Actualidade

[Nova2014]MUÑOZ FONTERIZ DESTACA QUE OS ORZAMENTOS DE 2014 SENTAN AS BASES PARA INICIAR UN CRECEMENTO SOLIDARIO, SOSTIBLE E ESTABLE

MUÑOZ FONTERIZ DESTACA QUE OS ORZAMENTOS DE 2014 SENTAN AS BASES PARA INICIAR UN CRECEMENTO SOLIDARIO, SOSTIBLE E ESTABLE
Santiago, 23 de outubro de 2013.- A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, explicou hoxe que os orzamentos deseñados pola Xunta para o ano 2014 sentan as bases para iniciar un crecemento solidario, sostible e estable, ao tempo que permitirán iniciar a recuperación económica e mesmo consolidala en exercicios vindeiros.
 
Elena Muñoz Fonteriz, que compareceu no Parlamento na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos, destacou que Galicia conta cunha mellor situación macroeconómica e financeira que a media das comunidades autónomas, e isto ten que servir "para apuntalar as novas políticas de crecemento e emprego partindo da blindaxe dos servizos sociais".
 
Precisamente, a titular de Facenda explicou que os Orzamentos da Xunta para 2014 serán os máis sociais da historia da Autonomía porque sitúan no 78% a porcentaxe total que irá destinada a estas partidas. Así, Galicia sitúase "á cabeza de España en políticas sociais, sanitarias e educativas" grazas ao esforzo progresivo e continuado feito pola Comunidade nos últimos anos.
 
Muñoz Fonteriz recalcou que, dada á coxuntura adversa, poucas comunidades "son capaces de reforzar ano a ano, e coas actuais restricións orzamentarias, os piares do Estado de Benestar". E relacionou isto co feito de que Galicia afronta un custe financeiro dos máis baixos dos soportados polas comunidades autónomas, e ao mesmo tempo pode acceder sen problemas aos mercados para acadar financiamento.
 
En conxunto, os Orzamentos da Xunta para 2014 establecen un gasto non financeiro de 8.391 millóns de euros, 65 millóns menos que o teito de gasto aprobado no mes de agosto pola caída de transferencias finalistas do Estado. Deste xeito, a capacidade real de gasto que poderá asumir a Comunidade galega sitúase ao nivel que tiña entre 2005 e 2006.
 
Con todo, o proceso de consolidación fiscal levado a cabo polas finanzas autonómicas nos últimos anos garante a estabilidade macroecónomica, e posibilita a saída da recesión xa este ano. Ademais, as previsións para 2014 establecen que por primeira vez dende que se iniciou a crise Galicia compatibilizará un crecemento do Produto Interior Bruto –que medrará un 0,8%- coa redución da taxa de desemprego, que baixará ao 21,7%. Ademais, a Comunidade continuará o proceso de converxencia co conxunto de España.
 
Aumento das partidas máis sensibles
Na súa comparecencia, a conselleira de Facenda explicou que en 2014 Galicia contará con máis recursos para dependencia. Tamén destacou que a partida destinada á Risga medra un 20%, mentres que as axudas de emerxencia social terán un 55% máis de recursos que en 2009 e os comedores escolares contarán cun millón de euros máis.
 
Muñoz Fonteriz insistiu en que o Goberno galego "durante a crise practicamente dobra os recursos dedicados ás partidas máis sensibles e para os colectivos que máis están a sufrir as dificultades". Desta forma, increméntanse as partidas "máis sensibles e necesarias neste momento", incidiu.
 
Ao mesmo tempo, a titular de Facenda recalcou a posta en marcha nestes Orzamentos de medidas para mellorar a progresividade e a xustiza fiscal. En concreto, referiuse á rebaixa do tramo máis baixo do IRPF para dotar de maior renda dispoñible a quen menos recursos ten, e ao impulso da loita contra a fraude fiscal a través dun novo plan de detección que permitirá recadar 50 millóns de euros adicionais.
 
Máis deducións
Tamén anunciou o aumento das deducións para favorecer a natalidade e a conciliación familiar e laboral, elevando a dedución por nacemento ou adopción e por coidado de fillos menores. Ademais, facilitarase o relevo xeracional nas empresas familiares a través do Imposto sobre Sucesións e Doazóns, e incentivarase o sector das enerxías renovables cunha dedución na modalidade de transmisións patrimonais na primeira concesión ou autorizacións.
 
A conselleira igualmente fixo fincapé na clara vocación incentivadora da actividade económica das contas. Así, detallou que os Orzamentos para 2014 inclúen un incremento do fondo destinado especificamente para o crecemento, cunha suba do 7% respecto ao 2013 e alcanzando os 412 millóns de euros.
 
A titular de Facenda sinalou que Galicia contará en 2014 cos orzamentos menos restritivos dos últimos anos, e que a Comunidade seguirá cumprindo os obxectivos de estabilidade orzamentaria –o vindeiro ano será do 1%- sen renunciar a potenciar o desenvolvemento dos sectores produtivos da economía galega.

Temas relacionados