Actualidade

[Nova2014]OS ORZAMENTOS DE MEDIO AMBIENTE PERMITIRÁN MOBILIZAR EN 2014 MAIS DE 180 MILLÓNS DE EUROS PARA ACTUACIÓNS HIDRÁULICAS DESTINADAS SOBRE TODO A SANEAMENTO

OS ORZAMENTOS DE MEDIO AMBIENTE PERMITIRÁN MOBILIZAR EN 2014 MAIS DE 180 MILLÓNS DE EUROS PARA ACTUACIÓNS HIDRÁULICAS DESTINADAS SOBRE TODO A SANEAMENTO
Santiago, 25 de outubro de 2013.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, volveu a insistir esta mañá na necesidade de emprender un camiño de acordos e pactos para traballar "sen apriorismos" a prol do interese xeral de Galicia. Así o trasladou na Comisión 3ª do Parlamento de Galicia, á que acudiu para presentar o orzamento que establecerá a actividade do seu departamento no vindeiro exercicio.
 
Concretou tres pactos sobre os que é posible avanzar a curto prazo: un pacto polo territorio, polo urbanismo responsable, polo traballo en común cos Concellos e pola axilización das xestións urbanísticas a través da nova Lei do Solo; un pacto pola auga, para involucrar a todos os actores na súa xestión sostible e unificada, de acordo coa Directiva Marco da Auga; e un pacto pola xestión sostible dos residuos, a través do avance na modificación do plan de residuos con horizonte no ano 2020, coa mirada posta na optimización do sistema actual potenciado a compostaxe en orixe, a redución e a reciclaxe.
 
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas disporá para o ano 2014 de mais de  625 millóns de euros no marco dos orzamentos da Xunta de Galicia, cifra que Hernández cualificou de consecuente coa realidade económica do país e coa política xeral do Goberno galego de primar o investimento sanitario, social e educativo".
 
As prioridades do departamento seguirán a ser o vindeiro ano o saneamento das rías, a conservación e mantemento de estradas, o remate e posta a disposición de vivendas de protección e unha atención especial aos instrumentos de ordenación e protección do territorio e dos espazos naturais.
 
O titular de Infraestruturas destacou que se mantén o nivel de recursos destinados a gastos de capital  (investimentos), cunha redución do 0,4% en relación ao 2013, a pesar da forte redución operada nos fondos europeos (37,5 millóns de euros), o que supón unha aposta do Goberno polo mantemento dun nivel aceptable en materia de investimento público, compensando con recursos propios a diminución dos comunitarios.
 
No seguinte cadro amósase o total do orzamento consolidado da Consellería de Medio Ambiente co correspondente desglose por departamentos:
 
TOTAL ORZAMENTO CONSOLIDADO GRUPO CMATI 2014
CONSELLERÍA 74.223.556
AXI 231.225.353
APLU 5.321.099
IGVS + XESTURES 102.645.931
AUGAS DE GALICIA 102.452.700
INSTITUTO DE ESTUDO DO TERRITORIO 2.575.375
SOGAMA 107.224.343
TOTAL 625.668.357
 
Infraestruturas viarias
O Plan de Acción da Axencia Galega de Infraestruturas  para o ano 2014 manterá a blindaxe da conservación da rede autonómica de estradas e o aseguramento do Plan de Vialidade Invernal. A partida destinada a este capítulo (45,3 millóns de euros) supón un 21% do orzamento total da AXI.
 
O remate das obras que están en marcha e que melloren de forma importante a mobilidade dos cidadáns, é dicir, as que teñan maior rendibilidade económica e social, será outra das liñas da Axencia, que en 2014 porá en servizo a variante de Noia, o treito 3 da  VAC Tui –A Guardia e a Rotonda de Sabón, entre otras infraestruturas. Ademais continuarase con  eixes estratéxicos como a  Autovía da Costa da Morte e a VAP Sarria-Monforte.
 
Hernmández sinalou que continuarase na senda da actual lexislatura, na que nun ano  puxéronse en servizo 41,31 Kms de vías de altas prestacións que  que beneficiaron a máis de 550.000 habitantes.
 
Ademais, o vindeiro ano iniciaranse novas infraestruturas de carácter extratéxico, como o acceso ao porto de Burela, e re redactaranse os proxectos construtivos do desdobramento do corredor do Morrazo, xa licitados todos eles. Tamén sacarase a concurso o proxecto construtivo para a conexión da Vía Ártabra coa AP-9. Ademais, están en marcha os proxectos para os aparcadoiros disuasorios en Moaña e Santiago e continuaranse seguidamente cos da Área Metropolitana da Coruña.
 
Augas de Galicia
En materia hidráulica, o conselleiro de Medio Ambiente destacou o esforzo de cofinanciamento de obras que está a executar o Estado, que pasará dos 13 millóns de euros aportados por Augas de Galicia en 2013 a 18,4 millóns, o que supón un incremento do 41% para financiar actuacións como as depuradoras de Vigo, Ourense e Santiago e Ribeira, o saneamento da ría de Ferrol e obras importantes en Sarria, San Cibrao das Viñas, O Barco de Valdeorras ou Porriño.
 
O importe total das obras hidráulicas cofinanciadas pola Xunta e o Estado na comunidade autónoma ascende a 428,9 millóns de euros, dos que 135 millóns corresponden a 2014. Este investimento cofinanciado, engadido ao propio que realizará Augas de Galicia, implica que o vindeiro ano a nosa comunidade disporá de 180 millóns de euros para obras hidráulicas, un dos maiores investimentos na historia da nosa comunidade nun só exercicio.
 
Como organismo de bacía, Augas de Galicia destinará unha parte moi importante dos seus recursos  ao control dos vertidos e ao control da calidade das augas a través de diferentes redes de medida. No ano 2014 terán especial relevancia os traballos de elaboración do novo Plan Hidrolóxico Galicia – Costa, para o período 2015-2021.
 
Nas obras que executa a Xunta, o saneamento segue sendo o protagonista en actuacións tanto para a mellora das augas das rías como da calidade os ríos, dedicando case 24 millóns. Ademais continuarase traballando en actuacións de abastecemento recollidas na planificación hidrolóxica e no Plan Auga, con máis de 7,5 millóns de euros.
 
Por outra banda, para a explotación de depuradoras por parte da Xunta de Galicia, así como concesións de obra pública, asígnanse máis de 16 M/€, o que permitirá explotar ata 30 estacións depuradoras no ano 2014, espalladas no noso territorio.
 
Vivenda e solo
O orzamento do Instituto Galego de Vivenda e Solo rexistra un incremento do 14% ao pasar de 66,91 millóns de euros de fondos propios no orzamento de 2013 a 76,55 no de 2014. O conselleiro destacou o esforzo que se realizará o vindeiro ano para manter a viabilidade das empresas Xestur, garantindo mediante a súa fusión poñer en marcha un instrumento que lle permita á Xunta xestionar de forma eficaz a creación e venda de solo empresarial.
 
Resérvanse partidas para seguir coa política de vivenda propia da Xunta, centrada fundamentalmente en manter a oferta aos sectores menos favorecidos de vivendas de promoción pública. Compútanse 10,6 millóns de euros para rematar as vivendas actualmente en execución e partidas para seguir reparando vivendas do parque propio. O instituto Galego da Vivenda e Solo continuará coa política de realoxo dos cidadáns afectados por execucións hipotecarias, iniciada neste ano.
 
En materia de axudas á rehabilitación, o esforzo da Xunta súmase ao do plan estatal cunha partida 2,2 millóns de euros.
 
Territorio e urbanismo
Entre as actuacións a executar pola consellería en materia de equipamentos urbanos, Agustín Hernández destacou, como máis salientable, a construción dun auditorio de Lugo, cunha anualidade de 8,1 millóns en 2014, dun total de 18 millóns. En materia de subvencións a concellos para actuacións de contornos urbanos destínanse 0,8 millóns, cun incremento en relación ao actual exercicio 2013 do 20,2%.
No capítulo de transferencias de capital inclúense as axudas á redacción de planeamento municipal ás que se destinan 1,7 millóns.
 
Medio Ambiente
En relación co medio ambiente, o conselleiro fixo fincapé no avance de actuacións de execución do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2020, destinando 4,7 M/€ para reforzar eixos como o plan de eliminación de vertedoiros e puntos de vertido incontrolado, puntos limpos, apoio aos concellos para implantar sistemas de xestión intermunicipal de recollida e tratamento de residuos urbanos, actividades de comunicación, concienciación e difusión en materia de residuos, reforzo da dotación de colectores de lixo de recollida de residuos urbanos, e colaboración coas PEMES a través de axudas para o fomento de actuacións orientadas a mellora ambiental.
 
En segundo lugar, destacou  o investimento de 2,8 millóns destinados a reforzar a avaliación e control ambiental, e de 1,7 millóns previstos para potenciar as redes de observación e investigación ambiental. Este investimento permitirá incrementar a capacidade de predicción e prevención de riscos, reforzar a capacidade analítica do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia e a súa colaboración con outros organismos, así como ampliar a información ambiental a disposición do público.
 
No ámbito da Conservación da Natureza, os orzamentos ascenden a mais de 20 millóns de euros para conservación e protección da biodiversidade e do patrimonio, planificación da biodiversidade e servizos ambientais, divulgación da natureza, formación e educación do medio natural. Ademais mantéñense as axudas a concellos en espazos protexidos na Rede Natura 2000 e a concellos, entidades e poboación local na área de influencia dos parques naturais, así como para a conservación da caza menor e para entidades colaboradoras de Pesca Fluvial.
 
Mobilidade
Entre as accións a desenvolver por parte da Dirección Xeral de Mobilidade, Hernández anunciou unha partida de mais de 6 millóns de euros para o transporte metropolitano de Galicia, que permitirá continuar traballando nas áreas nas que xa está implantado (A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo)  e incorporar novos concellos.
 
Tamén se contempla unha partida para axudas ao sector do transporte público, destinada á formación de transportistas, por un importe de 475.000 euros; unha nova partida, de preto de 3,15 millóns destinada ao remate das obras de construción da conexión do Porto Seco de Monforte de Lemos;  máis de 481.000 euros para continuar coas actuacións sobre infraestruturas que melloren a accesibilidade territorial, fundamentalmente paradas e estacións de autobuses de Galicia (Plan RENOVE); e unha nova partida de 642.859 euros para iniciar a construción de vías ciclistas ou carris-bici dentro do Plan Director de Mobilidade Alternativa de Galicia. 

Temas relacionados