Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta invita aos cidadáns a coñecer o funcionamento do Goberno a través da Semana da Administración Aberta

A Xunta invita aos cidadáns a coñecer o funcionamento do Goberno a través da Semana da Administración Aberta

Desde mañá luns 20 e ata o venres 24 de marzo celebraranse diferentes xornadas de participación social para divulgar a súa actividade e os seus obxectivos
 

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2023.- A Xunta invita a todas as galegas e os galegos a coñecer o funcionamento do goberno e a Administración pública galega e a participar dos seus principios e valores a través da Semana da Administración Aberta. 

Desde mañá, luns 20 e ata o venres 24 de marzo, a Consellería de Facenda e Administración Pública organiza diferentes actividades e xornadas de participación social na que se implican o conxunto das consellerías para divulgar os principios nos que se sustenta a Administración aberta: a transparencia, a rendición de contas, a participación cidadá, a integridade pública e a colaboración.

A Semana da Administración Aberta constitúe unha oportunidade única para que os cidadáns coñezan mellor o funcionamento das Administracións e os valores que rexen o Goberno aberto, así como as ferramentas de participación cidadá na elaboración, planificación e execución das políticas públicas.

Programa da semana do Goberno Aberto
O programa conta con visitas, charlas, xornadas e webinarios guiados por conselleiros e outros altos cargos da Administración autonómica e abertos á participación dos galegos e galegas interesados en coñecer con máis detalle os temas abordados. 

Deste xeito, mañá luns o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, abrirá de maneira oficial as actividades da Semana da Administración Aberta presentando unha charla sobre o dereito cidadán á boa Administración, que impartirá Jaime Rodríguez Arana, na EGAP.  

Os máis novos terán tamén oportunidade de participar destes actos, xa que a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Mejuto, guiará unha visita de alumnado de primaria ás Instalacións de SOGAMA en  Cerceda. Será a conselleira do Mar, Rosa Quintana, a que acompañe a visita ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR), en Vilagarcía de Arousa. 

Así mesmo, o martes, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, visitará en Pontevedra a obra de ampliación e reforma do Hospital de Montecelo; e o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, participará nun webinario sobre liñas de axudas ás corporacións locais. Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, estará na Facultade de Económicas de Santiago para pronunciar unha conferencia sobre o proceso de elaboración dos Orzamentos, a planificación e o PEG 2022-2030. Ademais, o conselleiro de Sanidade, Julio Comesaña, tamén en Santiago, falaralle ao alumnado de Medicina no Hospital Clínico de Santiago, sobre as saídas profesionais no SERGAS.

En canto ao mércores, o conselleiro de Facenda e Administración Pública acompañará a unha visita escolar á sede da Xunta en Santiago, onde os alumnos de primaria dun centro público coñecerán a Sala do Consello e poderán formularlle propostas de melloras dos servizos públicos; e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Mejuto participará con escolares nunha visita a Meteogalicia.

O xoves, a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, inaugurará na Coruña o Encontro da Mocidade 2023; e o conselleiro do Medio Rural, José González, visitará en O Incio a Aldea Modelo  de Trascastro. 

Para rematar esta semana de actividades, o venres, o conselleiro do Medio Rural presentará, na Fundación laboral da construción, a "Guía técnica de solucións innovadoras en madeira estrutural na arquitectura galega actual"; e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presentará os plans municipais de abastecemento autónomo, en Oímbra. 

Ademais, durante a Semana da Administración Aberta celebraranse outras actividades, como as charlas que varios directores xerais de diferentes consellerías impartirán en seis facultades dos campus das tres universidades galegas. Os horarios, contidos e localizacións pódense consultar no portal de transparencia  (https://transparencia.xunta.gal/a-transparencia/goberno-aberto/semana), onde se poderá tamén participar a través de enquisas de satisfacción das actividades programadas.

Esta iniciativa enmárcase na semana organizada pola Alianza do Goberno Aberto, da que España forma parte desde 2011, para dar máis participación aos cidadáns, utilizar as novas tecnoloxías para fortalecer a gobernanza e facilitar o acceso á xustiza, e construír institucións eficaces, inclusivas e transparentes.