Actualidade

[Nova2014]MEDIO RURAL E MAR DESTINARÁ 96 MILLÓNS DE EUROS A ACCIÓNS PREVENTIVAS E DE INFRAESTRUTURAS FORESTAIS

MEDIO RURAL E MAR DESTINARÁ 96 MILLÓNS DE EUROS A ACCIÓNS PREVENTIVAS E DE INFRAESTRUTURAS FORESTAIS

Santiago, 28 de outubro de 2013.-  A Consellería do Medio Rural e do Mar destinará 96 millóns de euros a accións preventivas e de infraestruturas forestais no 2014, un 12% máis que no ano anterior. Esta aposta ten como obxectivos fundamentais a valorización produtiva multifuncional do monte e a valorización comercial e da calidade dos seus produtos. Así o anunciou esta mañá no Parlamento galego a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, durante a súa comparecencia para dar conta dos orzamentos do seu departamento para o ano 2014.

Na aposta multifuncional da produción do monte, a conselleira destacou o apoio aos traballos silvícolas aos que o seu departamento destinará 6,6 millóns de euros. Tamén accións complementarias como o apoio á mellora dos sistemas silvopastorís e á apicultura. Para a valorización comercial dos seus produtos Medio Rural e Mar sube nun 33% os fondos destinados á mellora da súa comercialización e destinará 1,2 millóns de euros á creación de empresas neste eido. Ademais, indicou a conselleira, apoiará a calidade destes produtos forestais destinando 1,4 millóns de euros a accións de loita contra pragas e enfermidades e ao plan de mellora forestal.

Estas partidas enmárcanse nas funcións fundamentais do orzamento desta Consellería. Unha delas, segundo explicou Rosa Quintana, está dirixida a dinamizar a economía do medio rural e para iso destina máis do 50% do orzamento global, cun total de 307,9 millóns de euros. A outra é a da valorización no medio rural, que acada 115,7 millóns do orzamento. Este estímulo ao desenvolvemento do rural compleméntase con 12,7 millóns de euros que se dirixirán á incorporación de mozos e mozas ás actividades agrarias, o que supón un ascenso dun 45% respecto da cifra de 2013.

Reforzo do sector primario
Coa finalidade de mellorar a competitividade dos sectores primarios de Galicia, Medio Rural e Mar asigna diferentes partidas orientadas a reforzar a estrutura do sector. No ámbito rural, a conselleira salientou a aposta do seu departamento por modernizar e diversificar o tecido produtivo ao que se destinarán 79,7 millóns de euros. Tamén lembrou a importancia da dotación de servizos, aspecto ao que se dirixirán 13,3 millóns de euros e destacou os 11 millóns de euros que permitirán mellorar camiños e vías rurais.
 
No eido marítimo-pesqueiro a conselleira explicou que as infraestruturas pesqueiras "recibirán un importantísimo empuxón", cunha alza do 128% no orzamento. Ademais para determinar a extracción sustentable dos recursos e dispor de información científica adecuada, indicou que o seu departamento incrementará nun 66% os fondos dedicados á avaliación científica dos recursos.
 
Comercialización
Rosa Quintana incidiu na importancia de seguir apostando por impulsar a comercialización, para o que é necesario, indicou, "seguir dándolle pulo á calidade e ao estímulo empresarial". Neste sentido, destacou o apoio de 13,6 millóns de euros á mellora da calidade da produción agroalimentaria, que é un 27% superior ao de 2013 e os 19,7 millóns que se empregarán en axudas para a industrialización e comercialización dos produtos agroalimentarios.
 
Neste eido, Rosa Quintana salientou o apoio decidido do seu departamento ao sector vitivinícola "tendo como estímulo o seu avance comercial, especialmente no exterior". Por iso, para mellorar a súa comercialización, Medio Rural e Mar crea unha partida nova na que investirá 3,5 millóns de euros. Ademais, engadiu a conselleira, increméntanse nun 33% os fondos para promover a internacionalización deste produto, función á que se adxudicarán 2 millóns de euros.
 
No ámbito marítimo, a conselleira destacou o incremento de case un 62% dos fondos dedicados ao desenvolvemento de novos mercados e a campañas de produtos do mar, liña a que se dedicarán 1,9 millóns de euros. A maiores citou os 2,3 millóns de euros que se achegarán á promoción dos produtos pesqueiros e que están fundamentalmente orientados á difusión no exterior, cuxa partida medra nun 63%.
 
En xeral, segundo indicou Rosa Quintana, o seu departamento destinará á internacionalización dos produtos galegos 19,7 millóns de euros, dentro do programa de apoio á modernización e internacionalización.
 
Eido social
En relación ao ámbito social, a titular de Medio Rural e Mar manifestou a súa intención de blindar os fondos destinados ao operativo contra os incendios forestais, ao servizo de Gardacostas e ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, Intecmar.
 
En canto á loita contra os lumes, Rosa Quintana destacou que o seu departamento achegará 8 millóns de euros aos concellos para que desenvolvan labores de prevención e engadiu que se destinarán case 2 millóns de euros á mellora dos equipos de comunicación.
 
Cifras 2014
No que atinxe ás cifras globais do orzamento para 2014, a conselleira indicou que o seu departamento disporá dun total de 583 millóns de euros, o que supón unha contracción do gasto dun 7%, acadando un axuste á baixa de 44 millóns de euros. Segundo especificou, este axuste débese basicamente a dúas causas. Por unha banda aos acontecementos relacionados cos fondos comunitarios, xa que boa parte do axuste débese ao remate da programación do Fondo Europeo de Pesca e outra parte ao fin da aplicación de fondos da PAC. Por outra banda, polo axuste nos capítulos de persoal e gastos correntes, que descenden en 1,6 millóns de euros.
 
Rosa Quintana incidiu en que este axuste non impedirá atender as liñas de potenciación do sector primario grazas ao esforzo de priorización realizado na configuración deste orzamento, que ten tres obxectivos fundamentais: estimular a capacidade produtiva, avanzar na valorización comercial dos produtos e internacionalizar a produción de Galicia. 

Temas relacionados