Galicia afronta no 2012 un escenario global realmente esixente. Hoxe máis que nunca, o rigor e a prudencia na xestión do gasto público, constitúen factores esenciais para a supervivencia e sostibilidade dos servizos públicos fundamentais. A Xunta de Galicia deseñou os dous últimos orzamentos nun ámbito de caída de ingresos sen precedentes, pero abordamos con ambición e realismo unha política económica que permitiu a Galicia retornar á senda de crecemento, modesto pero sostido, que nos permite ser optimistas ante os retos que se nos presentan.
Estes orzamentos permiten estabilizar as finanzas públicas galegas. Tras dous anos de axustes, chegamos ao 2012 cos deberes feitos e con marxe de manobra que nos permite financiar a cohesión social a través dunha magnífica sanidade pública, universal e gratuíta, unha educación pública de calidade e un sistema de benestar social que nos identifica como pobo solidario.
Para iso debemos continuar traballando na asignación eficiente dos recursos públicos, avaliando cada unha das nosas políticas públicas, para o que contamos co Plan Estratéxico de Galicia 2010-2014, horizonte 2020, que incorpora os obxectivos da axenda Europa 2020, e analizando cada unha das partidas de gasto co obxectivo de gañar eficiencia na xestión diaria do noso gasto.
Os Orzamentos 2012 representan o proxecto económico do Goberno de Galicia. Un proxecto chamado a resolver as enormes dificultades que atravesamos e non, a incrementar os problemas dos cidadáns galegos. Para iso deseñamos un orzamento que sirva como instrumento de cohesión social sen renunciar ás políticas de impulso do crecemento económico. Estes orzamentos priorizan aquelas políticas destinadas a mellorar a competitividade da nosa economía, facilitar a internacionalización das nosas empresas e manter o apoio ós nosos sectores produtivos, de tal forma, que todo proxecto viable vai encontrar financiamento para desenvolverse.
Debemos afrontar con optimismo os retos que se nos presentan por diante e facémolo coas mellores contas que hoxe podemos presentar, confiamos nos nosos mozos e na súa formación e por iso seguimos mellorando o financiamento das nosas Universidades, aumentamos o financiamento dedicado ao I+D+i e seguimos avanzando na nosa modernización tecnolóxica.
Son tempos difíciles para todos, pero tamén de oportunidades. Ábrese un escenario global que debemos aproveitar sen complexos. Galicia meréceo.
:: Marta Fernández Currás