Volver ao contido

Notas de prensa

O Plan Digitalent inicia o primeiro trimestre do ano con máis dunha ducia de actividades para fomentar o talento dixital na infancia, na adolescencia e na xuventude

O Plan Digitalent inicia o primeiro trimestre do ano con máis dunha ducia de actividades para fomentar o talento dixital na infancia, na adolescencia e na xuventude

  • Entre xaneiro e marzo de  2023 activaranse accións para fomentar as vocacións STEAM entre os máis novos e impulsaranse iniciativas para facilitar a adaptación a perfís especializados no eido universitario e da Formación profesional
  • Charlas divulgativas, concursos, visitas e novas iniciativas como DXC Pinchos&Datos ou os TFGs solidarios impulsados por NTT Data
  • A nova edición de Tecnólog@ por un día abrirá inscricións o próximo mes de marzo para o alumnado de 12 a 16 anos
  • Os centros educativos terán ata o 31 de xaneiro para inscribirse na VI edición de GenTech, que achega aos alumnos de Bacharelato as oportunidades laborais do sector TIC
  • As empresas do Pacto Dixital continúan a implicarse no fomento do talento dixital da comunidade

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2023.- A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia continúa a poñer o foco no fomento do talento dixital da nosa comunidade, desta volta con ata quince actividades previstas ata o mes de marzo ao abeiro do Plan DigiTalent. Una vez máis, contará coa implicación do sector TIC galego, que mantén o seu compromiso de colaborar coa Axencia na xeración e a atracción do talento vencellado ás novas tendencias dixitais. 

Espertar o interese nas profesións científico-tecnolóxicas entre os máis cativos
Durante a primeira semana do mes marzo, a Amtega traerá de volta unha nova edición do Programa Tecnólog@ por un día, no que rapaces e rapazas de 12 a 16 anos poderán visitar os centros de traballo das empresas colaboradoras e poderán experimentar en primeira persoa como se desenvolve unha xornada de traballo no sector TIC galego. 

Doutra banda, durante todo o trimestre e ata o mes de maio, DXC Technology impulsa as Charlas DigiTalent DXC, coas que achega aos centros educativos de Secundaria e Bacharelato a Intelixencia Artificial, a Ciencia de Datos e outras temáticas vencelladas ás novas tendencias dixitais dende a experiencia dos seus profesionais. Ademais, impulsa unha nova edición de DXC Iberia Codes, un concurso de programación no que os rapaces e rapazas de 5º de primaria a 4º  de secundaria poderán competir por parellas creando un videoxogo con Tecnoloxía Scratch, nesta edición coa misión de combater a crise enerxética a través do "Comando Enerxético". 

Un ano máis, os centros escolares de Galicia teñen a oportunidade de visitar as instalacións do Data Center de Altia, que contan con máis de 400 m² de salas técnicas.  Ademais, ata o 31 de xaneiro os centros educativos interesados poden inscribirse na IV GenTech, unha iniciativa que se volve a sumar ao catálogo do Plan DigiTalent este 2023 co obxectivo de achegar ao alumnado de Bacharelato a importancia das profesións tecnolóxicas e as oportunidades laborais que o sector TIC ofrece, dende unha perspectiva real, práctica e inspiradora.

Impulso dos novos perfís dixitais
O catálogo deste primeiro trimestre conta tamén con actuacións dirixidas a promover a adaptación de estudantes, titulados e profesionais aos perfís dixitais especializados demandados polo mercado laboral. 

Neste primeiro trimestre iranse activando programas e accións formativas especializadas, obradoiros e workshops ou novas convocatorias para premios aos mellores Traballos de Fin de Grao e Mestrado, para e facilitar a adecuación continua das capacidades dixitais e maximizar as oportunidades de desenvolvemento profesional dos galegos e galegas ao contexto dixital e ás necesidades reais do tecido empresarial.

Así, Altia volve a poñer en marcha Altia FP Dual, coa que favorece o contacto do alumnado de Formación Profesional co mundo laboral, alternando estancias formativas no Instituto e na empresa. Doutra banda, activa novas edicións de Altia Premia, Altia Staging e Altia Tech Day, tres iniciativas orientadas ao eido universitario co  obxectivo común de impulsar o talento en tecnoloxías avanzadas e disruptivas a través da realización traballos de Fin de Grao e Mestrado en liñas de investigación innovadoras, premios de recoñecemento e accións formativas especializadas impartidas polos profesionais da compañía. 

Pola súa banda, DXC Technology repite co Observatorio DXC, un programa de asesoramento especializado ao alumnado universitario de disciplinas técnicas para a realización de prácticas titorizadas, o desenvolvemento de proxectos de Fin de Grao e Mestrado cotitorizados e a celebración da VI edición do premio DXC ao mellor Traballo Fin de Mestrado en Big Data da Universidade de Santiago de Compostela.

Ademais, este ano achega ao plan a novidosa iniciativa DXC Pinchos&Datos, un conxunto de encontros en locais de ocio de Santiago nun formato breve, distendido e altamente participativo, onde o público pode interactuar cos relatores invitados, expertos en novas tendencias dixitais como a tecnoloxía de datos, a Intelixencia Artificial ou a aprendizaxe automática.


Tamén orientado ao eido universitario, NTT Data pon en marcha a iniciativa TFGs solidarios, enmarcada na Cátedra en Diversidade e Tecnoloxía que a compañía mantén coa Universidade de A Coruña e que ofrece ao alumnado de Enxeñaría Informática a oportunidade de desenvolver Traballos de Fin de Grao que aporten valor á sociedade, a través de temáticas vencelladas ás necesidades tecnolóxicas de organizacións sen ánimo de lucro. 

Por último, NTT Data tamén pon en marcha en colaboración con HackABoos o Bootcamp Data Science, un curso intensivo de predición, análise e interpretación de datos para a optimización da toma de decisións; así como o Mestrado de especialización de Formación Profesional Dual en IA e Big Data, que está a impulsar  xunto coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Podes consultar o calendario de actuacións do primeiro trimestre de 2023 na seguinte infografía. Toda a información sobre estas iniciativas, así como o resto de actuacións recollidas no catálogo DigiTalent encóntrase dispoñible no espazo web DigiTalent, que ofrece as datas, localizacións e instrucións para participar en constante actualización.