Volver ao contido

Notas de prensa

As rebaixas aprobadas polo Goberno central nos impostos do IVE e a electricidade terán un impacto nos ingresos de Galicia de 276 millóns de euros

As rebaixas aprobadas polo Goberno central nos impostos do IVE e a electricidade terán un impacto nos ingresos de Galicia de 276 millóns de euros

  • Esta perda de ingresos non terá impacto nas contas do ano 2023
  • Afectará á liquidación definitiva das entregas a conta deste exercicio, que se ingresará no ano 2025

 

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro.- As rebaixas aprobadas polo Goberno central nos impostos do IVE e a electricidade terán un impacto nos ingresos da Comunidade Autónoma de Galicia de 276 millóns de euros segundo un informe presentado hoxe polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos no Consello da Xunta.

 

En todo caso, esta perda de ingresos non terá impacto nas contas deste ano pois non afecta ás entregas a conta que se van recibir no 2023, senón que afectará á liquidación definitiva das entregas a conta deste exercicio que se ingresará no ano 2025.

 

As medidas aprobadas supoñen un esforzo compartido entre o Estado e as Comunidades Autónomas. Porén, o Goberno central tomou esta decisión sen diálogo previo e sen consenso coas autonomías; actuando de xeito unilateral e sen lealdade institucional.

 

A lexislación actual a través da Lei reguladora do sistema de financiamento xa establece sistemas e procedementos para compensar ás autonomías por esta perda recadatoria.