Volver ao contido

Notas de prensa

Valeriano Martínez pón en valor a iniciativa da Xunta para instalar caixeiros e prestar servizos de asesoramento financeiro nos concellos do rural

Valeriano Martínez pón en valor a iniciativa da Xunta para instalar caixeiros e prestar servizos de asesoramento financeiro nos concellos do rural

  • Un total de 34 concellos asinaron xa os convenios de colaboración co Goberno galego para dispoñer destes servizos

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2021.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, explicou hoxe no Parlamento a iniciativa posta en marcha pola Xunta de Galicia para instalar caixeiros e prestar servizos de asesoramento financeiro nos concellos do rural.

Durante a súa intervención no Pleno do Cámara galega para responder a unha pregunta oral sobre servizos financeiros, defendeu que esta iniciativa busca, ademais da instalación de caixeiros, a prestación dos servizos de asistencia e formación financeira. Neste sentido, Valeriano Martínez sinalou que Galicia conta cunha das iniciativas máis ambiciosas do Estado para evitar a exclusión financeira no ámbito rural.

Ademais, o conselleiro subliñou que un total de 34 concellos asinaron xa os convenios de colaboración coa Xunta para dispoñer de caixeiro automático e de servizos de atención financeira ao cidadán dos que se beneficiarán preto das 48.000 galegas e galegos que viven nestes municipios. "Trátase de facer política útil para dar solución aos problemas que teñen os cidadáns", subliñou.

A medida posta en marcha polo Goberno galego está baseada en tres liñas de actuación: a instalación de caixeiros automáticos nas dependencias municipais; a prestación dun servizo de asistencia financeira que permita, de xeito semellante a unha oficina bancaria convencional, solucionar de xeito presencial as dúbidas; e unha oferta de formación financeira e banca electrónica para adquirir nocións básicas e aprender a utilizar os servizos bancarios a través das novas tecnoloxías.

Finalmente, o conselleiro de Facenda e Administración Pública sinalou que, en todo caso, o problema da exclusión financeira ten unha dimensión nacional que require dunha actuación global e coordinada por parte do Goberno de España.