Volver ao contido

Notas de prensa

Miguel Corgos apela ás técnicas de intelixencia artificial e aos avances tecnolóxicos como claves para unha administración moderna, rápida e eficaz

Miguel Corgos apela ás técnicas de intelixencia artificial e aos avances tecnolóxicos como claves para unha administración moderna, rápida e eficaz

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública inaugurou esta mañá o curso superior Auditoría no sector público, organizado pola Escola Galega de Administración Pública 
  • Garante o compromiso da Xunta cun sistema de auditoría e control que permita detectar con rapidez os posibles erros e incumprimentos, simplificando a tramitación administrativa, reducindo os tempos e mellorando a calidade do control
  • Resalta o papel fundamental que xoga na xestión dos fondos europeos a adopción de medidas de control da fraude, que permiten garantir o cumprimento de boa xestión financeira e de legalidade 

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2022.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, apelou hoxe ás técnicas de intelixencia artificial e aos avances tecnolóxicos como claves para unha administración moderna, rápida e eficaz. 

Durante a inauguración do curso superior Auditoría no sector público, organizado pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP), o conselleiro garantiu o compromiso da Xunta cun sistema de auditoría e control que permita detectar con rapidez os posibles erros e incumprimentos, simplificando a tramitación administrativa, reducindo os tempos  e mellorando a calidade do control. 

Neste senso, avogou por aproveitar a utilización de técnicas como o web scraping, para detectar posibles fraudes entre empresas; algoritmos de procesamento de linguaxe natural, que permiten ler documentos como facturas, certificados, solicitudes ou declaracións, ademais de avaliar o seu contido; así como algoritmos de clasificación, para preseleccionar cando é probable que se produza un erro.

Miguel Corgos recordou que o Goberno galego creou, dentro da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, a Oficina Galega de Intervención e Control (OGAC), que aspira a que os controis estean estandarizados e permitan ofrecer valor engadido aos xestores -proporcionándolles información case inmediata de posibles erros-, ademais de propoñer melloras que garantan a correcta xestión dos fondos públicos en termos de eficacia, eficiencia e boa xestión.

O papel fundamental das medidas de control na xestión dos fondos europeos
O conselleiro de Facenda e Administración Pública aproveitou a súa intervención para resaltar o papel fundamental que xoga na xestión dos fondos europeos Next Generation a adopción de medidas de control da fraude. Unhas medidas que, segundo explicou, permiten garantir no só o cumprimento dos principios de boa xestión financeira e de legalidade, senón que as actuacións respecten principios relacionados cunha Europa orientada á transición verde e dixital.