Volver ao contido

Principio de Asociación REACT-UE

A Axuda á Recuperación para a Cohesión e os Territorios de Europa (REACT- UE) é unha iniciativa que prosegue e amplía as medidas de resposta á crise e de reparación da crise, propostas na Iniciativa de Investimento en Resposta ao Coronavirus (IIRC) e a Iniciativa de Investimento en Resposta ao Coronavirus Plus (IIRC+).

Esta iniciativa contribuirá a preparar unha recuperación ecolóxica, dixital e resiliente da economía.

O paquete REACT- UE inclúe 55 000 millóns EUR de fondos adicionais que se poñerán ao dispor do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), o Fondo Social Europeo (FSE) e o Fondo de Axuda Europea para as Persoas Máis Desfavorecidas (FEAD) para o período 2014-2020. Estes fondos adicionais procederán en 2021-2022 do programa Next Generation EU, e en 2020 achegaranse mediante unha revisión específica do marco financeiro actual. Estes recursos súmanse ás dotacións existentes para 2014-2020.

REACT- UE proporcionará financiamento adicional para os sectores máis importantes, que serán cruciais para sentar as bases dunha recuperación sólida. Isto supoñerá investimentos para apoiar o mantemento do emprego, en particular mediante réximes de redución do tempo de traballo e apoio aos traballadores por conta propia. Os fondos tamén poden utilizarse para fomentar a creación de emprego e as medidas de emprego xuvenil, para os sistemas de asistencia sanitaria e para facilitar capital circulante e apoio ao investimento ás pemes. Este apoio estará dispoñible en todos os sectores económicos, incluídos os do turismo e a cultura, particularmente afectados. A axuda adicional servirá tamén para investir no Pacto Verde Europeo e a transición dixital, como ampliación dos importantes investimentos neses ámbitos que xa se están levando a cabo a través da política de cohesión da UE.

No caso do programa FEDER, os recursos adicionais utilizaranse principalmente para apoiar o investimento en produtos e servizos sanitarios -especialmente os vinculados á COVID-; para prestar apoio en forma de capital circulante ou de apoio ao investimento para as pemes; en investimentos que contribúan á transición cara a unha economía dixital e verde; para investimentos en infraestruturas que presten servizos básicos aos cidadáns; e en medidas económicas nas rexións máis dependentes dos sectores máis afectados pola crise como, por exemplo, o turismo. No caso do FSE, os recursos adicionais apoiarán a creación de emprego, especialmente para as persoas en situación de vulnerabilidade, as medidas en materia de emprego xuvenil, a educación e a formación, así como apoiar as transicións cara a unha economía sostible e dixital. Tamén para mellorar o acceso aos servizos sociais de interese xeral.

 

POR QUE SE PIDE INFORMACIÓN?

De acordo co Principio de Asociación establecido no Regulamento (UE) Nº 1303/2013 de Disposicións comúns e xerais relativas aos Fondos do MEC 2014-2020 (Art. 5) e o Código de Conduta Europeo sobre as asociacións no marco dos Fondos EIE establecido no Regulamento Delegado (UE) Nº 240/2014 (Arts. 4, 5, 8 e 9), a elaboración e implementación dos documentos estratéxicos da política de cohesión, como son as modificacións dos POs FEDER e FSE Galicia 2014-2020, derivadas da axuda á recuperación para a cohesión e os territorios de Europa (REACT- UE).

 

A QUEN SE SOLICITA INFORMACIÓN?

Aos axentes económicos e sociais que recomenda a Comisión Europea, respectando o marco institucional e xurídico establecido ao respecto, que son:

  1. Autoridades urbanas e outras públicas.
  2. Interlocutores económicos e sociais.
  3. Os organismos pertinentes que representan á sociedade civil, os interlocutores ambientais e os organismos de responsables de promover a inclusión social, os dereitos fundamentais, os dereitos das persoas con discapacidade, a igualdade de xénero e a non discriminación.

 

CAL É A FINALIDADE?

Trátase de que a planificación e a execución da Política de Cohesión en Galicia para o período 2014-2020 conte cun amplo consenso de todas as partes involucradas e dea resposta aos retos e necesidades dos diferentes colectivos, tendo en conta os aspectos transversais, o contexto específico da C.A., as prioridades comunitarias e a complementariedade e coherencia respecto doutros instrumentos da UE.

Se vostede quere opinar acerca dalgún tema relacionado co REACT UE en Galicia, pode enviar as súas suxestións / observacións, xunto cos seus datos persoais / profesionais (nome e apelidos / DNI e correo electrónico / cidade, provincia e nación / ou se fose o caso organización, empresa, categoría profesional, CIF e correo electrónico), a través do Modelo resposta aos documentos de consulta pública da política rexional comunitaria REACT UE (en Documentos asociados) ou, preferentemente, a través da seguinte dirección de correo electrónico:

 

Union Europea