Actualidade

[Nova2015]A CONSELLEIRA DE FACENDA DESTACA QUE OS ORZAMENTOS DE 2015 PRESERVAN O GASTO SOCIAL, REBAIXAN O GASTO EN DÉBEDA E ELEVAN O INVESTIMENTO PARA GARANTIR AS INFRAESTRUTURAS PROXECTADAS

A CONSELLEIRA DE FACENDA DESTACA QUE OS ORZAMENTOS DE 2015 PRESERVAN O GASTO SOCIAL, REBAIXAN O GASTO EN DÉBEDA E ELEVAN O INVESTIMENTO PARA GARANTIR AS INFRAESTRUTURAS PROXECTADAS

Santiago, 24 de outubro de 2014.- A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz destacou hoxe que os Orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano 2015 preservan o gasto social, ao que se dedica case oito de cada dez euros, ao tempo que rebaixan o gasto en débeda e elevan o investimento para garantir as infraestruturas proxectadas.

Muñoz Fonteriz compareceu hoxe no Parlamento, na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos, para explicar o Proxecto de Lei de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma e as contas do seu departamento para 2015.

Na súa intervención, avanzou que os Orzamentos para 2015 inclúen 414,7 millóns de euros de axuda comunitaria procedentes de dous períodos de programación que conflúen na próxima anualidade. Desta cantidade, 107,8 millóns correspóndense a axudas do novo marco comunitario 2014-2020.

En 2015 tamén se orzamenta por primeira vez o Imposto sobre depósitos bancarios, que suporá uns ingresos de 17 millóns de euros anuais para a Comunidade Autónoma.

En conxunto, os Orzamentos da Administración galega para 2015 inclúen un gasto non financeiro de 8.436 millóns de euros, o que supón un incremento do 0,5% respecto ao actual exercicio. A titular de Facenda lembrou que estes orzamentos son os primeiros que medran dende o inicio da crise, e que están deseñados para consolidar o crecemento económico.

Ademais, por primeira vez na última década descende o importe orzamentado para gastos financeiros, é dicir, aqueles que se pagan polos xuros da débeda, que baixan en en máis de 15 millóns de euros. "Son unha contas para que Galicia siga sendo dona do seu futuro, blindando a súa autonomía financeira para tomar as mellores decisións en cada momento para favorecer a reactivación económica e a creación de emprego", sinalou.

Durante a súa intervención, a conselleira puxo en valor o traballo realizado durante a crise, un traballo que permitiu que Galicia tivese unha menor caída da economía e menor destrución do emprego. De feito, o PIB galego comportouse mellor que a media española nos últimos cinco anos, o que permitiu converxer con España en máis de tres puntos.

Un 40% menos de gasto en alugueiros e baixa o gasto corrente

Neste sentido, os Orzamentos do vindeiro ano reforzan as políticas de rigor que permitiron á Comunidade galega ter un mellor comportamento que España todos os anos e buscan xerar emprego neto por primeira vez. "O obxectivo non é outro que o de que este crecemento chegue á economía real, ás nosas familias e empresas", subliñou.

Na súa comparecencia, a conselleira de Facenda salientou o continuado e progresivo esforzo do Goberno galego na redución do gasto en alugueiros que baixou un 40% dende o ano 2009 e "proseguiremos por esta vía", explicou. Ademais, o vindeiro ano baixará un 1,5% o gasto corrente da consellería.


Temas relacionados