Volver ao contido

Notas de prensa

O Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030 prevé reducir a ratio debeda/PIB en cinco puntos nesta década, ata o entorno do 13%

O Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030 prevé reducir a ratio debeda/PIB en cinco puntos nesta década, ata o entorno do 13%

  • Galicia estará en disposición de recuperar a estabilidade orzamentaria a partir do ano 2025
  • O Plan Estratéxico recolle dúas grandes prioridades: un crecemento medio do PIB de entre o 2% e o 2,5% anual, por riba da media de España e que cara ao ano 2030 o paro baixe ata o entorno do 8%
  • O Plan estrutúrase entorno a cinco eixes, 21 prioridades, e 70 obxectivos estratéxicos con máis de 140 indicadores de resultado
  • Os cinco eixes do novo Plan son o reto demográfico, Galicia verde e sostible, competitividade e crecemento, cohesión social e territorial, e gobernanza
  • Ademais ten o obxectivo de acadar 10 metas no ano 2030 entre as que destacan o reforzo da saúde e calidade de vida, consolidar o sistema educativo entre os mellores de España, potenciar o peso do sector industrial ou favorecer unha Galicia dixital e innovadora

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2022.- O Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030 prevé que Galicia estará en disposición de recuperar a estabilidade orzamentaria a partir do ano 2025 e deixar de ter que recorrer ao endebedamento. Así, Galicia reducirá a ratio débeda/PIB en cinco puntos nesta década, ata o entorno do 13%.

O Consello da Xunta aprobou hoxe o Plan Estratéxico 2022-2030 que recolle dúas grandes prioridades: o crecemento económico sostible e o emprego. Neste sentido, o Plan prevé unha evolución positiva do PIB ao longo da década cun crecemento medio sostido de entre o 2 e o 2,5% anual, por riba da media de España. A achega do Plan sobre o escenario base será do entorno dos dous puntos adicionais ao crecemento do PIB.

En canto á taxa de paro, a Xunta estima que nunha década se reduza catro puntos e que cara ao ano 2030 baixe ata o entorno do 8%. A achega do Plan Estratéxico será dun punto. A meta é crear as condicións para a creación de máis e mellor emprego, aumentando a cualificación e a produtividade.

Obxectivos
Os obxectivos xerais do Plan son acadar unha recuperación sostible, resistente e inclusiva; deseñar a Galicia do futuro poñendo no centro o reto demográfico; acadar unha Galicia máis sostible e climaticamente neutra; promover unha sociedade innovadora, moderna, competitiva, solidaria e cohesionada; favorecer os valores diferenciais de Galicia como motores de desenvolvemento; e garantir unha senda previsible, rigorosa e estable de actuación do Goberno galego a medio prazo.

Neste marco, o Plan Estratéxico 2022-2030 conta con cinco eixes, 21 prioridades de actuación, e 70 obxectivos estratéxicos con máis de 140 indicadores de resultado e é coherente cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 e cos obxectivos políticos e específicos dos Programas Operativos 2021-2027. 

Os eixes do Plan
Os cinco eixes estratéxicos do Plan son o reto demográfico (eixe 1); Galicia verde e sostible (eixe 2); competitividade e crecemento (eixe 3); cohesión social e territorial (eixe 4); e gobernanza (eixe 5).

As prioridades do eixe 1 (reto demográfico) son o emprego de calidade con medidas de conciliación da vida familiar e laboral; a atención ao benestar apostando pola mellora dos servizos de atención ás necesidades das familias, e en especial dos maiores; a vivenda accesible, sobre todo para os máis novos; e a protección da saúde e a procura da mellora continuada duns servizos de saúde máis modernos e próximos ao cidadán.

O eixe 2 –Galicia verde e sostible- busca o progreso a través das oportunidades que ofrece a transición cara a unha economía baixa en carbono, a mobilidade sustentable, e tamén unha resposta integral fronte ao cambio climático e a xestión sostible do patrimonio natural.

O eixe 3 de competitividade e crecemento inclúe entre as súas prioridades de actuación  consolidar unha cultura de crecemento a partir da innovación e a I+D; impulsar unha sociedade dixital que favoreza o pleno acceso ás novas tecnoloxías; o fomento do emprendemento e do investimento que propicien o mantemento e a creación de novas empresas, atraer investimento e facilitar a internacionalización; as infraestruturas produtivas cun impulso á conectividade, a través de redes TIC e enerxéticas que vertebren o territorio; un sector primario moderno e competitivo como mellor garantía para apegar poboación ao territorio e o turismo sustentable para reforzar o atractivo turístico e situar a Galicia como un destino competitivo que aposte por proxectos de alto valor engadido.

O eixe 4 de cohesión social e territorial recolle como prioridade a educación de calidade cun modelo que atende todas as necesidades; a igualdade e inclusión social para promover a inclusión das persoas en situación de vulnerabilidade e loitar contra calquera tipo de discriminación e asegurar a igualdade de oportunidades; a cohesión territorial para dinamizar a vida nas zonas rurais e costeiras non urbanas, buscando unha diversificación da estrutura económica que garanta o equilibrio territorial; e a cultura como valor esencial e imprescindible para o desenvolvemento integral da sociedade.

Finalmente o eixe 5 de gobernanza afondará no reforzo do autogoberno e a cooperación entre administracións cunha organización pública que traballe en rede buscando a participación efectiva dos diferentes niveis de goberno e institucións públicas; nas finanzas sustentables e na mellora dos servizos públicos cunha boa administración que avance na xeración de valor engadido ao cidadán baseada na planificación e avaliación das políticas públicas; acadando uns servizos públicos accesibles, sinxelos e áxiles.

Metas
O Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030 ten o obxectivo de acadar 10 grandes metas no ano 2030: converxencia, máis e mellor emprego, reforzar a saúde e calidade de vida, consolidar o sistema educativo entre os mellores de España, avanzar cara a neutralidade climática, aumentar o peso das enerxías renovables, potenciar o peso do sector industrial, favorecer unha Galicia dixital e innovadora, continuar reducindo o risco de exclusión social e garantir unha Galicia sen fendas de xénero.

En canto á converxencia en renda bruta, en 2030 Galicia acadará a converxencia plena con España en termos de renda bruta dispoñible per cápita dos fogares. No emprego, o obxectivo é aumentar un 10% a taxa de ocupación ata o 74% e reducir en catro puntos a taxa de paro, ata o 8%.

Na meta de saúde e calidade de vida, a Xunta proponse aumentar de 18 a 23 os anos de vida saudable a  partir dos 65; incrementar ata 26.080 o número de prazas residenciais de atención a persoas maiores; e que os tempos medios de espera estrutural cirúrxica e de consulta diminúan un 30% e un 27% respectivamente.

En canto ao sistema educativo, Galicia busca seguir reducindo outros 5,5 puntos a taxa de abandono temperán ata o 6,5%, mellorando o rendemento educativo do alumnado medido por PISA; acadar un 45% da poboación de 25 a 64 anos con educación superior; e obter unha taxa de cobertura escolar de 0 a 3 anos do 60%, con financiamento público.

Ademais, o obxectivo do Goberno galego é avanzar cara unha Galicia climaticamente neutra reducindo as emisións efecto invernadoiro ata o 55% respecto a 1990, que equivale a unha diminución do 64% en relación a 2005. Tamén debe aumentar o peso das enerxías renovables no mix produtor incrementando ata o 85% a porcentaxe de enerxías renovables na xeración de enerxía eléctrica e ata o 58% a porcentaxe de enerxías renovables no consumo de enerxía final.

Tamén se aumentará o peso do sector industrial e mellorará a competitividade coas metas de incrementar o valor das exportacións ata o 45% do PIB, 10 puntos  máis que na actualidade; e ampliar o tamaño das pemes un 15%, mellorando a súa competitividade.

Por outro lado, a Xunta quere favorecer unha Galicia dixital e innovadora e para impulsar este obxectivo inclúese duplicar o gasto en I+D ata situarse próximo ao 2% do PIB; ou que o 90% da poboación adulta empregue a súa competencia dixital.

Finalmente, a meta de redución do risco de exclusión social inclúe o obxectivo de diminuír a taxa de risco de pobreza e exclusión social ata o 14%; e a meta de lograr unha Galicia sen fendas de xénero recolle unha equiparación das taxas de ocupación femininas e masculinas.

En definitiva, o Plan Estratéxico 2022-2030 é máis que un plan de Goberno, pois é unha estratexia para todas as galegas e galegos, que foi amplamente consensuado coa sociedade civil durante tres roldas de participación de expertos e representantes de todos os sectores produtivos, e que será remitido ao Parlamento para o seu debate.