Volver ao contido

Notas de prensa

O presidente da Xunta agradece o traballo e dedicación de Mar Pereira á fronte da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia nestes dez anos

O presidente da Xunta agradece o traballo e dedicación de Mar Pereira á fronte da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia nestes dez anos

  • Substitúea no cargo Julián Cerviño Iglesia, licenciado en Ciencias Físicas pola USC e con máis de vinte anos de experiencia levando a cabo proxectos e programas IT estratéxicos de distintas administracións  

Santiago de Compostela, 1 de setembro.- O Consello da Xunta acordou hoxe o cese a petición propia de Mar Pereira Álvarez, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia desde a súa constitución en 2012. 

O Goberno galego agradece o seu traballo e dedicación nesta etapa de posta en marcha e consolidación da Axencia que en 2012 marcou un fito ao integrar nun único organismo os recursos do ámbito tecnolóxico, apostando por unha xestión integral das políticas tecnolóxicas da Administración. 

Durante os últimos dez anos, Mar Pereira estivo ao mando das políticas de dixitalización da Comunidade -con iniciativas como 2014.gal ou a Axenda Dixital de Galicia 2020-, que fixeron posible avanzar na dixitalización dos servizos públicos, na transformación dixital do tecido empresarial, na mellora da conectividade e a inclusión dixital da sociedade.

Esta transformación ten a súa continuación na posta en marcha da Estratexia Galicia Dixital 2030 e da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, que conteñen as bases para o desenvolvemento tecnolóxico de Galicia na próxima década. Mar Pereira levou á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia nesta década a ser un referente no conxunto de España.

Mar Pereira formaba parte do Goberno galego desde 2009, cando foi nomeada secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. Licenciada en Física Electrónica pola USC, pertence ao corpo de técnicos superiores de sistemas e tecnoloxías da información do Servizo Galego de Saúde.

Julián Cerviño Iglesia, novo director da Axencia

O Consello de Goberno aprobou tamén o nomeamento de Julián Cerviño Iglesia como novo director da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia. Julián Cerviño leva máis de vinte anos traballando en proxectos e programas IT estratéxicos de distintas Administracións en Galicia, como a administración electrónica da Xunta e diversas iniciativas relacionadas coa sanidade pública. 

Julián Cerviño Iglesia é Licenciado en Ciencias Físicas, especialidade electrónica pola Universidade de Santiago de Compostela. É un profesional con ampla experiencia en IT e sólidos coñecementos de xestión e técnicos.