Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta proporá aos sindicatos convocar 720 prazas de emprego público polo sistema de oposición libre

A Xunta proporá aos sindicatos convocar 720 prazas de emprego público polo sistema de oposición libre

  • As posibilidades de lograr un destes postos dependerán exclusivamente da preparación e o esforzo realizado polos aspirantes no proceso selectivo
  • Destas prazas, máis de 540 correspóndense coas principais escalas administrativas da Administración galega
  • A Consellería de Facenda e Administración Pública propón esta medida co obxectivo de ofrecer oportunidades de emprego estable aos mozos e mozas e persoas sen experiencia profesional que queiran entrar a traballar na Administración

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2021.- A Xunta de Galicia vai propoñer aos sindicatos a convocatoria dun total de 720 prazas de emprego público a través do sistema de oposición libre. A Xunta modifica así o sistema de selección que viña empregando nos últimos anos e substitúe o concurso-oposición polo de oposición libre. 

O cambio afecta ás propostas de bases de convocatorias de 20 escalas profesionais que a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitir ás organizacións sindicais para a súa negociación. Estas prazas pertencen ás Ofertas de Emprego Público (OEP) do ano 2019, 2020 e 2021.

A estas oposicións poderá presentarse calquera persoa que cumpra os requisitos esixidos nas convocatorias, e a súas posibilidades de lograr unha praza dependerán exclusivamente da preparación e do esforzo realizado polos aspirantes no proceso selectivo. Polo tanto, non haberá unha fase de concurso na que se valoren os méritos de experiencia profesional ou a formación.

Do total de prazas, máis de 540 serán para o acceso ás principais escalas da Administración Xeral, entre as que destacan 75 para o Corpo superior A1, 90 prazas para o Corpo de xestión A2, 102 para o Corpo administrativo C1, 120 prazas para o Corpo auxiliar C2, 119 para a Agrupación Profesional (AP) de persoal funcionario e oito para a Escala Técnica de Finanzas A2. Tamén se recollen cinco prazas para o Corpo auxiliar e 28 de Agrupación Profesional reservadas para persoas con discapacidade intelectual.

Estas convocatorias serán complementarias ás dos procesos de estabilización de emprego que se desenvolverán ao abeiro da Lei 20/21 do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público que se publicarán antes de finais de ano. De feito, as bases remitidas aos sindicatos prevén que as probas selectivas poidan celebrarse de xeito simultáneo.
A Consellería de Facenda e Administración Pública proporá esta medida co obxectivo de rexuvenecer os cadros de persoal da Administración Autonómica e tamén para ofrecer unha oportunidade de emprego estable tanto a aqueles mozos e mozas que remataron os seus estudos recentemente como ás persoas sen experiencia profesional na Administración.

PROCESO

PRAZAS

 

 

Corpo superior de Administración xeral – Subgrupo A1

75

Corpo de xestión de Administración xeral – Subgrupo A2

90

Corpo administrativo da Administración xeral – Subgrupo C1

102

Corpo auxiliar de Administración xeral – Subgrupo C2

120

Agrupacións profesionais - Subalterno

119

Escala Técnica de Finanzas – Subgrupo A2

8

Corpo auxiliar de Administración xeral – Subgrupo C2 (Discapacidade intelectual)

5

Agrupación Profesional - Subalterno (Discapacidade intelectual)

28

Escala de Auxiliar Clínica - Subgrupo C2

54

Escala Auxiliar  Coidador – Subgrupo C2

65

Especialidade Enxeñaría de Minas – Subgrupo A1

4

Especialidade Enxeñeiro Técnico de minas – Subgrupo A2

1

Escala de Arqueólogos – Subgrupo A1

7

Especialidade de Arquivos – Subgrupo A1

6

Especialidade de Bibliotecas – Subgrupo A1

5

Especialidade de Museos – Subgrupo A1

3

Escala de Axudantes de Arquivos – Subgrupo A2

1

Escala de Axudantes de Bibliotecas – Subgrupo A2

6

Escala de Axudantes de Museos – Subgrupo A2

5

Enxeñaría técnica de obras públicas – Subgrupo A2

16

 

720