Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta prestou asistencia e colaboración tributaria a preto de 260.000 persoas no ano 2022

A Xunta prestou asistencia e colaboración tributaria a preto de 260.000 persoas no ano 2022

  • Do total, 1.284 persoas recibiron atención tributaria a través da canle preferente para maiores de 65 anos
  • O ano pasado a Atriga continuou reforzando e avanzando na información e na simplificación da asistencia á cidadanía 
  • Habilitou a posibilidade de realizar o pagamento de determinados impostos mediante un TPV físico nas súas delegacións e ampliou os medios de pagamento das débedas tributarias permitindo o seu abono a través de xiro postal ou transferencia bancaria
  • As actuacións de prevención e control da Axencia Tributaria de Galicia permitiron aflorar o ano pasado 97 millóns de euros de débeda non declarada
  • O 97% dos galegos e das galegas aplicaron correctamente os beneficios fiscais 

Santiago de Compostela, 15 de marzo.- A Xunta de Galicia atendeu o ano pasado un total de 259.083 galegos e galegas co obxectivo de facilitar o cumprimento das súas obrigas tributarias. Deles, 1.284 recibiron atención tributaria a través da canle preferente para maiores de 65 anos posta en marcha o pasado outubro. Así se desprende do informe analizado hoxe no Consello da Xunta sobre as actuacións de control tributario realizadas pola Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) no 2022. 

Do total, 144.480 foron atendidas de maneira presencial nos 47 puntos de información que a Atriga ten distribuídos por toda Galicia; e ás 114.603 restantes prestóuselles asistencia pola vía telefónica. O informe analizado hoxe mostra tamén que o ano pasado a Axencia Tributaria de Galicia non esgotou a súa capacidade de atención aos cidadáns pois o 54,2% das citas ofrecidas quedaron libres.

Hai que ter en conta que xa desde o mes de maio de 2021, os servizos que se prestaban de xeito presencial completáronse coa posibilidade de poder solicitar unha cita para obter de maneira telefónica información tributaria xeral ou para a asistencia na confección on line dos modelos de autoliquidación dos impostos. Tamén se unificou a atención telefónica nun número único de Información ao contribuínte co fin de mellorar e facilitar o acceso dos cidadáns á información tributaria. 

Ademais, a Atriga universalizou a posibilidade de que calquera cidadán puidese aboar on line, -a través da Oficina Virtual Tributaria e cunha tarxeta de crédito ou débito- todos os ingresos xestionados por este organismo, para evitar os desprazamentos ás oficinas bancarias. Desde a súa implantación efectuáronse 309.733 operacións.


Máis información e simplificación no 2022
No ano 2022 a Atriga continuou reforzando e avanzando na información e simplificando a asistencia á cidadanía coa finalidade de contribuír a garantir a prestación dos servizos públicos a todos galegos e galegas.

Así, desde mediados de febreiro do pasado ano habilitou a posibilidade de realizar nas súas delegacións o pagamento das autoliquidacións do Imposto de Sucesións e Doazóns, do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD) e de vehículos usados por importe de ata 3.000 euros a través dun Terminal en Punto de Venda (TPV) físico.

Os cidadáns poden realizar este pagamento mediante tarxeta de crédito ou débito de calquera entidade bancaria –e sen comisión de utilización para o contribuínte- no mesmo momento no que están a realizar a presentación dos impostos e coa mesma cita que soliciten para ser atendidos de xeito presencial en calquera das cinco delegacións da Atriga (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo). Desde mediados de febreiro realizáronse 7.158 operacións.

Ademais, a Axencia Tributaria de Galicia tamén ampliou os medios de pagamento das débedas tributarias permitindo realizar o seu pagamento a través de xiro postal ou transferencia bancaria, co obxectivo de facilitar o cumprimento das obrigas tributarias a aos cidadáns.

Trátase de ampliar as posibilidades de pagamento das que xa dispoñen os cidadáns e dar resposta a todos aqueles casos nos que o contribuínte non ten aberta unha conta en ningunha das entidades colaboradoras coa Atriga. Segundo o informe, o número de operacións por xiro postal en 2022 ascenderon a 682. Por outra banda, a domiciliación, foi o medio de pagamento elixido en 11.397 autoliquidacións.


Actuacións tributarias
Por outra banda, o documento analizado hoxe tamén recolle que as actuacións de prevención e control tributarias desenvolvidas pola Xunta permitiron aflorar 97 millóns de euros de débeda non declarada no ano 2022.

No último exercicio, a Atriga efectuou 468.803 comprobacións de autoliquidacións de impostos. Unha vez revisadas estas autoliquidacións, no caso de detectar que non é correcta, a Atriga practica unha liquidación para que o contribuínte tribute conforme á legalidade. O número de liquidacións practicadas a raíz dunha comprobación foi de 32.147. 

Desas, 15.526 foron no Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados, 5.930 no Imposto de Sucesións e Doazóns, e 10.691 no ITP na transmisión de vehículos. Foron correctas o  96% das autoliquidacións do Imposto de Sucesións e Doazóns, o 91% das do Imposto de Transmisións Patrimoniais, e o 92% das autoliquidacións de vehículos.

Ademais, o 97% dos galegos e das galegas aplicaron correctamente os beneficios fiscais e a Atriga deu a súa conformidade ao 76% das máis de 636.900 valoracións de bens realizadas o ano pasado. A Axencia Tributaria de Galicia tamén concedeu no ano 2022, 3.115 aprazamentos de impostos por importe de 18,7 millóns de euros.