Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta subliña o seu compromiso para garantir servizos financeiros de calidade a todos os cidadáns con independencia do seu lugar de residencia

A Xunta subliña o seu compromiso para garantir servizos financeiros de calidade a todos os cidadáns con independencia do seu lugar de residencia

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, visitou hoxe os novos servizos financeiros apoiados pola Xunta postos en marcha no Páramo (Lugo)
  • Trátase dun concello que levaba máis de 3 anos sen ter servizos bancarios
  • Miguel Corgos explicou que os veciños volven dispoñer de caixeiro e dun servizo de asistencia financeira e xa recibiron formación no mes de marzo

O Páramo (Lugo), 11 de maio de 2022.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos subliñou hoxe o compromiso da Xunta para garantir a prestación de servizos financeiros de calidade a todos os cidadáns, contando cos mesmos dereitos e coa mesma calidade de vida con independencia de onde se viva, e facendo, deste xeito, unha aposta polo medio rural e polo reequilibrio territorial.  

Miguel Corgos visitou os novos servizos financeiros, apoiados polo Goberno galego, que se veñen de poñer en marcha no Páramo (Lugo), acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. O concello do Páramo levaba máis de 3 anos sen ter servizos bancarios e os veciños e veciñas tiñan que facer percorridos de ida e volta de máis de 15 quilómetros para sacar cartos.

Durante a súa intervención, o conselleiro explicou que con este novo servizo os veciños do Páramo disporán dun caixeiro automático e de asistencia financeira coa que poder solucionar calquera dúbida e contratar produtos coma nunha oficina bancaria convencional. Subliñou que tamén se realizou un servizo de formación financeira e banca electrónica, que se impartiu de xeito presencial xa o pasado mes de marzo, unha medida para o presente e o futuro, para que os veciños e veciñas da vila poidan empregar os servizos bancarios a través das novas tecnoloxías.

O financiamento corre a cargo da Xunta polo que o concello non tivo que facer ningunha achega económica e só cedeu e mantén os espazos necesarios para a instalación dos caixeiros e a prestación dos servizos de asesoramento financeiro e formación.

Servizo posto en marcha en toda Galicia
Miguel Corgos explicou que xa están en marcha estes servizos na maior parte dos 36  concellos que se adheriron á iniciativa froito do acordo entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para achegar unha solución a máis de 51.000 galegos e galegas. Nos concellos que restan iranse implantando ao longo do vindeiro mes para completar o proceso.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública subliñou que o Goberno galego está comprometido cos concellos rurais e coas políticas de reequilibrio territorial, e por iso en cada orzamento, as provincias de Ourense e Lugo teñen unha discriminación positiva no investimento por habitante en relación ás provincias atlánticas.

Neste marco, explicou que no orzamento en vigor a provincia de Lugo recibirá un total de 1.611 M€ de investimento territorializado, o que supón 4.926 euros por habitante, 1.166 euros máis por habitante que na provincia da Coruña e 1.342 euros máis que na provincia de Pontevedra.

Finalmente o conselleiro agradeceu a participación de todos os axentes implicados nesta iniciativa que conta co acordo do municipalismo galego representado a través da Fegamp e coa colaboración de Abanca.