Comité de Seguimento do PO FSE Galicia 2014-2020
O Comité de Seguimento do PO FSE Galicia 2014-2020, que se constituíu o 16.02.2016, reunirase polo menos unha vez ao ano e examinará a execución do programa e os avances na consecución dos seus obxectivos.
As funcións do Comité de Seguimento son as seguintes:
- Aprobar o regulamento interno do Comité de Seguimento, así como as modificacións do mesmo, no seu caso.
- Examinar a execución do Programa Operativo, e os avances na consecución dos seus obxectivos. Na súa análise, atenderase aos datos financeiros, aos indicadores comúns e específicos do Programa, en especial aos cambios nos valores dos indicadores de resultados, aos avances na consecución de valores previstos cuantificados e aos fitos definidos no marco de rendemento e, cando cumpra, aos resultados das análises cualitativas.
- Examinar todas as cuestións que afecten o rendemento do Programa, incluídas as conclusións dos exames de rendemento.
- Formular, no seu caso, observacións á Autoridade de Xestión acerca da execución e evolución do Programa, incluídas accións dirixidas a reducir a carga administrativa para os beneficiarios. O Comité fará o seguimento das accións emprendidas por mor das súas observacións.
- Examinar en xeral:
- Os avances na execución do Plan de Avaliación e as medidas tomadas en resposta ás conclusións das avaliacións.
- A aplicación da estratexia de comunicación.
- A execución de plans de acción conxuntos.
- As accións encamiñadas a promover a igualdade entre mulleres e homes, a igualdade de oportunidades e a non discriminación, incluída a accesibilidade das persoas con discapacidade.
- As accións dirixidas a fomentar o desenvolvemento sustentable.
- Os instrumentos financeiros.
- Toda cuestión que afecte o rendemento do Programa Operativo.
- Examinar e aprobar:
- A metodoloxía e os criterios de selección de operacións do Programa Operativo.
- Os Informes de execución anual e final do Programa Operativo.
- O Plan de Avaliación do Programa Operativo e toda modificación do devandito Plan, tamén cando sexa parte dun Plan de avaliación común.
- A estratexia de comunicación do Programa operativo e toda modificación da mesma.
- Toda proposta da Autoridade de Xestión para modificar o Programa Operativo.