Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta seguirá reforzando e simplificando a asistencia aos contribuíntes para prestar uns servizos públicos máis áxiles e accesibles

A Xunta seguirá reforzando e simplificando a asistencia aos contribuíntes para prestar uns servizos públicos máis áxiles e accesibles

  • O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o Plan de control tributario do exercicio 2022
  • No 2022 este organismo ampliará os medios de pago das débedas tributarias e permitirá realizar o seu pago a través de xiro postal ou transferencia bancaria

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2021.- A Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) seguirá reforzando e avanzando na información e simplificando a asistencia aos contribuíntes para prestar uns servizos públicos máis accesibles, sinxelos e áxiles. 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as liñas xerais do Plan de control tributario do exercicio 2022, que reforza as liñas de actuación desenvolvidas pola Atriga desde a súa posta en marcha no ano 2013.

O Plan de control tributario da Axencia Tributaria de Galicia para o ano 2022 está composto polas directrices xerais de actuación e polos plans de xestión tributaria, inspección tributaria e recadación que, conforme ao disposto no artigo 116 da Lei xeral tributaria, teñen carácter reservado. 

En cada un destes plans fíxanse as liñas de actuación que hai que executar e os obxectivos a alcanzar coa finalidade de contribuír a garantir a prestación dos servizos públicos a todos os cidadáns e potenciar o cumprimento voluntario das obrigas tributarias.

No 2021 a Atriga universalizou a posibilidade de que calquera cidadán puidese aboar on line, -a través da Oficina Virtual Tributaria e cunha tarxeta de crédito ou débito- todos os ingresos xestionados por este organismo, para evitar os desprazamentos ás oficinas bancarias. Desde a súa implantación en agosto e ata este mes de febreiro efectuáronse de 130.142 operacións.  
Nesta liña, desde o mes pasado a Axencia Tributaria de Galicia habilitou a posibilidade de realizar nas súas delegacións o pago das autoliquidacións do Imposto de Sucesións e Doazóns, do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD) e de vehículos usados por importe de ata 3.000 euros a través dun Terminal en Punto de Venda (TPV) físico. Desde a súa implantación en febreiro xa se efectuaron 582 operacións.

Os cidadáns poden realizar este pago mediante tarxeta de crédito ou débito de calquera entidade bancaria –e sen comisión de utilización para o contribuínte- no mesmo momento no que están a realizar a presentación dos impostos e coa mesma cita que soliciten para ser atendidos de xeito presencial en calquera das cinco delegacións da Atriga (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo).

Ademais, a Axencia Tributaria de Galicia tamén vai ampliar os medios de pago das débedas tributarias pois permitirá realizar o seu pago a través de xiro postal ou transferencia bancaria e porá en marcha unha nova aplicación informática para dispositivos móbiles (APP) coa finalidade de reforzar os canais de información e asistencia aos contribuíntes e para que os cidadáns poidan relacionarse de xeito máis cercano e sinxelo coa Atriga.