Volver ao contido

Notas de prensa

Galicia rexistrou un déficit do 0,4% en 2022, dúas décimas menos do previsto

Galicia rexistrou un déficit do 0,4% en 2022, dúas décimas menos do previsto

  • Este control do déficit permitiu un endebedamento de 210 M€ inferior ao estimado no orzamento
  • Pechou o ano cunha ratio débeda/PIB do 17,2%, tres décimas por baixo  
  • A Administración galega situouse como a segunda C.A. que pagou con máis axilidade aos seus provedores, 10 días antes que a media
  • A Comunidade galega recuperou xa en 2022 o PIB prepandemia e creou case 22.000 empregos 

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2023.- Galicia rexistrou un déficit de 293 M€ o ano pasado, o que supón, en termos de contabilidade nacional, un 0,4% do PIB, dúas décimas menos do límite previsto nos orzamentos. Así o reflicte un informe presentado ao Consello da Xunta polo titular  da Consellería de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, sobre o avance do peche do exercicio 2022.

Segundo mostran as estimacións do informe, Galicia tamén rebaixou o límite de débeda estimado e pechou o ano cun déficit menor do 0,6% previsto e cunha ratio débeda/PIB do 17,2%, tres décimas por debaixo do previsto, o que permitiu deixar de endebedarse en 210 M€.

A estratexia do Goberno galego foi manter o seu modelo de endebedamento responsable que permite que Galicia sexa a CC.AA. que menos incrementou a débeda desde o ano 2009, segundo os datos oficiais do Banco de España.

Por outra banda, a Administración galega situouse, un ano máis, entre as CC.AA. que pagou aos seus provedores con maior axilidade. En concreto, foi a segunda que aboou máis rápido os seus compromisos no ano 2022, nunha media de 14,9 días, fronte 25,2 do conxunto de administracións autonómicas.

Pagar con axilidade beneficia aos provedores que traballan coa Xunta, favorecendo a súa liquidez, tendo en conta que moitos deles son pemes e mesmo autónomos. Por iso, o Goberno galego reafirma o seu compromiso con seguir pagando coa máxima axilidade posible.

Recuperación PIB prepandemia
Por outra banda, Galicia recuperou no cuarto trimestre de 2022 o nivel do PIB da prepandemia, con varios trimestres de antelación á media de España. A economía galega medrou un 3,8% o ano pasado, superando en dúas décimas as previsións do cadro macroeconómico da comunidade.

Ademais, o PIB per cápita mantén a súa senda de converxencia, alcanzando o 92% do de España, o que supón case 2 puntos más que no ano 2019.

Desde o punto de vista da demanda, destaca a fortaleza da demanda externa que achegou 3,7 puntos porcentuais, medrando por riba das previsións. No que respecta á oferta, os servizos medraron un 5,8%, cun maior incremento no apartado de comercio, transporte e hostalería (+17,4%) e en información e comunicacións (12,6%); ademais da aportación do sector primario en Galicia, que é positiva (+0,6%, fronte ao valor negativo de España) e da construción, que recupera valores positivos (+0,7%).

En termos de emprego, no conxunto do ano 2022, creáronse 21.960 postos de traballo equivalentes a tempo completo (PTETC), aumentando un 2,2% con respecto ao anterior exercicio, o que tamén permitiu superar o número empregos da economía galega antes da pandemia.