Actualidade

[Nova2012]OS INVESTIMENTOS DA XUNTA PARA 2012 EQUILIBRAN O TERRITORIO PRIORIZANDO O GASTO POR HABITANTE EN LUGO E OURENSE

OS INVESTIMENTOS DA XUNTA PARA 2012 EQUILIBRAN O TERRITORIO PRIORIZANDO O GASTO POR HABITANTE EN LUGO E OURENSE

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2011.- O proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade galega para 2012 mantén a aposta do Goberno autonómico polo equilibrio do territorio priorizando o gasto por habitante nas provincias de Lugo e Ourense fronte ás de Pontevedra e A Coruña, pois os recursos que destina por habitante nas provincias interiores é un terzo superior ás atlánticas.

Así, a suma dos investimentos da administración xeral e dos entes dependentes supón que o gasto por habitante será o vindeiro ano de 926 euros na provincia de Lugo e de 838 na de Lugo, mentes que á de Pontevedra se destinará 639 euros e á de A Coruña 623.

 

A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, entregou hoxe no Parlamento o proxecto de Lei de Orzamentos para 2012, os máis sociais da historia da autonomía, cun 76% do gasto destinado a sanidade, educación e servizos sociais, co que gañan 7,7 puntos de peso no que vai de lexislatura.

 

Marta Fernández Currás reiterou que Galicia actúa con prudencia e responsabilidade e aporta certezas aprobando os orzamentos para 2012 a pesar da irresponsabilidade do Goberno central ao non prorrogar nin aprobar contas e tampouco concretar cifras ás autonomías.

 

A titular de Facenda explicou que cos orzamentos recentemente aprobado polo Executivo autonómico, Galicia poderá medrar un 1,1% o ano que ven, unha décima por riba do estimado para España, manter un diferencial positivo de 4,5 puntos en taxa de paro respecto ao Estado e que non baixen por primeira vez na lexislatura os investimentos orzamentarios.

 

Logo dun axuste do gasto público superior ao 15% en dous anos, o gasto non financeiro da Xunta manterase estabilizado, caerá un 0,1%, ata os 9.135 millóns de euros, co que se manterá nos niveis do ano 2006. As prioridades das contas autonómicas serán continuar na senda da recuperación económica, a solvencia da Facenda autonómica e o mantemento das políticas do Estado de Benestar.

 

Fernández Currás tamén subliñou que Galicia aporta solvencia ao conxunto de España, por ser a autonomía máis cumpridora e esixente co proceso de consolidación fiscal. A comunidade dotouse dun teito de gasto por lei, que aumentou a transparencia e disciplinou a elaboración das contas; e dunha regra fiscal asociada ao ciclo económico.

 

Tamén foi, xunto a Madrid, a única autonomía que cumpriu tanto no ano 2009 como no exercicio 2010, o obxectivo de estabilidade orzamentaria. Ademais, mantivo un incremento a débeda por debaixo da media nos dous últimos exercicios e deseñou un Plan Estratéxico 2010-2014- Galicia 2020, que foi eloxiado polo comisario europeo, pois vai na liña da estratexia comunitaria Europa 2020.

 

Control do gasto corrente e melloras de eficiencia na xestión

A conselleira de Facenda sinalou que o Goberno galego non abandona os esforzos por controlar o gasto corrente e acumula un aforro de 753 millóns de euros no que vai de lexislatura, o equivalente ao 1,3% do PIB galego, gañando eficiencias na xestión. Igualmente apuntou que unha xestión eficiente na Función Pública permite reducir o déficit estrutural sen afectar á calidade dos servizos, cun aforro estimado para a lexislatura de 300 millóns de euros.

 

Por outra banda, co obxectivo de seguir impulsando un novo modelo produtivo, o Plan Estratéxico 2010-2014-Galicia 2020, prioriza o eixe de Dinamización Económica, Crecemento e Emprego, que é o que máis medrará o vindeiro ano, un 3,2%, grazas a importantes incrementos en programas chaves. Así, o Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento medra case un 10%; mentres que o de apoio á Modernidade, Internacionalización, Mellora da Competitividade e Produtividade Empresarial o fai case un 48%.

 

 

Neste senso, Marta Fernández Currás salientou que o cumprimento da estabilidade orzamentaria tamén dá os seus froitos á hora de achegar recursos doutras administracións, pois Galicia foi unha das comunidades que puido asinar co Estado un convenio –o Interconecta- para captar 30 millóns de euros en tres anos que servirán para financiar proxectos de innovación.


Temas relacionados