Volver ao contido

Notas de prensa

Galicia, Castela e León, Madrid e país vasco son as comunidades cos portais institucionais máis accesibles

Galicia, Castela e León, Madrid e país vasco son as comunidades cos portais institucionais máis accesibles

  • O Observatorio de Accesibilidade Web destaca no seu informe anual o traballo realizado por estas catro comunidades 
  • O portal da Xunta ocupa o segundo posto a nivel estatal na categoría de portal principal e a sede electrónica sube ata a sexta posición das 18 analizadas  
  • Destacan tamén as webs de emprego e educación, que ocupan o primeiro e segundo posto nas súas respectivas categorías

 

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2024.-  O informe anual do Observatorio de Accesibilidade Web do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública  destaca os avances de Castela e León, Madrid, Galicia e País Vasco en materia de accesibilidade na súa rede de portais institucionais. A Xunta acada a máxima puntuación, das rexistradas ata agora, tanto na súa web principal, como na sede electrónica e nos portais de emprego e educación.

O portal Xunta.gal sitúase no segundo posto a nivel estatal e acada o máximo nivel de adecuación esixido pola normativa en materia de accesibilidade. O portal institucional da Xunta, que ronda os 25 millóns de visitas anuais, é a porta de entrada na rede á Administración autonómica. A sede electrónica ascende á sexta posición entre as 18 sedes analizadas polo Observatorio e consegue, tamén, o máximo nivel de adecuación.  

A sede, que entrou en funcionamento en 2015, pechou o 2023 con máis de 1,4 millóns de trámites rexistrados.

O informe destaca, ademais, os portais de emprego e educación da Administración autonómica galega, que se sitúan no primeiro e segundo lugar das súas respectivas categorías.

O Observatorio de Accesibilidade Web realiza o seguimento e evolución en materia de accesibilidade dos sitios web e aplicacións das administracións públicas. A entidade pública elabora desde 2010 un informe anual, que permite coñecer a situación e os avances neste ámbito a nivel estatal, autonómico, local e doutras entidades públicas.