Volver ao contido

Notas de prensa

Axentes sociais e económicos fan as súas achegas sobre innovación e competitividade para elaborar o Plan Estratéxico 2015-2020

Axentes sociais e económicos fan as súas achegas sobre innovación e competitividade para elaborar o Plan Estratéxico 2015-2020

 

•  Santiago acolleu hoxe o segundo foro de debate, no que participaron representantes de distintas entidades

•  O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, lembrou a importancia de consolidar a recuperación do emprego na Comunidade, "que cada vez é máis intensa"

•  O titular de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou que a competitividade é "a pedra angular do desenvolvemento de Galicia"

•  Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, remarcou o reto de mellorar a calidade educativa no marco dun sistema equitativo

•  Xa se celebrou un foro sobre demografía e políticas sociais, e nas vindeiras semanas terá lugar outro sobre cohesión territorial e desenvolvemento

 

 

Santiago, 27 de xullo de 2015.- Máis de medio cento de axentes sociais e económicos realizaron hoxe as súas achegas sobre crecemento innovador e competitividade, nun foro de debate no que participaron tamén representantes da Administración galega e que ten por obxectivo enriquecer o Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020. Este é o segundo foro destas características que se leva a cabo no marco da elaboración do Plan.

 

O foro de debate foi inaugurado esta mañá na Cidade da Cultura polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez; o titular de Economía e Industria, Francisco Conde; e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez. O foro de debate artellouse mediante tres mesas especializadas –unha sobre crecemento innovador, outra sobre competitividade da economía galega e unha terceira sobre competitividade a través da educación e o emprego-, nas que participaron especialistas de cada eido.

 

Todas as achegas que saen destas mesas permitirán enriquecer o documento final do Plan. O pasado luns celebrouse o primeiro foro de debate, sobre demografía e políticas sociais, e nas vindeiras semanas terá lugar un terceiro foro de debate sobre cohesión territorial e desenvolvemento. Ademais, xa está constituído o Comité Asesor do Plan Estratéxico, composto por 12 expertos en diferentes eidos da empresa, a innovación e a universidade.

 

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, explicou que o foro celebrado hoxe na Cidade da Cultura enmárcase no obxectivo de consolidar a recuperación do emprego en Galicia, "que xa está se está producindo, e de maneira cada vez máis intensa", segundo reflicten os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa do segundo trimestre do ano.

 

Neste sentido, o titular de Facenda insistiu en que Galicia ten que ser capaz de competir no marco dunha economía globalizada na que é preciso gañar competitividade e diferenciar o produto en base á innovación e á calidade. "Temos por diante o reto de que Galicia sexa unha economía cada vez máis competitiva, máis innovadora e máis exportadora", dixo.

 

Mentres, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou o esforzo planificador do Goberno galego para, en colaboración cos axentes sociais e económicos, trazar unha folla de ruta para que Galicia impulse "a pedra angular do seu desenvolvemento, a competitividade".

 

Unha folla de ruta "de Galicia para Galicia", dixo Conde, composta por instrumentos como a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, ou RIS3, coa que a comunidade busca impulsar a súa capacidade innovadora; pola Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, coa que "queremos reinventar a nosa industria incorporando a fábrica intelixente"; e coa Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, que sirve de ferramenta ás empresas para contribuír ao récord de exportacións que está a vivir Galicia.

 

Finalmente, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, cualificou a educación como un piar fundamental no contexto económico e social de Galicia e como un eixe transversal fundamental no marco deste Plan Estratéxico, que supón unha oportunidade para mellorar as condicións de vida. Neste sentido, sinalou que os retos no seu eido específico pasan pola mellora da calidade educativa no marco dun sistema equitativo que sirva como panca para o cambio social e produtivo.

 

Para iso, Rodríguez fixo fincapé na necesidade de continuar desenvolvendo medidas en prol da implementación das TIC, da aprendizaxe de idiomas, da cultura do esforzo e dunha escola inclusiva. Así mesmo, apostou por seguir fortalecendo a FP como unha formación competitiva e para o emprego e pola adaptación das titulación ás demandas sociais e ás esixencias dos sectores produtivos.

 

Proceso de participación

A Consellería de Facenda deu inicio este mes ao proceso de participación da sociedade civil na elaboración do Plan Estratéxico 2015-2020, co obxectivo de coñecer as prioridades dos sectores participantes e obter así un documento final máis enriquecido polas achegas dos axentes sociais.

 

Así, xa está operativa unha páxina web (www.planestratexico.gal) a través da cal todos os axentes sociais poden coñecer o proceso de elaboración do plan e a documentación base sobre o mesmo. Deste xeito, calquera persoa ou entidade pode enviar á Xunta as súas achegas e suxestións.

 

O Plan Estratéxico 2015-2020 deséñase non como un plan da Administración, senón como un proxecto conxunto da sociedade civil, co obxectivo primordial de que Galicia sexa un territorio con máis emprego, máis competitividade e máis benestar. Para iso, a súa elaboración parte dun modelo evolucionado da tripla hélice (Administración, Universidade e Empresa), ao que se lle engade a sociedade civil.