Volver ao contido

Notas de prensa

Xunta e sindicatos asinan os acordos para desenvolver a carreira administrativa dos empregados públicos

Xunta e sindicatos asinan os acordos para desenvolver a carreira administrativa dos empregados públicos

  • A carreira profesional é un sistema voluntario e consolidable que recoñece o desempeño do empregado publico e a súa formación

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2022.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e os representantes das principais organizacións sindicais, asinaron hoxe os acordos para desenvolver a carreira administrativa dos empregados públicos no eido da Administración Xeral, un sistema voluntario e consolidable de carácter ordinario e extraordinario que recoñece o desempeño do empregado público e a súa formación continua.

O novo acordo asinado cos sindicatos CC.OO., UXT e CSIF ten o obxectivo de repoñer os dereitos que xa estaban establecidos no histórico Acordo de Concertación Social asinado no ano 2019, con UXT e CC.OO. para a mellora do emprego público. 

Ese acordo recollía, por primeira vez, a implantación dun sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa, sistema que foi anulado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a instancias da Confederación Intersindical Galega (CIG). O obxectivo do Goberno galego con este novo acordo é que esa sentenza non prexudique aos empregados públicos.

A carreira administrativa ten vocación de estenderse a todos os servizos públicos autonómicos, e dá resposta a unha reivindicación histórica das organizacións sindicais. O obxectivo primordial deste sistema é favorecer a motivación dos empregados públicos e a súa mellor formación, nunha época de grandes cambios tecnolóxicos e organizativos. Os beneficiarios percibirán de xeito progresivo unha contía anual por cada grao acadado que vai desde os 801€ ata os 2.589€ segundo a súa categoría profesional. 

Complemento equivalente para o persoal laboral
Así mesmo, a Xunta e os sindicatos CC.OO e UXT asinaron tamén hoxe o acordo polo que se establece un complemento equivalente á carreira administrativa para o persoal laboral.

Grazas a estes dous acordos, o sistema de carreira administrativa estará aberto a todos os empregados públicos -funcionarios e laborais- independentemente de que sexa persoal fixo ou temporal.