Volver ao contido

Notas de prensa

Máis de 51.000 persoas se beneficiaron do acceso aos servizos financeiros impulsado polo Goberno galego no rural

Máis de 51.000 persoas se beneficiaron do acceso aos servizos financeiros impulsado polo Goberno galego no rural

  • A Xunta rematou a instalación dos caixeiros automáticos para evitar a exclusión financeira en municipios illados ou con baixa poboación
  • O Consello da Xunta coñeceu hoxe o balance das actuacións levadas a cabo no pasado exercicio para incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios nas zonas rurais
  • Nas vindeiras semanas, o Goberno galego abrirá un novo prazo de adhesión ao protocolo asinado coa FEGAMP

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2023.- Máis de 51.000 galegas e galegos se beneficiaron o pasado exercicio do acceso aos servizos financeiros impulsado polo Goberno autonómico en colaboración con 36 concellos do rural. Eses municipios contan agora cun caixeiro automático operativo grazas aos convenios asinados coa Xunta de Galicia para facilitar atención financeira ao cidadán.

Con esta iniciativa, o obxectivo da Xunta era facer fronte á problemática que supón o acceso aos servizos bancarios no rural, evitar a exclusión financeira e promover que toda a poboación galega, con independencia do seu lugar de residencia, teña acceso aos servizos financeiros. 

Deste xeito, unha vez postos en marcha todos os caixeiros, a finais do ano pasado tíñanse realizado máis de 90.000 operacións, sendo a máis frecuente a retirada de cartos en metálico (un 76,4% das operacións). Tamén se utilizaron para realizar consultas (18,7%), pagar ou comprobar recibos, facer xestións de tarxetas de transporte e outros trámites, todo sen ter que desprazarse a outros municipios.

As entidades locais adheridas voluntariamente á iniciativa impulsada pola Xunta e nas que se instalaron estes caixeiros son: Toques, Lousame, Dodro, Santiso, Vilasantar, Vilarmaior, Aranga, Paderne, Monfero, Dumbría, Coirós e Xunqueira de Ambía na provincia da Coruña; Ribeira de Piquín, Samos e O Páramo na de Lugo; A Arnoia, Chandrexa de Queixa, A Teixeira, San Xoán de Río, Os Blancos, Baltar, Larouco, Petín, Rairiz de Veiga, Porqueira, Carballeda de Avia, Melón, Piñor, Cenlle, Taboadela, Xunqueira de Espadañedo, Oímbra, Lobeira, Pontedeva A Peroxa e Vilar de Santos na provincia de Ourense. 

A Xunta fíxose cargo do financiamento da iniciativa, polo que os concellos acollidos a esta medida non tiveron que realizar achega económica ningunha. Tan só tiveron que ceder e acondicionar os espazos necesarios para a instalación dos caixeiros e a prestación dos servizos de asesoramento financeiro e formación que tamén inclúen os acordos.

Estas medidas puxéronse en marcha coa colaboración da entidade financeira ABANCA, que foi elixida mediante convocatoria pública e competitiva co obxecto de que esta entidade prestase servizos bancarios básicos naqueles concellos galegos do ámbito rural que se adherisen voluntariamente a esta iniciativa.

Novo prazo de adhesión
O Informe sobre a inclusión financeira en España elaborado recentemente a instancias das tres patronais bancarias leva a cabo unha diagnose da accesibilidade aos servicios financeiros baseada en datos de decembro de 2021. De acordo con este informe, existen en España 3.230 municipios (o 39,7% do total) que carecen de calquera punto físico de acceso a servicios bancarios, o que afecta a máis de 657.500 persoas (1,4% do total).
 
En Galicia a poboación afectada é moito menor, xa que tan só o 1,9% dos concellos carece de puntos de acceso a servicios bancarios (o 0,2% da poboación). Neste sentido, nas vindeiras semanas, a Xunta abrirá un novo prazo de adhesión ao protocolo de colaboración asinado entre o Goberno galego e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) dirixido especialmente a aqueles concellos que na actualidade presentan algunha dificultade de acceso a servizos financeiros.