Volver ao contido

Notas de prensa

O Goberno galego advirte dunha posible redución de máis de 725 millóns de euros na Tesourería pola falta de presupostos xerais do Estado

O Goberno galego advirte dunha posible redución de máis de 725 millóns de euros na Tesourería pola falta de presupostos xerais do Estado

  • O Goberno central ten que actualizar canto antes as entregas a conta pois as CC.AA. están a recibir os mesmos importes que no ano 2023 e non as comunicadas polo propio Ministerio de Facenda en decembro pasado
  • Este retraso podería repercutir nos servizos públicos fundamentais que prestan as Comunidades Autónomas
  • Tamén afectará ás retribucións do persoal empregado público incumprindo os acordos acadados coas organizacións sindicais

 

O Goberno galego advirte dunha posible redución de máis de 725 millóns de euros na Tesourería pola falta de Presupostos Xerais do Estado, o que supón un importe mensual aproximado de 60,5 M€.

Así se desprende dun informe presentado hoxe no Consello da Xunta polo conselleiro de Facenda e Administración Pública en funcións, Miguel Corgos, no que se da conta do impacto da prórroga dos Presupostos Xerais do Estado para o ano 2024.

A renuncia do Goberno central a presentar uns orzamentos para 2024, logo de semanas sostendo que os PXE eran unha prioridade para o executivo, ligada á convocatoria electoral en Cataluña, coloca ás Comunidades Autónomas nunha situación de incerteza, falta de estabilidade e merma de recursos que podería repercutir nos servizos públicos fundamentais como a sanidade, a educación ou a dependencia que prestan as Comunidades Autónomas. 

É por iso, que o Executivo central debe actualizar canto antes as entregas a conta do sistema de financiamento autonómico pois neste momento as CC.AA. están a recibir os mesmos importes que no ano 2023 e non os comunicados polo Ministerio de Hacienda o pasado mes de decembro durante a celebración do último Consejo de Política Fiscal e Financeira (CPFF). 

Esta actualización ten que realizarse tendo en conta a nova previsión de ingresos das entregas a conta e das liquidacións comunicados no último CPFF, que ao mesmo tempo debería corrixirse para incluír o impacto das medidas prorrogadas polo Goberno para loitar contra a crise de prezos. 


Principais repercusións da prórroga
Segundo se desprende do informe, a prórroga anunciada polo Goberno central podería afectar a áreas relacionadas coa sanidade, a dependencia, o pago a provedores ou mesmo ás retribucións do persoal empregado público, entre outras.

Ademais, tamén afectará aos obxectivos de estabilidade orzamentaria e de débeda pública das Administracións territoriais no ano en que as regras fiscais se recuperan ao tempo que se xerará un superávit para a Administración central xa que se beneficia do incremento na recadación tributaria previsto para este ano 2024 e que non se distribúe entre as comunidades e as corporacións locais mentres non se actualizan as entregas a conta.

En canto ás retribucións dos empregados públicos, a incapacidade do Executivo central de impulsar os orzamentos xerais conxela as retribucións dos traballadores e traballadoras ao servizo do sector público e contra dos propios acordos que o Goberno asinou coas organizacións sindicais nun contexto de alta inflación.

Estes acordos fixaban para o ano 2024 un incremento retributivo fixo do 2% sobre as retribucións vixentes a decembro de 2023 que debe ser habilitado pola normativa básica do Estado para que se poida incluír nas nóminas dos empregados públicos da comunidade galega. Con esta situación, o persoal empregado público verá incrementada a súa nómina cun retraso de cinco ou seis meses.

Estes efectos negativos da prórroga dos PXE poderían estenderse ademais aos provedores do sector privado que poderían verse afectados pola falta ou retraso nos pagamentos por parte das administracións que non poden contar cos recursos de estar nunha situación de ciclo orzamentario normal.