Volver ao contido

Presentación

O artigo 25 do Decreto 202/2012, do 18 de outubro, polo que se crea a Axencia Tributaria de Galicia e se aproba o seu estatuto regula as funcións da AREA DE RECADACIÓN:

1. Corresponde á Área de Recadación, baixo a dependencia da persoa titular da Dirección e sen prexuízo das funcións que, de conformidade coa normativa vixente, deban entenderse atribuídas a outros órganos ou unidades, as funcións en materia de recadación que se prevén na Lei 58/2003, do 17 de decembro, e no Real decreto 939/2005, do 29 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de recadación, de imposición de sancións e de revisión en vía administrativa, que se lle atribúan mediante orde da consellería competente en materia de facenda, así como as demais que lle encomende a Dirección ou que se lle deleguen.
Entre outras, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Planificar e coordinar a xestión recadatoria que corresponda á Axencia Tributaria de Galicia, incluída a que derive de convenios, delegacións de competencias ou encomendas de xestión doutras administracións públicas.

b) A coordinación entre os órganos da Axencia Tributaria de Galicia e demais órganos ou entes da Comunidade Autónoma que desempeñen funcións de xestión recadatoria dos ingresos de dereito público.

c) A autorización, supervisión e control das contas restrinxidas de recadación, así como o réxime de funcionamento dos ingresos nas entidades colaboradoras e nas entidades que, de ser o caso, presten o servizo de caixa.

d) A supervisión da actuación dos órganos de recadación.

e) O estudo e a proposta de convenios con outras administracións públicas que instrumenten a delegación ou encomenda de funcións en materia de recadación.

2. Contará coas seguintes unidades administrativas:

2.1. O Departamento Central de Recadación, que exercerá, entre outras, as seguintes funcións:

a) A xestión centralizada da recadación executiva.

b) A xestión recadatoria nos dous períodos respecto das débedas das unidades centrais e órganos con sede no concello de Santiago de Compostela.

c) Ditar providencias de constrinximento respecto ás débedas sinaladas na alínea anterior.

d) A relación coas entidades colaboradoras no ámbito da comunidade autónoma.

e) Facer o seguimento dos procesos concursais en que compareza a Axencia Tributaria de Galicia.

Son órganos de recadación da Axencia Tributaria de Galicia:

a) Departamento Central de Recadación

b) Na esfera territorial,  os Departamento de Recadación das Delegacións da Axencia Tributaria de Galicia.