Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta destaca no Govtech4impact World Congress o esforzo de Galicia para situarse á vangarda de Europa no desenvolvemento dunha intelixencia artificial ética e humanista

A Xunta destaca no Govtech4impact World Congress o esforzo de Galicia para situarse á vangarda de Europa no desenvolvemento dunha intelixencia artificial ética e humanista

  • Miguel Corgos asiste á inauguración do congreso mundial sobre dixitalización e innovación e participa nunha reunión a porta pechada con representantes de outras CC.AA.
  • O director da Axencia Galega de Modernización Tecnolóxica, Julián Cerviño, participará o xoves, 23 de maio, na xornada sobre as oportunidades e retos da Intelixencia Artificial para a eficiencia administrativa

Madrid, 21 de maio de 2024.- A Xunta puxo hoxe de relevo, no marco do  Govtech4impact World Congress, o esforzo de Galicia para situarse á vangarda de Europa no desenvolvemento dunha intelixencia artificial ética e humanista. 

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, asistiu á inauguración deste congreso mundial, onde participou ademais nunha reunión a porta pechada de responsables de dixitalización e innovación de Andalucía, Navarra, Madrid, Castela-A Mancha e Estremadura.

A presenza de Galicia neste congreso continúa o xoves 23, cando o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, participará na xornada sobre as oportunidades e os retos que presenta a Intelixencia Artificial para a eficiencia administrativa. Alí volverá a insistir no esforzo de Galicia para situarse á vangarda de Europa no desenvolvemento dunha intelixencia artificial ética e humanista.

Julián Cerviño falará de iniciativas como a lexislación que proximamente aprobará o Consello da Xunta, que é a primeira lei rexional que se elabora en Europa para o desenvolvemento e implantación da IA na Administración. A lei que prepara a Comunidade galega recoñece os dereito da cidadanía e establece mecanismos de promoción e incentivos para o uso da intelixencia artificial por parte da sociedade e os sectores produtivos. 

Cómpre salientar que a intelixencia artificial é unha tecnoloxía clave para o obxectivo do Goberno galego de avanzar cara á unha administración dixital máis eficiente, máis personalizada e máis accesible.