Volver ao contido

Notas de prensa

O Consello aproba o anteproxecto de Lei do Patrimonio, que actualiza o marco legal axilizando e simplificando a xestión dos bens e dereitos da comunidade autónoma

O Consello aproba o anteproxecto de Lei do Patrimonio, que actualiza o marco legal axilizando e simplificando a xestión dos bens e dereitos da comunidade autónoma

  • A nova norma concentra nun único texto legal as múltiples particularidades que presentan os procedementos patrimoniais, até o de agora dispersos entre a Lei 5/2011, dous decretos e a normativa básica estatal en materia de patrimonio das administracións públicas
  • Incorpora modificacións que permiten reducir os tempos de xestión ordinaria neste tipo de actuacións, facilitando a súa consulta e aplicación
  • Regula de xeito exhaustivo e nun título específico o procedemento de sucesión legal a favor da Comunidade Autónoma e ordena procesos non regulados até o momento, incrementando a seguridade xurídica 
  • O impulso deste texto legal dá resposta tamén á necesidade de fixar nunha norma con rango de lei os procedementos administrativos especiais, como son os de natureza patrimonial 

 

Santiago de Compostela, 19 de maio.- O Consello da Xunta de Galicia deu hoxe o visto e prace ao anteproxecto de lei do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, un texto legal que establece o réxime xurídico dos bens e dereitos da titularidade da Administración galega, actualizando o marco legal e regulatorio nesta materia, axilizando e simplificando a xestión patrimonial e, ademais, adaptando a normativa vixente ás modificacións introducidas na lexislación básica estatal. 


En concreto, o anteproxecto de lei concentra nun único texto normativo as múltiples peculiaridades que presentan os procedementos patrimoniais –até o de agora dispersos entre a Lei 5/2011, dous decretos que desenvolvían a normativa anterior a esta lei, así como a lexislación básica estatal– e incorpora modificacións que permiten mellorar e reducir os tempos de xestión ordinaria neste tipo de actuacións, facilitando a súa consulta e aplicación e apostando por unha maior eficiencia na tramitación destes procedementos.  


Así mesmo, esta nova norma dá resposta á necesidade de regular a través dunha norma legal especial os procedementos que establezan trámites distintos ou adicionais á regulación xeral en materia de procedemento administrativo común.


No que atinxe á súa estrutura, a nova regulación mantén a diferenciación, en dous títulos distintos, dos bens de titularidade pública: os bens demaniais, como aqueles afectos a fins de uso xeral, de servizo público ou os destinados a dependencias administrativas; e os patrimoniais, como aqueles que non cumpren as condicións para seren demaniais, distinguindo, pola súa vez, os bens con vinculación de destino, que teñen natureza patrimonial pero con obriga de destinarse a un fin concreto. No caso dos bens demaniais mantense a mesma regulación e figuras xa previstas, como a afectación, a adscrición e a mutación demanial, así como as autorizacións e concesións. Respecto dos de natureza patrimonial, regúlanse as figuras típicas do dereito privado, como a compra, a venda, o arrendamento, a doazón, a permuta ou a cesión gratuíta, permitíndose a súa aplicación neste tipo de bens.

Sucesión legal a favor da Comunidade Autónoma
Por outra banda, a norma regula dun xeito moi pormenorizado e nun título específico a sucesión legal a favor da Comunidade Autónoma, que ten lugar ante a inexistencia ou renuncia de herdeiros da persoa finada, sempre preferentes ao dereito a herdar da Administración. En concreto, regúlanse as actuacións previas de investigación da posible herdanza, recóllese detalladamente o procedemento para a declaración de herdeira da Comunidade Autónoma e establécese a atribución da competencia para a repartición da masa dispoñible da herdanza ás consellerías competentes en materia de asistencia social e cultura, de acordo co establecido na Lei do dereito civil de Galicia.   

Ademais, prevese que, no caso de existencia ou aparición posterior de herdeiros da persoa finada, a Comunidade Autónoma pechará inmediatamente as súas actuacións e, sen prexuízo da asunción dos gastos ocasionados, porá o patrimonio á súa disposición en calquera momento do procedemento de investigación ou liquidación. 

Poxas públicas e venda de sobrantes de expropiación
En paralelo, o anteproxecto de lei de patrimonio de Comunidade Autónoma inclúe outras modificacións para a mellora e simplificación de actuacións, como por exemplo nas poxas públicas, a venda de sobrantes de expropiación ou a venda de bens rústicos de pequena contía.