Volver ao contido

Notas de prensa

O Nodo CIBER.gal leva a Ourense a xornada “Ciberseguridade en Galicia: perspectiva e visión de futuro” o vindeiro 13 de xuño

O Nodo CIBER.gal leva a Ourense a xornada "Ciberseguridade en Galicia: perspectiva e visión de futuro" o vindeiro 13 de xuño

  • O obxectivo da xornada é fomentar a creación de talento especializado, trasladar as oportunidades reais que supón especializarse neste eido e dar a coñecer de primeira man o día a día dun profesional dedicado á materia
  • O Nodo, promovido pola Xunta a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, consolida a súa posición como referente galego no eido da ciberseguridade ao incorporar ao seu ecosistema as entidades Accenture, Ays Innova, Coren, Hijos de Rivera, Inditex, Microsoft Ibérica e SIA.
  • O III Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal celebrarase os días 8 e 9 de novembro na Cidade da Cultura de Galicia e traerá consigo novas actividades singulares para chegar a todos os públicos

 

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2023.- O Nodo CIBER.gal organiza, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en  Informática de Galicia (CPEIG) e a Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) da Universidade de Vigo, a xornada "Ciberseguridade en Galicia: perspectiva e visión de futuro", o vindeiro martes 13 de xuño.

O CIBER.gal é un proxecto de colaboración que une ao sector público e privado para favorecer unha contorna dixital segura en Galicia e afrontar os retos aos que se deben enfrontar empresas, cidadanía e administracións públicas para protexer os seus activos no ciberespazo. 

A xornada, que terá lugar na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, ten como obxectivo achegar aos asistentes o forte atractivo deste sector para fomentar a creación de talento especializado, trasladarlle as oportunidades reais que supón especializarse neste eido e que poidan coñecer de primeira man o día a día dun profesional dedicado á materia. Nesta xornada colaborarán entidades e persoas referentes neste ámbito, como son o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) e Román Ramírez, coñecido experto en ciberseguridade e fundador da RootedCon, entre outros. 

Totalmente de balde, as persoas interesadas poderán inscribirse en modalidade online ou presencial en todas as actividades do programa. Entre elas, destacan unha mesa redonda na que se abordará a actualidade e o futuro da profesión do CISO, que é a figura responsable da xestión da seguridade e protección da información que manexa unha organización para mantela a salvagarda e previr ciberataques ou roubo de datos, obradoiros prácticos para espertar o interese pola ciberseguridade e, tamén, a presentación da Estratexia Galega de Ciberseguridade 2030, a cargo da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Todas elas serán celebradas en horario de mañá o martes 13 de xuño. 

Nos vindeiros días, publicarase o detalle da xornada no novo espazo web do Nodo CIBER.gal, albergado en ciberseguridadegalicia.gal, e facilitaranse as indicacións para inscribirse á xornada.

O Nodo CIBER.gal tamén anuncia a data de celebración do xa terceiro encontro CIBER.gal, os días 8 e 9 de novembro, na Cidade da Cultura de Galicia, agardando un éxito similar ao de anteriores edicións nas que se superou a participación de máis de 4.000 escolares en concursos de ciberseguridade e xerou preto de 2.000 inscricións. 

Ademais, recentemente aprobouse na VI Comisión de Seguimento do Nodo CIBER.gal a incorporación de sete novas entidades ao ecosistema de colaboración. Entre elas, atópanse Accenture, Ays Innova, Coren, Hijos de Rivera, Inditex, Microsoft Ibérica e SIA. Todas elas súmanse ao espazo de colaboración que agrupa a máis de 50 entidades públicas e privadas comprometidas coa sensibilización e capacitación en ciberseguridade de Galicia, a mellora do nivel de ciberseguridade na comunidade, e o fomento de talento especializado para salvar o desaxuste existente entre oferta e demanda laboral neste campo.

No seu marco, tamén se constituíu e puxo en marcha o grupo de traballo da cidadanía, que deseñará e executará iniciativas destinadas ás ANPAs de Galicia, clubes deportivos, menores e persoas maiores, entre outros. O fin de todas elas é común, facerlles ver a importancia de ser precavidos no emprego da rede e dotalos de boas prácticas e ferramentas para combater a ciberdelincuencia na nosa comunidade.