Actualidade

[Nova2014]A CONSELLEIRA DE FACENDA SUBLIÑA QUE GALICIA É A COMUNIDADE QUE EN 2014 FARÁ MAIOR ESFORZO INVESTIDOR AO TEMPO QUE BLINDA OS SERVIZOS PÚBLICOS

A CONSELLEIRA DE FACENDA SUBLIÑA QUE GALICIA É A COMUNIDADE QUE EN 2014 FARÁ MAIOR ESFORZO INVESTIDOR AO TEMPO QUE BLINDA OS SERVIZOS PÚBLICOS

Santiago, 25 de novembro de 2013.- A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, subliñou hoxe que Galicia será a comunidade autónoma que en 2014 fará un maior esforzo investidor nos seus orzamentos, ao tempo que blinda os servizos públicos ao dispoñer as contas máis sociais da historia da autonomía, con preto do 80% do gasto dedicado a sanidade, educación e servizos sociais.

 

Na súa intervención durante o debate de totalidade das contas, Muñoz Fonteriz destacou que os Orzamentos da Xunta para 2014 fan unha aposta decidida pola estabilidade como elemento chave para iniciar o crecemento económico e para consolidalo. "Só dende a estabilidade ten sido posible sentar as bases para poder comezar a recuperar o crecemento e só con esta política será posible a partir de agora inicialo", subliñou.

Neste sentido, lembrou que as de 2014 serán as contas menos restritivas dende que se iniciou a crise, cun gasto financeiro de 8.391 millóns de euros que se sitúa en termos similares ao ano 2006. Pese a iso, a Administración galega manterá o esforzo continuado de redución de gasto non produtivo, co obxectivo de "adecuar os gastos nos que incorreremos aos ingresos que realmente teremos, como calquera familia".

A conselleira de Facenda incidiu en que o Goberno galego foi quen de presentar en só once meses dous orzamentos, achegando certidume e reforzando a solvencia da Comunidade. Isto permitiu que Galicia siga financiándose sen precisar o rescate do Estado, atendendo sen problemas os seus compromisos de pago e de maneira áxil, e continuará nesta liña no vindeiro exercicio.

Así, Elena Muñoz Fonteriz recordou que Galicia deixou atrás a recesión no segundo trimestre do ano, e agora as contas do vindeiro exercicio "permiten por primeira vez reflectir un cambio de tendencia económica". De feito, en 2014 a Comunidade galega compatibilizará por primeira vez dende que se iniciou a crise o crecemento económico cun descenso da taxa de desemprego, que segue sendo a máxima prioridade para o Goberno galego.

En canto ás liñas básicas dos Orzamentos, insistiu en que volverán priorizar a axuda aos que máis o necesitan co impulso a unha política fiscal máis xusta e progresiva. Ademais, tamén incluirán medidas para a reactivación económica –como o incremento do 7% na dotación do Fondo de Crecemento, ata 412 millóns de euros- e fomentarán o reequilibrio territorial, destinando nas provincias de Lugo e Ourense case un 50% máis de investimento por habitante.

Beneficios fiscais
Durante a intervención no Parlamento, a conselleira de Facenda destacou que o total de beneficios fiscais sobre os tributos nos que ten capacidade de actuación a Administración galega alcanzarán os 306 millóns, dos que o 90% teñen os seus efectos no ámbito social. Deste xeito, a Xunta alivia a carga que teñen que soportar os galegos subvencionando parte dun determinando servizo ou a través das rebaixas selectivas de impostos.

Precisamente, Muñoz Fonteriz lembrou que a Xunta pedirá menor esforzo ás rendas máis baixas a través da redución do tramo máis baixo do IRPF para as bases liquidables de ata 17.707 euros, o que permitirá achegar máis progresividade ao sistema e dotará de menos ingresos aos que máis teñen.

Ademais, o Goberno galego elevará as deducións neste imposto en caso de nacemento ou adopción para facilitar a natalidade e a conciliación, incentivará as enerxías renovables con bonificacións fiscais e facilitará o relevo xeracional nas empresas familiares cunha modificación do Imposto sobre Sucesións e Doazóns, atendendo unha demanda deste colectivo.

Endebedamento controlado
A titular de Facenda explicou na Cámara que a evolución do endebedamento en Galicia hai que enmarcala nun contexto de incremento xeneralizado de todas as administracións públicas. Non obstante, lembrou que a finais de 2008 o ratio débeda/PIB en Galicia era superior á media das comunidades autónomas, mentres que a finais deste 2013 será tres puntos inferior.

Muñoz Fonteriz explicou que en 2014 Galicia será a segunda autonomía que menos gasto financeiro pagará en relación ao gasto non financeiro, e que isto é posible por actuar con rigor e por ter un endebedamento responsable e controlado. Respecto ao Goberno bipartito, o actual Executivo "inverteu a tendencia en época de crise, cando realmente ten sentido endebedarse", advertiu.


Temas relacionados