Actualidade

[Nova2014]SANIDADE MANTÉN PARA 2014 PRACTICAMENTE O MESMO ORZAMENTO QUE NO ANO 2013

SANIDADE MANTÉN PARA 2014 PRACTICAMENTE O MESMO ORZAMENTO QUE NO ANO 2013

Santiago, 28 de outubro de 2013.- Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma destinan á sanidade 3.398 millóns de euros. Practicamente se manteñen respecto deste ano 2013, cunha variación inferior ao 0,7%. 

"Por iso, estes son os orzamentos máis sociais da historia da Xunta, con máis do 40% da capacidade de gasto dedicado á sanidade e preto do 80% aos servizos sociais", segundo declarou a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, na Comisión 3ª do Parlamento.

Entre os seus eixos fundamentais está fomentar os hábitos de vida saudables, impulsar medidas para reforzar a capacitacións das persoas na xestión da súa saúde e no seu autocoidado, e na mellor utilización dos recursos dispoñibles. Neste senso, Sanidade conta cunha folla de ruta recollida na Estratexia Sergas e no Plan de Prioridades Sanitarias.

Promoción da saúde e prevención das enfermidades
Dentro das actividades de promoción da saúde e prevención da enfermidade, a conselleira quixo destacar os programas de vacinación e cribado, aos que se dedican 13,4 millóns de euros. Tamén destacou a labor que está a realizar a Escola Galega de Saúde para Cidadáns. Así, para mellorar a accesibilidade dos cidadáns aos programas de formación en saúde, mellorar a atención á cronicidade e a participación cidadán, no 2014 seguirase potenciando a utilización das tecnoloxías da información, como é o caso do proxecto Xente con Vida, de promoción da boa alimentación e do exercicio físico, que xa conta con case 11.000 seguidores en Facebook.

No que atinxe as infeccións de transmisión sexual, entre as que está a infección por VIH, Mosquera recoñeceu que seguen sendo un problema de saúde e por iso, a partir do mes de novembro, porase en marcha unha campaña de prevención destas infeccións.

Ademais, no eido da prevención das adiccións e do VIH, mantense a colaboración coas asociacións e ONGs a través das axudas en concorrencia competitiva; así como a convocatoria para a prevención dirixida a actividades desenvolvidas dende os concellos con cun total de máis de millón e medio de euros. Ademais do convenio coa Fegamp en materia de asistencia e prevención das drogodependencias con 3,4 millóns de euros, e os convenios coas asociacións que xestionan as unidades asistenciais de drogas e alcohol con 6,4 millóns de euros. En total, sumado aos fondos de incorporación social e outras actividades suman 11,5 millóns de euros dedicados á prevención e á asistencia das dependencias e prevención do VIH.

Doutra banda, a conselleira sinalou que un dos maiores retos que teñen os sistemas sanitarios actualmente é a prevalencia de obesidade. Por este motivo, Galicia iniciou a elaboración do Plan Xermola, o Plan de Prevención da Obesidade Infantil "cunha abordaxe multidisciplinar e integral dende o ámbito sanitario, familiar e comunitario, empresaria, escolar e de investigación co obxectivo de reducir a prevalencia na nosa comunidade". A finais deste ano presentarase a planificación xeral do Plan e as actuacións previstas para inicialas en 2014.

Estratexia Galega de Atención á Cronicidade
Segundo anunciou Rocío Mosquera, a elaboración da Estratexia Galega de Atención á Cronicidade presentarase no primeiro trimestre de 2014, de feito, xa se está a traballar nalgunhas iniciativas. "Desenvolveremos programas de intervención atendendo a un proceso de estratificación poboacional que está na súa última fase de execución e na que grazas a toda a información recollida poderemos clasificar á cidadanía por niveis de risco e, polo tanto, desenvolver plans específicos", asegurou.

Incorporación das novas tecnoloxías
Doutra banda, avanzarase na incorporación das altas tecnoloxías á práctica asistencial fomentando a telemedicina, a atención non presencial e a atención en rede.

Neste senso, "dedicamos 88 millóns de euros a dotar de tecnoloxía moderna e resolutiva aos centros, utilizando o socio tecnolóxico, unha fórmula de xestión que nos permitirá sacar o mellor rendemento a cada euro investido", informou a conselleira.

Tamén manterase a cobertura de IANUS e da receita electrónica e, ademais, melloraranse e seguiranse incorporando novas funcionalidades como o consentimento informado, a petición electrónica de probas, os sistemas de seguridade e o acceso do paciente entre outras.

Neste ámbito, adaptaranse os sistemas de información á xestión integral e integrada da nova estrutura organizativa e ao desenvolvemento de áreas de xestión clínica; e integrarase a receita e a historia clínica electrónica coa plataforma de información sanitaria do Sistema Nacional de Saúde. Ademais, segundo afirmou Mosquera, o 2014 será o ano sen papel, polo que se dixitalizarán as historias clínicas, destinándose 24,7 millóns de euros.

No eido da innovación, dedicaranse os mesmos recursos que os executados no 2013 a este concepto, tendo en conta os recursos propios e os fondos europeos. "Destinaremos 14 millóns de euros a financiar proxectos de InnovaSaúde e H2050, que redundarán nunha prestación de servizos sanitarios innovadora, de calidade e máis accesible aos pacientes", informou Mosquera.

Modernización das infraestruturas
A conselleira de Sanidade resaltou que no orzamento de 2014 conseguiuse incrementar os recursos no capítulo VI ata superar os 122 millóns de euros para "dedicar a investimentos produtivos que ademais de contribuír a modernizar e mellorar as nosas infraestruturas, axudarán a dinamizar a economía galega". Así, continuarase co plan director do CHUAC (13 millóns) e do CHUO (23 millóns); a licitación da construción dos centros de saúde (28 millóns); a ampliación do Hospital do Salnés (3,5 millóns); o proxecto de execución da ampliación do Hospital da costa (0,2 millóns), e o plan director do Complexo Hospitalario de Ferrol (0,2 millóns). Ademais, continuarase traballando no plan de viabilidade do Novo Hospital de Pontevedra (1 millón) e finalizarase a obra do novo Hospital de Vigo, "asumindo os compromisos que lle correspondían ao concello segundo o convenio asinado no 2006, para o que dedicaremos 2 millóns de euros", subliñou Mosquera. En relación aos centros asistenciais, Sanidade asumirá tamén as reformas e a dotación de equipamento que precisan con 6,7 millóns de euros.

Doutra banda, seguiranse a estender as medidas de eficiencia enerxética nos distintos centros sanitarios. "O plan integral de eficiencia enerxética garantirá ao Servizo Galego de Saúde un aforro de máis de 100 millóns de euros no período 2012-2019, facendo dos nosos hospitais, que representan o 80% da factura enerxética da Xunta, os máis eficientes de España". Así, unha vez adxudicados os plans enerxéticos dos complexos hospitalarios de Santiago, Ferrol, do Hospital da Costa, Barbanza, Verían e Monforte, licitaranse os dos complexos hospitalarios de Coruña e Lugo.

Profesionais
O orzamento do Sergas ascende a 3.326 millóns de euros, dos que case o 44% (1.466 millóns) están destinados aos profesionais. Así, a Rocío Mosquera destacou a súa aposta pola estabilidade laboral, pola seguridade no entorno de traballo e pola participación destes na toma de decisións, dándolle cada vez mellores ferramentas e un maior protagonismo na xestión.

No ano 2014 continuarase co desenvolvemento e execución do procedemento de selección de persoal, iniciado coa publicación do Decreto OPE, cun total de 176 prazas de facultativos. Ademais, iniciaranse os trámites para convocar unha nova oferta de emprego público para médicos de familia e enfermería, e novos procesos de mobilidade voluntaria en ditas categorías.

"Tamén queremos abrir a posibilidade de integración no réxime estatutario doutros colectivos, funcionariais e laborais, coa fin de unificar as relacións laborais no Sistema Sanitario Público", asegurou Mosquera.

Segundo informou a conselleira, o primeiro Plan de Ordenación de RRHH do Sergas remata a súa vixencia, polo que se está a tramitar un novo que será aprobado antes de final de ano.

"Para avanzar na autonomía de xestión dos profesionais debemos dar un paso máis na implantación da xestión clínica na organización, e na creación das áreas de xestión clínica", subliñou a titular de Sanidade. Neste senso, a xestión clínica constitúe un motor de remodelación organizativa que permite incorporar aos profesionais na xestión eficiente dos recursos utilizados na súa propia práctica clínica, favorecendo a orientación da mesma ás necesidades dos cidadáns, á mellor evidencia dispoñible e á interiorización do custe de oportunidades das actuacións. "E para que as decisións se tomen apoiadas na mellor evidencia científica dispoñible, continuaremos impulsando Bibliosaúde cun orzamento de 1 millón de euros".

Sanidade seguirá apostando tamén pola capacitación dos profesionais, mantendo os programas formativos para o que a Fegas conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros. Tamén se seguirá a colaborar coas universidades galegas (6 millóns) e outras institucións educativas no desenvolvemento de programas de formación práctica para os seus alumnos coa máxima calidade e solvencia. Ademais, a conselleira de Sanidade anunciou a creación dunha axencia que aglutinará as competencias en materia de docencia, investigación, innovación e avaliación de tecnoloxías sanitarias.

Axencia Galega de Sangue e Tecidos
Así mesmo, a conselleira informou de que no ano 2014 crearase a Axencia Galega de Sangue e Tecidos "como un instrumento de xestión eficiente que nos permita asegurar o abastecemento de sangue e os seus derivados, a coordinación de transplantes de órganos e o implante de células e tecidos".


Temas relacionados