Volver ao contido

Notas de prensa

Galicia regulará o uso da intelixencia artificial na administración autonómica

Galicia regulará o uso da intelixencia artificial na administración autonómica

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, inaugurou hoxe o acto de presentación do Estudo sobre o marco ético normativo e adopción da intelixencia artificial en Galicia, elaborado polas tres Universidades galegas.
  • Destacou que a aposta de Galicia pola colaboración sitúa á Comunidade nunha posición de vangarda no proceso de transformación dixital
  • Trátase do primeiro informe autonómico que se fai en España sobre as características do marco ético e normativo no que se debe desenvolver a intelixencia artificial
  • O estudo recomenda seguir activamente os acordos e avances na lexislación europea para ser pioneiros na aplicación, impulsar o mercado único e crear oportunidades en Galicia

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2023.- A Xunta regulará o uso da intelixencia artificial no sector público autonómico, de acordo cos resultados do informe elaborado polas tres universidades públicas galegas sobre o marco ético e normativo para o desenvolvemento desta tecnoloxía. 

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, inaugurou hoxe o acto de presentación do estudo sobre o Marco ético normativo e adopción da intelixencia artificial (IA) en Galicia, onde destacou que a aposta da comunidade pola colaboración e a implicación de todos os actores no proceso de transformación dixital sitúa á nosa comunidade nunha posición de vangarda. O acto contou coa participación dos reitores das tres universidades: Antonio López (Santiago de Compostela); Julio Abalde (A Coruña) e Manuel Reigosa (Vigo).

Miguel Corgos sinalou ademais que, a intelixencia artificial é unha responsabilidade compartida e que desde esta posición se poden afrontar mellor os retos relacionados coa especialización da sociedade galega en tecnoloxías e a forma na que se aplican, tendo sempre en conta o benestar das persoas e o desenvolvemento social e económico. Neste marco, lembrou que a comunidade galega foi a escollida para acoller a primeira axencia estatal europea de supervisión da intelixencia artificial, a AESIA, que estará na Coruña. 

Na súa intervención, o conselleiro fixo fincapé nas preocupacións da Administración relativas á utilización das tecnoloxías intelixentes de xeito que cumpran os criterios éticos e normativos máis esixentes: que a administración sexa cada vez máis eficiente, a través automatización de procesos, robotización ou minería de datos; que avance na mellora dos servizos que se ofrecen á cidadanía, cada vez máis personalizados, a través de tecnoloxías de xestión intelixente do dato e novos modelos de procesamento, almacenamento ou servizos na nube; e que e faciliten as relacións entre a cidadanía e a administración, mediante o desenvolvemento de asistentes virtuais e novas ferramentas para dispositivos móbiles. Sen esquecer garantir o acceso aos servizos das persoas sen habilidades dixitais, a través de figuras como a do apoderado ou o funcionario habilitado.

Marco ético normativo e adopción da IA en Galicia
Expertos das tres universidades destacan que "hai marxe para que os Estados e as comunidades autónomas reforcen os obxectivos da lexislación europea sobre Intelixencia Artificial, incluso dende antes da súa entrada en vigor". Neste sentido, inciden en que "nada impide que a comunidade autónoma regule xa a utilización das tecnoloxías baseadas en IA polo propio sector público autonómico e, no seu caso, polas entidades locais galegas".

Tampouco hai impedimento a que "a comunidade autónoma poida desenvolver unha política propia de fomento do desenvolvemento de tecnoloxías baseadas na IA". Sen embargo, advirten de que "está xurdindo un mosaico de normas nacionais con posibles diverxencias que entorpecerá a circulación fluída na UE de produtos e servizos asociados a sistemas de intelixencia artificial e non garantirá de maneira efectiva a seguridade e a protección dos dereitos fundamentais e os valores comunitarios".

Esta é unha das conclusións do estudo presentado hoxe na Cidade da Cultura, promovido pola Xunta e elaborado por equipos multidisciplinares das tres universidades públicas galegas. 

Este informe é o primeiro elaborado nunha comunidade autónoma española para afrontar os retos para unha IA fiable a acorde cos valores humanos que promove a Unión Europea.

Previamente á presentación do estudo desenvolveuse un espazo de diálogo sobre "O papel da linguaxe para unha IA ética e fiable" no que participaron o catedrático de Teoría da Literatura, Darío Villanueva, e o director do Foro de Humanismo Tecnolóxico de ESADE, José María Lassalle. O debate foi moderado polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño.

O estudo foi presentado polo catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago, Luis Miguez; a catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña, Amparo Alonso, e o profesor titular de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Alberto Vaquero. 

Entre as conclusións do traballo, os autores destacan que "para estudar posibles escenarios de regulación da IA en Galicia resulta recomendable seguir activamente os acordos e avances da AI Act (Lei europea de IA) de cara a situarse como pioneiros na aplicación que corresponda e lograr aliñarse para impulsar o mercado único europeo e crear oportunidades claves en torno ao desenvolvemento e uso da IA en Galicia". 

Sinalan, así mesmo, que "as empresas galegas contan con certas vantaxes, como as derivadas da existencia dunha clara aposta da Xunta pola IA, materializada nunha estratexia formal, e a implantación de graos universitarios neste ámbito de formación".

O estudo articulouse en torno a tres aspectos: o marco lexislativo da IA, a identificación das claves do éxito na adopción da IA no mundo e un sistema de indicadores para Galicia, e a análise da situación actual da adopción da IA en Galicia e recomendacións para o seu impulso.

En canto ao sistema de indicadores proposto, os expertos tomaron como referencia a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial e os datos dispoñibles a través do Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA). Entre os aspectos de análise atópanse as conexións da rexión coas principais redes de intelixencia artificial; a formación e adaptación do capital humano e da poboación; o desenvolvemento das condicións necesarias para o desenvolvemento da IA: Administracións públicas, empresas e sectores estratéxicos; e o apoio dende os axentes do ecosistema de innovación galego e a súa aportación á evolución social e económica de Galicia.

O traballo tamén incide en que debe ser prioritario "a creación de espazos de datos empresariais compartidos, a transformación dixital das empresas, o despregue de infraestruturas e o fomento da creación de empresas de prestación de servizos de IA especializados en PEMEs.

O estudo está dispoñible na seguinte ligazón: 
https://amtega.xunta.gal/documento/estudo-sobre-o-marco-etico-e-normativo-e-o-potencial-impacto-da-adopcion-da-intelixencia