Volver ao contido

Notas de prensa

Máis de 51.000 persoas están a beneficiarse do acceso aos servizos financeiros no rural impulsado polo Goberno galego

Máis de 51.000 persoas están a beneficiarse do acceso aos servizos financeiros no rural impulsado polo Goberno galego

  • O Consello da Xunta avaliou hoxe o resultado das actuacións levadas a cabo para incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios nas zonas rurais

 

Santiago de Compostela, 22 de febreiro.- Máis de 51.000 galegos e galegas están a beneficiarse do acceso aos servizos financeiros impulsado polo Goberno autonómico en colaboración con 41 concellos do rural. Eses municipios contan agora cun caixeiro automático operativo para facilitar atención financeira ao cidadán. A instalación dos caixeiros complétase con servizos de formación e asistencia financeira.

Esta iniciativa fai fronte á problemática que supoñía o acceso aos servizos bancarios no rural, co obxectivo de evitar a exclusión financeira e promover que toda a poboación galega, con independencia do seu lugar de residencia, tivera acceso aos servizos financeiros. 

Deste xeito, desde que se puxo en marcha, no ano 2022, realizáronse máis de 272.000 operacións nos caixeiros, impartíronse 23 actividades formativas en materia financeira, e prestáronse 284 servicios de asistencia financeira. 

A retirada de efectivo é con moita diferencia a operación máis recorrente, tres de cada catro operacións que se realizan son deste tipo o que demostra que, pese á xeneralización doutros medios de pago, o pagamento en efectivo segue sendo primordial nas zonas rurais. 

Concellos
As entidades locais adheridas voluntariamente á iniciativa impulsada pola Xunta en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e Abanca e nas que se instalaron estes caixeiros son: Toques, Lousame, Dodro, Santiso, Vilasantar, Vilarmaior, Aranga, Paderne, Monfero, Dumbría e Coirós na provincia da Coruña; Ribeira de Piquín, Ribas de Sil, Samos e O Páramo na de Lugo; A Arnoia, A Peroxa, A Teixeira, Baltar, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo do Val, Cenlle, Chandrexa de Queixa, Larouco, Lobeira, Melón, Oimbra, Os Blancos, Petín, Piñor, Pontedeva, Porqueira, Punxín, Rairiz de Veiga, San Xoán de Río, Taboadela, Toen Moreiras, Vilar de Santos, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadañedo, na provincia de Ourense. 

A Xunta fíxose cargo do financiamento da iniciativa, polo que os concellos acollidos a esta medida non tiveron que realizar ningunha achega económica e só tiveron que ceder e acondicionar os espazos necesarios para a instalación dos caixeiros e a prestación dos servizos de asesoramento financeiro e formación que tamén inclúen os acordos.