Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta estenderá o novo modelo de xestión de dixitalización e impresión ao 100% dos dispositivos

A Xunta estenderá o novo modelo de xestión de dixitalización e impresión ao 100% dos dispositivos

  • A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia licita hoxe un acordo marco que permitirá continuar o proceso de optimización dos medios de impresión e dixitalización da Administración autonómica
  • Desde a posta en marcha deste modelo de xestión reducíronse nun 26% os equipos de impresión na Administración xeral e de Xustiza e estableceuse un modelo de pago por copia para reducir o uso do papel

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2024.- A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia licita hoxe un acordo marco para a contratación centralizada do mantemento e renovación de equipos e o subministro de consumibles, que permitirá continuar o proceso de optimización dos medios de impresión e dixitalización da Administración autonómica.   

O acordo marco permitirá acadar a renovación do 100% do equipamento, estendendo este servizo de impresión e dixitalización onde non estea implantado; ademais de garantir o mantemento integral do equipamento de dixitalización e impresión xa existente, así como a dotación de consumibles. O acordo marco establece un valor estimado de ata 17,7 millóns de euros, un 20% menos que o valor estimado dos dous contratos anteriores (22,1 millóns de euros).

A Xunta de Galicia iniciou en 2017 a implantación dun modelo de xestión dos sistemas de  dixitalización e impresión que permitiu a redución de 1.700 equipos de impresión, o que supón o 26% do parque de impresoras da Administración xeral e de Xustiza. Ademais,  no período 2017-2023 integráronse 5.500 equipos de dixitalización e impresión neste modelo de xestión corporativa e renovouse o 90%. 

O modelo de xestión que está a implantar a Xunta baséase na contratación de servizos integrais, que se encargan tanto da renovación tecnolóxica de novos equipos como da retirada dos obsoletos; no incremento de equipos multifunción, que dan unha mellor resposta aos postos administrativos; na redución dos equipos en postos individuais a favor de equipos en rede; na aposta pola homoxeneidade de modelos e fabricantes, o que posibilita unha xestión remota de todas as máquinas; e no subministro de consumibles mediante o sistema de pago por copia.