Volver ao contido

Notas de prensa

Os Orzamentos de 2023 incluirán máis de 2.700 millóns de euros para investimentos

Os Orzamentos de 2023 incluirán máis de 2.700 millóns de euros para investimentos

  • Os investimentos medran un 8,5% con respecto ao exercicio vixente
  • O Conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, reuniuse hoxe con representantes das organizacións sindicais e da Confederación de Empresarios de Galicia para avanzarlles as principais liñas de actuación dos Orzamentos do vindeiro ano 

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2022.- Os Orzamentos do vindeiro ano 2023 incluirán máis de 2.700 millóns de euros para investimentos, un 8,5% máis que no presente exercicio. Así llo avanzou hoxe o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos aos representantes das organizacións sindicais e da Confederación de Empresarios de Galicia.
Durante as reunións mantidas esta mañá, o titular de Facenda trasladoulle as liñas xerais das contas do ano que vén e que a Xunta presentará a vindeira semana. Neste sentido, explicoulles que Galicia vai priorizar o apoio aos sectores, familias e empresas máis afectadas pola inflación, garantir os medios e o persoal precisos para continuar prestando uns servizos públicos de calidade, e seguir modernizando a sanidade, a educación e as políticas sociais.

Rebaixas fiscais
Ademais, os orzamentos do vindeiro ano tamén inclúen novas rebaixas de impostos para axudar aos galegos a facer fronte á alza dos prezos, especialmente aos de rendas máis modestas. Por un lado recóllese a deflactación do tramo autonómico do IRPF con efecto retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2022 e por outro, a rebaixa do 1º tramo  autonómico do IRPF do 9,4 ao 9%.
Esta é a cuarta rebaixa do IRPF en nove anos para favorecer as rendas medias e baixas, polo que os cidadáns galegos aforrarán na declaración de 2023 unha media de 476€ en relación co que pagaban en 2009.