Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta destina máis de 700.000 euros a subvencionar accións para a capacitación dixital da cidadanía a través das aulas CEMIT

A Xunta destina máis de 700.000 euros a subvencionar accións para a capacitación dixital da cidadanía a través das aulas CEMIT

  • As axudas irán destinadas, a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP, ás aulas de referencia localizadas en 61 municipios
  • A medida enmárcase no convenio asinado entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a FEGAMP para impulsar un novo modelo de aulas CeMIT
  • Este convenio forma parte do Plan de Reforma e Ampliación da Rede de Aulas CeMIT que está en  marcha e que suporá un investimento de 22,8M€ ata o 2025

 

A Xunta destinará este ano máis de 700.000 euros a subvencionar actividades de capacitación dixital nos 61 centros que acreditaron as condicións para ser aulas de referencia da Rede CeMiT. 
Estas axudas, aprobadas hoxe na reunión do Consello do Goberno galego, distribuiranse atendendo a criterios de actividade das aulas así como da poboación do municipio, correspondendo ás entidades locais de máis de 5.000 habitantes unha achega de 15.000 euros e ás de menos de 5.000 habitantes a contía de 7.251 euros.
Estas subvencións están enmarcadas no convenio asinado entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para impulsar un novo modelo aula CeMIT acorde cos requirimentos do Marco Galego de Competencias Dixitais.  
O convenio coa FEGAMP forma parte do Plan de Reforma e Ampliación da Rede de Aulas CeMIT, actualmente en marcha, e que suporá un investimento de 22,8 millóns de euros ata 2025 para a dotación de equipamento tecnolóxico punteiro, reforma das aulas e o reforzo dos servizos dixitais, e para adaptar a estratexia formativa ao novo Marco galego de Competencias Dixitais.
Dotación tecnolóxica punteira 
No marco deste Plan, a Axencia autonómica distribuíu en 2023 máis de 1.300 novos dispositivos entre impresoras 3D, drons, lentes de realidade virtual e kits de placas de comunicación e programación. 

Ademais, completouse a substitución dos equipos actuais de sobremesa por máis de 1.300 ordenadores con pantalla e teclado integrados (‘All in one'); adquiríronse 20 unidades de dispositivos adaptados a persoas con capacidades diversas; e 880 tablets.
Marco Galego de Competencias Dixitais 
A Rede CeMIT é un dos instrumentos clave para acadar o obxectivo marcado polo Compoñente 19.I1 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España de formar a máis de 45.000 persoas ata 2025. 

Actualmente a Rede está integrada por 94 aulas, nas que se ofrece formación e asesoramento gratuítos a todos os galegos e galegas, pero centrándose, de xeito prioritario, nos colectivos que teñen máis dificultades para acceder á tecnoloxía. A Rede CeMIT conta con máis de 114.000 usuarios e pechou o 2023 superando as 3.400 actividades.