Actualidade

[Nova2014]RUEDA DESTACA A APOSTA DOS ORZAMENTOS DA XUNTA POLA EFICIENCIA DA ADMINISTRACIÓN E A CALIDADE DOS SERVIZOS

RUEDA DESTACA A APOSTA DOS ORZAMENTOS DA XUNTA POLA EFICIENCIA DA ADMINISTRACIÓN E A CALIDADE DOS SERVIZOS
Santiago, 24 de outubro de 2013.- O vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, compareceu hoxe no Parlamento galego para dar conta das liñas xerais do orzamento do seu departamento para 2014, onde destacou que as contas públicas para o vindeiro ano apostan pola eficiencia da Administración e pola calidade dos servizos públicos esenciais que se prestan aos cidadáns.

Na súa intervención, Rueda salientou que os orzamentos da Vicepresidencia blindan as áreas de xustiza, as emerxencias, a cooperación ao desenvolvemento, a igualdade e a loita contra a violencia de xénero. Nese sentido, o vicepresidente destacou a decidida aposta feita para manter, e incluso incrementar, áreas fundamentais como a loita pola igualdade, e contra a violencia, o apoio aos concellos, a mellora do sistema de emerxencias, a formación pública, a cooperación internacional e os medios materiais da xustiza.

 Neste último ámbito, prodúcese un incremento respecto a anos anteriores no orzamento, que recolle partidas para o mantemento da quenda de oficio, para reforzos que alivien as xurisdicións con máis traballo, para a modernización da Administración de Xustiza no marco do Plan Senda, para os proxectos que se están a poñer en marcha no eido da mediación, para o plan de expurgo e para o Plan de Infraestruturas Xudiciais.

 Un plan que segue adiante segundo o programado, que xa conta cun importe global executado ou en execución de máis de 50 millóns de euros e que consigna seis millóns de euros en 2014 para a rehabilitación da Fábrica de Tabacos da Coruña e a construción dun novo edificio xudicial en Pontevedra. Tamén se adxudicarán o vindeiro ano as obras para a nova sede do Servizo Común de Notificacións e Embargos en Vigo, rematarase o edificio xudicial de Ourense e haberá un crédito de case 350.000 euros para obras menores nos xulgados das catro provincias.

 Emerxencias e Administración Local

En materia de emerxencias quedan blindadas as partidas para os principais servizos e increméntase a partida para o equipamento dos parques de bombeiros, que medra ata o medio millón de euros. O ano que vén, Galicia contará con 35 parques profesionais de bombeiros, entre municipais e comarcais, coa apertura das instalacións de Carballiño; con catro consorcios provinciais de bombeiros; e con todos os Grupos de Emerxencia Supramunicipal en marcha.

 Respecto a Administración Local, disporá no seu programa de gasto dun 17,4 por cento máis que este ano. Segundo explicou Rueda, en 2014 mantense a contía global do Fondo de Cooperación Local en 113 millóns de euros e seguirase a fomentar a xestión compartida entre municipios e os procesos de fusión voluntaria, mentres que a convocatoria de subvencións para a realización de infraestruturas de uso público en ámbitos urbanos e rurais incrementarase un 60 por cento.

 Igualdade e Cooperación

En canto ao ámbito da Igualdade, vese reforzado o seu carácter transversal e dáse un novo paso xa que, por primeira vez nas contas da Xunta, todos os programas de gasto de todas as consellerías contan con valoración de impacto de xénero. Así mesmo, refórzanse os recursos de atención ás vítimas de violencia de xénero e abrirase en Santiago de Compostela o Centro de Recuperación Integral, unhas instalacións de referencia que coordinará toda a rede galega de acollemento.

 Así mesmo, intensifícase a colaboración coas entidades locais para soster a rede de centros de acollida, medran as axudas periódica un 3 por cento, soben un 8,2 por cento os programas de conciliación e un 14 por cento as liñas de emprendemento feminino, activarase o Observatorio galego da Violencia e seguirá a primar a prestación compartida dos servizos por parte dos concellos para incrementar o número de persoas beneficiarias e a cobertura territorial.

 Outro dos apartados que se mantén sen reducir recursos, ao contrario do que sucede na maioría das Comunidades Autónomas, é o da cooperación ao desenvolvemento, que conta cun orzamento de máis de 4 millóns de euros. Así, mantense o crédito e, ademais, increméntase nun 614 por cento a capacidade de manobra real, con case 3,3 millóns de euros para novas actuacións.

 Formación e Asesoría Xurídica

Tamén rexistran un incremento os orzamentos da Escola Galega de Administración Publica (EGAP), cunha suba do 10 por cento que permitirá levar a cabo os plans de formación do persoal das entidades locais. Ademais, increméntase a oferta formativa xeral e prestarase especial atención á autoformación, á teleformación e aos cursos en linguaxe administrativa e xurídica galega.

Outro dos ámbitos que se reforzará en 2014 é a prestación da asistencia xurídica aos entes instrumentais por parte da Asesoría Xurídica Xeral, sen recorrer a externalizacións. Unha aposta que conta xa con 40 convenios formalizados, que deron como froito 1.300 actuacións contenciosas e 1.000 consultivas, cuxa valoración no mercado superaría os dous millóns de euros.  


Temas relacionados