Volver ao contido

Notas de prensa

Miguel Corgos participa nunha visita do alumnado do CEIP Monte dos Postes á sala do Consello da Xunta dentro da Semana da Administración Aberta

Miguel Corgos participa nunha visita do alumnado do CEIP Monte dos Postes á sala do Consello da Xunta dentro da Semana da Administración Aberta

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública contestou as preguntas dos estudantes sobre a administración autonómica e o seu funcionamento

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2023.-  O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos participa hoxe nunha visita do alumnado do CEIP Monte dos Postes á sala de Consello, onde o presidente e os conselleiros se reúnen cada semana para tomar decisións de Goberno. 

Os estudantes participaron nunha charla sobre a estrutura e funcionamento da Comunidade Autónoma. O director xeral de Simplificación Administrativa, jesús Oitavén, foi o encargado de explicarlle ao alumnado de primaria as bases de funcionamento da Xunta e como se organizan os Orzamentos da comunidade.

O  conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, respondeu despois as cuestións dos rapaces e rapazas, que incluso lle formularon propostas de mellora dos servizos públicos.

A Semana da Administración Aberta chega ao seu ecuador coa realización de diferentes actividades e xornadas de participación social na que se implican o conxunto das consellerías para divulgar os principios nos que se sustenta a Administración aberta: a transparencia, a rendición de contas, a participación cidadá, a integridade pública e a colaboración.

Estas actividades constitúen unha oportunidade única para que os cidadáns coñezan mellor o funcionamento das Administracións e os valores que rexen o Goberno aberto, así como as ferramentas de participación cidadá na elaboración, planificación e execución das políticas públicas.

Esta iniciativa enmárcase na semana organizada pola Alianza do Goberno Aberto, da que España forma parte desde 2011, para dar máis participación aos cidadáns, utilizar as novas tecnoloxías para fortalecer a gobernanza e facilitar o acceso á xustiza, e construír institucións eficaces, inclusivas e transparentes.