Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta estenderá o novo modelo de xestión de dixitalización e impresión ao 100% dos dispositivos

A Xunta estenderá o novo modelo de xestión de dixitalización e impresión ao 100% dos dispositivos

  • Con esta iniciativa a Administración autonómica continúa o proceso de optimización dos seus medios de impresión e dixitalización, adaptándoos ás necesidades dunha administración dixital
  • Desde a posta en marcha deste modelo de xestión reducíronse nun 26% os equipos de impresión na Administración xeral e de Xustiza e estableceuse un modelo de pago por copia para reducir o uso do papel
  • Para ampliar o alcance desta iniciativa o Goberno galego aprobou hoxe un acordo marco que integra na mesma contratación o mantemento, dotación de equipos e a subministración de consumibles mediante o sistema de pago por copia

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2024.- A Xunta de Galicia avanza na consolidación dun novo modelo dos sistemas de impresión e dixitalización corporativos, que comezou a implantar en 2017 para adaptar este servizo ás necesidades da administración dixital. Con este obxectivo, o Consello do Goberno galego aprobou hoxe un novo acordo marco para a contratación centralizada do mantemento e renovación de equipos e o subministro de consumibles. Este acordo marco permitirá pasar do 90% de equipos renovados ao 100% e dar continuidade a un modelo que busca mellorar a calidade e optimizar os seus medios de impresión e dixitalización.

Desde a posta en marcha deste novo modelo de dixitalización e impresión en 2017, reducíronse en 1.700 os equipos de impresión, o que supón o 26% do parque de impresoras da Administración xeral e de Xustiza. Ademais, integráronse 5.500 equipos de dixitalización e impresión neste modelo de xestión corporativa e o 90% foron renovados no período 2017-2023. 

O acordo marco aprobado hoxe permitirá acadar a renovación do 100% do equipamento estendendo este servizo de impresión e dixitalización onde non estea implantado; ademais de garantir o mantemento integral do equipamento de dixitalización e impresión xa existente, así como a dotación de consumibles. O acordo marco aprobado conta cun valor estimado de ata 17,7 millóns de euros, un 20% menos que o valor estimado dos dous contratos anteriores (22,1 millóns de euros).

A través dos dous contratos marco anteriores a Administración autonómica logrou implantar un modelo de xestión dos seus servizos de dixitalización e impresión, baseado na contratación de servizos integrais, que se encargan tanto da renovación tecnolóxica de novos equipos como da retirada dos obsoletos; no incremento de equipos multifunción, que dan unha mellor resposta aos postos administrativos; na redución dos equipos en postos individuais a favor de equipos en rede; na aposta pola homoxeneidade de modelos e fabricantes, o que posibilita unha xestión remota de todas as máquinas; e no subministro de consumibles mediante o sistema de pago por copia. 

Este sistema de xestión e impresión enmárcase no proceso de transformación dixital da Administración autonómica, a través de iniciativas como o Plan de posto dixital do empregado público, que ten como obxectivo garantir que os empregados públicos dispoñan dos medios tecnolóxicos axeitados ás súas funcións e á prestación dos servizos dixitais para cidadáns e empresas, que require o contexto actual.