Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta e o Cluster TIC suman esforzos para promover o talento galego para unha transformación dixital adaptada ás necesidades de Galicia

A Xunta e o Cluster TIC suman esforzos para promover o talento galego para unha transformación dixital adaptada ás necesidades de Galicia

  • O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia participou hoxe nunha sesión de presentación de ideas no marco do proxecto TechAngels
  • TechAngels forma parte das actuacións do convenio entre a Axencia, o IGAPE e o Clúster TIC
  • O obxectivo da iniciativa e poñer en contacto a emprendedores e startups con investidores e empresas tecnolóxicas con capacidade para poñer en marcha os proxectos
  • As actuacións da Xunta sobre conectividade, xestión do territorio, mobilidade e transporte, servizos sociais, ou Administración e servizos dixitais requiren de solucións adaptadas e autóctonas que utilicen tecnoloxías de alto impacto como a intelixencia artificial

 

Santiago, 15 de marzo de 2024.- O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, destacou hoxe na Coruña que Galicia "necesita talento local e empresas propias para afrontar os retos dunha transformación tecnolóxica singular, nun proceso adaptado ás necesidades específicas do noso país".

Cerviño fixo estas manifestacións na Cidade das TIC da Coruña durante a inauguración da sesión de presentación de ideas (pitching) no marco do proxecto TechAngels, que forma parte dun convenio de colaboración entre a axencia autonómica, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Clúster TIC de Galicia.

TechAngels, por unha banda, selecciona e coñece proxectos empresariais innovadores non tecnolóxicos que precisen dun socio tecnolóxico e, pola outra, busca emprendedores e proxectos cunha forte compoñente tecnolóxica para poñelos en contacto con investidores.

Julián Cerviño referiuse ás "singularidades" de Galicia relacionados co territorio, a poboación, a Administración e servizos dixitais ou os sectores estratéxicos, así como  á aposta da Xunta de Galicia polo emprego de tecnoloxías de alto impacto, como a intelixencia artificial, o internet das cousas, a economía do dato ou os vehículos non tripulados ao servizo do benestar das persoas e a xeración de riqueza.

Neste sentido, subliñou que o talento de Galicia ten que contribuír a ese desenvolvemento con solucións adaptadas para afrontar os proxectos que a Xunta ten en marcha no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030. Entre os proxectos que requiren desa visión "autóctona", Cerviño referiuse á xestión intelixente do territorio cos datos e información procedentes da rede de sensores de iCousas (internet das cousas); á plataforma de mobilidade que racionaliza e facilita o uso e eficiencia dos transportes públicos; o modelo de asistencia apoiada na tecnoloxía en residencias intelixentes e fogares intelixentes para persoas maiores ou con discapacidade; á automatización e robotización para lograr unha Administración dixital máis eficiente, máis personalizada e máis accesible; ou á evolución da xustiza e a educación dixital que xa están implantadas en todas as salas de vistas e en practicamente todas as aulas.