Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta pon en marcha un paquete de medidas para paliar as consecuencias da alza de prezos

A Xunta pon en marcha un paquete de medidas para paliar as consecuencias da alza de prezos

  • Entre as medidas están a axilización e reforzo do Bono social térmico, o compromiso de financiar o anticipo das axudas directas da PAC ou a compensación do pago das taxas portuarias durante polo menos dous meses


Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2022.-  A Xunta de Galicia vén de aprobar na súa reunión do Consello de hoxe unha batería de medidas co obxectivo de paliar as consecuencias da alza de prezos e achegar liquidez ás empresas dentro do ámbito das competencias autonómicas.

Entre as medidas adoptadas, axilízase o lanzamento do Bono social térmico para axudar aos fogares a afrontar os gastos de calefacción, auga quente e cociña, que se intensificaron nos últimos meses. Trátase dun investimento de 13,1 millóns de euros que chegará a máis de 66.400 fogares vulnerables. Realizarase a través dun ingreso directo na conta das familias beneficiarias, que son as mesmas que xa contan con descontos nas súas facturas da luz grazas ao Bono Social Eléctrico.

Nesta liña, aprobouse tamén un complemento extraordinario de 100 euros para reforzar a contía de Bono Social Térmico. Será posible grazas á habilitación duns fondos adicionais de 6,6 millóns de euros, que elevan o investimento total nesta medida aos 19,7 millóns de euros.

En relación co agro, e para facilitar liquidez, a Xunta asume o compromiso de financiar o anticipo das axudas directas da PAC que as explotacións cobran no mes de outubro de cada ano. Suporá anticipar seis meses uns 200 millóns de euros de liquidez para os agricultores e gandeiros, subvencionando os xuros cun custo para a Xunta de arredor de dous millóns de euros.

Ademais, contémplase a apertura de liñas de crédito de ata 20.000 euros para poder atender compras de circulante, por parte dos gandeiros, avaladas pola Xunta. Para esta operación, a Consellería do Medio Rural dispón dunha liña de avais para chegar ata os 25 millóns de euros de préstamos. Deste xeito, articularanse uns préstamos de sinxela concesión que se outorgarán en función do número de animais de cada explotación.
No ámbito marítimo-pesqueiro, o Consello aprobou o establecemento de medidas para compensar o importe das taxas portuarias correspondentes a un período de alo menos dous meses para a descarga dos produtos do mar e os atraques nos peiraos de competencia autonómica. Tamén no eido relacionado co mar e, seguindo a mesma liña de xestión realizada durante a pandemia da covid-19, acordouse axilizar o abono das axudas concedidas aos axentes do sector a través das diferentes ordes de achegas convocadas polo Goberno autonómico.