Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta destaca que os Orzamentos de 2023 priorizan o apoio e protección das familias e a dinamización da economía

A Xunta destaca que os Orzamentos de 2023 priorizan o apoio e protección das familias e a dinamización da economía

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, explicou hoxe no Parlamento galego que as contas do ano que vén inclúen cinco liñas de actuación para favorecer o impulso que Galicia necesita neste momento
  • Salientou que para o vindeiro ano, o Goberno galego volverá baixar os impostos e reforzará o gasto social

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2022.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe no Parlamento galego que os Orzamentos de Galicia para 2023 priorizan o apoio e protección das familias e a dinamización da economía.

Neste sentido, sinalou que o obxectivo do Goberno galego é o de axudar, protexer e acompañar ás familias que máis o necesitan nunha conxuntura de alza de prezos e tamén o de impulsar a competitividade e favorecer o dinamismo nun momento de ralentización económica.

Así, Miguel Corgos explicou que as contas do vindeiro ano priorizan cinco liñas de actuación para favorecer o impulso que Galicia necesita neste momento, con medidas de apoio e protección ás familias e ás persoas máis vulnerables, de aforro e eficiencia enerxética, de dinamización económica, de protección do medio ambiente e loita contra a seca e o cambio climático, e de fortalecemento dos servizos públicos autonómicos. 

Menos impostos e máis gasto social
Durante a súa intervención, o conselleiro sinalou que para 2023 as familias son o centro das políticas de loita contra a inflación mediante as baixadas de impostos. Neste marco, destacou a deflactación con carácter retroactivo a 1 de xaneiro de 2022 dos tres primeiros tramos do IRPF e a minoración do tramo máis baixo, o que beneficiará con máis intensidade ás rendas máis modestas. Cada contribuínte galego pagará de media 476€ menos de IRPF que no ano 2009. 

Tamén destaca unha nova dedución de 250 euros para os contribuíntes con dous fillos, que se equipara así á das familias numerosas; e a decisión de duplicar a actual dedución aplicable ás familias numerosas, para que a dedución das familias con tres fillos sexa de 500 euros, cun aumento doutros 250 euros por cada fillo a maiores. 

Por outra banda, o titular da Facenda autonómica subliñou que os Presupostos de 2023 reforzan un ano máis o gasto social, é dicir, reforzan a sanidade, a educación, as políticas sociais e o fomento do emprego. En total, a Xunta destinará 9.368 millóns de euros ao gasto social, o máis elevado da historia de Galicia.