Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta pide a cogobernanza no reparto dos fondos europeos para sacarlles o máximo partido

A Xunta pide a cogobernanza no reparto dos fondos europeos para sacarlles o máximo partido

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública participou hoxe en Madrid nun seminario sobre o impulso aos investimentos para unha economía verde, dixital e xusta 
  • Miguel Corgos puxo en valor que Galicia ten definidos xa 355 proxectos públicos e privados para transformar a economía galega, mellorando a súa competitividade e  posición internacional
  • Corgos reclama unha planificación consensuada, con proxectos ligados a cada territorio, para responder ás necesidades específicas de cada comunidade

 

Madrid, 21 de setembro de 2022.-  A Xunta de Galicia advirte de que só a máxima participación das Comunidades Autónomas no reparto dos fondos europeos permitirá que se lles saque o máximo partido. Así o puxo de manifesto o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, quen participou hoxe mércores en Madrid nun seminario organizado pola Comisión Europea para analizar e impulsar os investimentos para unha economía verde, dixital e xusta, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Miguel Corgos gabou a oportunidade que os fondos Next Generation supoñen para o noso país, sempre que se lles tire o máximo partido para transformar o tecido produtivo e favorecer unha economía máis forte e resiliente. Neste sentido, lembrou que Galicia ten xa definidos 355 proxectos públicos e privados para transformar a economía galega, mellorando a súa competitividade e posición internacional. Máis de 350 traballadores realizan tarefas relacionadas coa xestión destes recursos.

O Goberno galego ten en marcha iniciativas como a Unidade de Proxectos Tractores, para colaborar co tecido produtivo e identificar proxectos susceptibles de aproveitar os fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR); a Estratexia Next Generation Galicia, para definir as prioridades na comunidade; a Comisión Next Generation, un órgano para planificar, impulsar e desenvolver os proxectos que poden obter financiación do MRR ou a Oficina Técnica Next Gen para coordinar a posta en marcha de iniciativas públicas e privadas e dar soporte técnico aos proxectos públicos, incluídos os concellos.

Dificultades na xestión
O responsable da Facenda galega apuntou que, a pesar da dilixencia do Goberno galego para o aproveitamento dos fondos, existen dificultades para a súa xestión óptima, como a falta dunha planificación consensuada. Apuntou que é preciso ligar os proxectos a cada territorio posto que as iniciativas estratéxicas de cada C.A. atenden a distintas necesidades.

Para Miguel Corgos é imprescindible, ademais, unha planificación plurianual que recolla os recursos dos que vai dispor cada administración, para mellorar a capacidade de xestión e acelerar a execución dos fondos, ao contar cunha garantía de cobertura financeira.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública insistiu na necesidade dunha cogobernanza real, en liña co que esixe a Unión Europea e para iso ofreceu o compromiso do Goberno galego para colaborar co Goberno central e superar todas as dificultades.