Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta de Galicia e o Banco Santander asinan o primeiro préstamo sustentable da comunidade

A Xunta de Galicia e o Banco Santander asinan o primeiro préstamo sustentable da comunidade

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e a directora territorial do Banco Santander en Galicia, Rocío Pazos, asinaron este mediodía o acordo
  • O préstamo, por importe de 230 millóns, destinarase integramente a investimentos sociais e medio ambientais vinculados tamén á Axenda 2030 e incluídos nos Orzamentos Xerais da Comunidade

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2022.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e a directora territorial do Banco Santander en Galicia, Rocío Pazos, asinaron este mediodía o primeiro préstamo sustentable da Comunidade.

O préstamo, por importe de 230 millóns de euros e cun prazo de amortización ata 2034, destinarase integramente a investimentos sociais e medio ambientais vinculados tamén á Axenda 2030 e incluídos nos Orzamentos Xerais de Galicia.

Este préstamo contribuirá, deste xeito, ao financiamento de proxectos relacionados co uso verde dos recursos, como as enerxías renovables, a eficiencia enerxética, a prevención e o control da contaminación, a xestión sustentable dos recursos naturais, o transporte limpo ou a xestión sostible da auga.

E, no eido social, destinaranse a iniciativas relacionadas co acceso a servizos esenciais, a mellora da accesibilidade no rural, o acceso á vivenda ou á xeración de emprego, entre outras liñas. 

Hai que lembrar que Galicia conta desde o ano 2020 cun Marco de Financiamento Sustentable que lle permitiu ser unhas das primeiras comunidades autónomas en emitir bonos sustentables. 

Este Marco de Financiamento Sustentable é un documento indispensable para a formalización deste tipo de débeda, foi verificado por unha entidade externa independente, e nel recóllese o compromiso da Xunta de Galicia na promoción dun financiamento responsable e eficiente para abordar os desafíos ambientais, económicos e sociais da Comunidade.