85,7 M€, que poden chegar aos 107,2 cos fondos europeos, converténdose no segundo departamento máis investidor desta Consellería.

A conselleira destacou que a solvencia da Comunidade autónoma permitirá destinar preto de 50 millóns de euros a infraestruturas hidráulicas que, contando co orzamento estatal, chegará aos 220 millóns. Isto permitirá dedicar 7 millóns para cofinanciar a EDAR de Vigo; 4 millóns para a EDAR de Ribeira; ademais dos saneamentos en Gandarío, Boiro ou Cambados, entre outros.

A conselleira remarcou que Galicia será a única comunidade que poderá dedicar fondos do novo período operativo da UE a infraestruturas hidráulicas, con actuacións como as derivadas do plan de saneamento da ría do Burgo; o remate do saneamento na ría de Ferrol; e accións pendentes nas rías de Arousa ou Pontevedra. Así mesmo, aportaranse 18 millóns de euros para a explotación de 30 EDARs.

Vivenda
A Conselleira de Medio Ambiente remarcou que "o terceiro eixo de traballo para o seu departamento é o de atopar un lugar onde as persoas poidan vivir e traballar, para elo o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) contará cun orzamento de 85 M€, un 11 % máis que o ano pasado".

Ethel Vázquez avanzou a posta en marcha o vindeiro ano do Plan de Vivenda de Galicia 2015-2020, que permitirá mobilizar 250 M€ en accións para facilitar o acceso á vivenda e potenciar a rehabilitación e procederá á rehabilitación de vivendas e que suporá triplicar xa o vindeiro ano as partidas destinadas a rehabilitación e aluguer.

A rehabilitación é unha das liñas básicas de traballo do IGVS, polo que a Xunta reserva para 2015 máis de 15,3 M€ para este tipo de accións nas vivendas, triplicando as cifras dotadas para 2014. Isto permitirá manter e mellorar as 3.500 vivendas de promoción pública adxudicadas a familias desprotexidas; axudar á rehabilitación de vivendas, no ámbito rural e en conxuntos históricos; e continuar coas actuacións mediante as Áreas de Rehabilitación Integral, cuxa nova fase se porá en marcha de xeito inminente.

A Consellería de Medio Ambiente tamén seguirá potenciando as axudas ao aluguer, polo que se destinan 8,6 M€ a estas subvencións para o próximo ano, multiplicando por tres o orzamento do ano pasado. Con estes fondos subvencionarase o alugueiro de máis de 2.000 vivendas.

Ethel Vázquez tamén adiantou que o seu departamento "fará entrega de 250 vivendas públicas de nova construción en Ferrol, Ourense e Pontevedra".

Todo isto, sen esquecer o programa de realoxo de afectados por execucións hipotecarias, empregando Vivendas de Promoción Publica (VPP) ou do Plan Aluga, en función das necesidades de cada lugar. Accións, como dixo a responsable do Medio Ambiento do Goberno galego, que fan incuestionable o compromiso deste Goberno por garantir o aceso dos galegos a un fogar.

Mellores infraestruturas e mobilidade sustentable
Outro dos importantes eixos de traballo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas é o das estradas e os camiños que vertebran toda Galicia e que inflúen moito na vida dos galegos. Por iso, a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) aumenta un 2% o investimento a través de programas orzamentarios e diminúe o investimento extraorzamentario financiado mediante o SPI. O que significa un importante cambio de tendencia iniciado en 2014, financiando as grandes infraestruturas a través dos orzamentos da Xunta.

Así, blíndanse os investimentos en conservación dos máis de 5.500 quilómetros da rede autonómica de estradas e asegúrase o Plan de Vialidade Invernal con 45 millóns de euros

Ethel Vázquez explicou que "se continuarán obras en marcha como a VAP Celeiro-San Cibrao, o Corredor Sarria-Monforte ou o treito I da Autovía da Costa da Morte, cuxas obras comezarán no vindeiro mes". Engadiu que "tamén se seguirá traballando na redacción dos proxectos doutras infraestruturas como as conexións entre o polígono de San Cibrao e a A-52, e a continuación da Vía Ártabra ata a AP-9".

A Xunta segue coa liña de investimento para que, no horizonte desta lexislatura, se poidan sumar máis de 60 novos quilómetros de vías de alta capacidade, co fin de que máis dun 80 % dos galegos estea a menos de 15 minutos dunha vía rápida.

Por outra parte, Ethel Vázquez recalcou o inicio de actuacións estratéxicas como o desdobramento do Corredor do Morrazo: actualmente en fase de redacción de proxectos, prevíndose iniciar o proceso expropiatorio no primeiro trimestre de 2015 e tamén licitar e adxudicar os primeiros treitos no vindeiro ano. Ademais, traballarase nos accesos ao hospital de Vigo, mostra da labor coordinada do Goberno galego, todo isto sen esquecer o fomento da mobilidade segura, en colaboración coa Dirección Xeral de Mobilidade, con aparcadoiros disuasorios en Moaña, Santiago ou A Coruña.

Vázquez subliñou que "aspírase a dotar a Galicia dun marco de mobilidade sustentable e planificada de forma global conforme as necesidades do século XXI, polo que, dende a Xunta de Galicia, temos o obxectivo de plasmar esta situación no Proxecto de Lei de Mobilidade e Transportes que remitiremos a este Parlamento o vindeiro ano".

Este departamento da Consellería de Medio Ambiente contará cun orzamento de 18 M€ para 2015, dos que 9 destínanse á promoción do transporte público colectivo; apostarase pola promoción do autobús a través do Plan de Transporte Metropolitano, que no exercicio vindeiro a cantidade para este fin aumenta ata 8,59 millóns para impulsar o PTM de Vigo, Pontevedra e Ourense e incorporar novos concellos ás áreas existentes.

Asinaranse convenios de PTM na Coruña, Ferrol, Santiago e Lugo, cun rexistro dun millón de viaxes ao mes e outorgaranse axudas a familias numerosas co 20% ou 50% do billete e haberá provisión en intermodalidade para as estacións de Santiago, A Coruña e Vigo.


Temas relacionados